A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego chegou o pasado sábado ao seu fin repartindo os galardóns correspondentes á esta 15ª edición. O documental The season when velvet antlers get ripe[A tempada do desmoche] da realizadora rusa Galina Leontieva acadou o premio á Mellor Película Etnográfica segundo o xurado pola "capacidade de inmersión que transmite a película a partir dun traballo cinematográfico coidado e suxerinte. Pola representación brillante dun contexto que xera unha reflexión que parte da produción do veludo de cervo para desvelar as súas relacións globais". O filme Hamada de Eloy Domínguez que describe a realidade dos campos de refuxiados saharauís foi a elixida para recibir o premio á Mellor Película Galega desta edición da MICE. O xurado destacou dela "a mirada cinematográfica coa que realiza un retrato empático e profundo" sobre a vida dunha xeración de mozos nestes campamentos. Pola súa banda o público da 15ª MICE outorgou o seu premio á obra Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo, unha curta que nos fai viaxar pola tradición oral do rural galego da man de Carmen, que nos conta historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade infestadas de costume, folclore e supersticións.
O xurado, formado por Jorge Moreno (antropólogo, cineasta e director do proxecto Mapas de Memoria); Iván Cuevas (xornalista, filólogo e fundador do Cineclube de Compostela) e Xisela Franco (cineasta, documentalista e docente), decidiu ademais facer unha mención especial ao documental Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn polo "emprego dunha linguaxe que permite repensar o material de arquivo coa intención de deconstruir certas miradas establecidas". Hamada tamén acadou unha mención especial por parte do xurado da Asociación de Antropoloxía Galega, que decidiu dar o premio AGANTRO a Une nouvelle ère, de Boris Svartzman pola profundidade antropolóxica, a vontade holística e a vocación de compromiso e por ser un documental "cunha incrible sensibilidade etnográfica que retrata dunha forma densa e profunda as complexidades dos procesos de desprazamento forzoso na China contemporánea. O documental revela con pericia os efectos das dinámicas do capitalismo e a globalización sobre os modos de vida e subsistencia dos protagonistas, dende un achegamento íntimo e sensible ao seu sentido do mundo, modos de subsistencia e repertorios de mobilización e resistencia". As películas gañadoras desta 15 edición pasáranse nos vindeiros días na canle de Vimeo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Cookies de personalización
culturagalega.gal usa unha cookie propia para lembrar as túas preferencias e suxerirche contidos que poidan interesarche. Non recompilamos datos persoais nin compartimos información con terceiros.
Máis información