Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán

O Concello fixo unha homenaxe á mítica banda cun monumento e un bosque durante o Chandefolk

O Concello fixo unha homenaxe á mítica banda cun monumento e un bosque durante o Chandefolk
Inauguración do monumento Foto: Concello de Nigrán
No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.