A etnografía reivindícase como notaria da contemporaneidade cos premios da 14ª MICE

O festival do Museo do Pobo premiou á viguesa Sol Mussa pola súa produción 'Stockroom'

O festival do Museo do Pobo premiou á viguesa Sol Mussa pola súa produción 'Stockroom'
Nimble Fingers
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou os premios correspondentes á súa 14ª edición. A película Nimble Fingers, de Parsifal Reparato, acadou o premio á Mellor Película Etnográfica: "por facer un retrato rigoroso das condicións e vicisitudes do traballo feminino en Vietnam e por mostrar, a través do cotián, aos aspectos subxacentes das transformacións socioeconómicas da globalización", segundo o xurado. O premio á Mellor Película Galega recaeu en Hora Silenciosa, de Noelia Mª Muíño. O xurado destacou dela "o tratamento do silencio, a ritualidade e a sociabilidade dunha comunidade e dunha forma de vida (a das relixiosas de clausura do convento de San Paio de Antealtares) que está en progresiva desaparición". O xurado tamén decidiu facer unha mención honorífica a Stockroom, da viguesa Sol Mussa "pola vontade de reflectir as tensións sociais do colectivo migrante en Reino Unido dende a subxectividade e a reflexión persoal".

O premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural, recaeu en Entre lobos de Adrien Camus, por ser a película que "mellor dispón os medios audiovisuais ao servizo da antropoloxía, mostrando as contradicións da cultura mapuche contemporánea nun contexto de éxodo rural, racismo institucional e demandas históricas desatendidas". Por último, as votacións do público deron pola súa parte o premio a Mot de passe: Fajara das directoras Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous. Unha mediometraxe gravada con cámara infrarroja no campo de refuxiados de Calais, onde miles de persoas agardan a poder pasar a Reino Unido a través do Eurotunel.

PALMARÉS DA 14ª MICE DO MUSEO DO POBO


Premio do xurado á Mellor Película Etnográfica: Nimble Fingers, de Parsifal Reparato.
Mención especial ao documental Curupira, bicho do mato, de Félix Blume.
Premio do xurado á Mellor Película Galega: Hora Silenciosa, de Noelia Mª Muíño.
Mención honorífica dentro das películas galegas a Stockroom, de Sol Mussa.
Premio AGANTRO: Entre lobos, de Adrien Camus.
Premio do público para Mot de passe: Fajara de Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous.