
Polo Parque de Bonaval tamén pasará Las Cinéphilas, da arxentina María Álvarez, documental coral sobre un grupo de mulleres xubiladas que aman o cine, que recibiu o Premio do Público no OUFF en 2017. E, por último, unha noite de curtas que proxectará De monstruos y faldas, da realizadora e docente Carolina Astudillo; Xoves de Comadres, de Noemi Chantada, que estreará en Galicia esta peza despois de pasar polo Festival de Málaga; e Santa Baia de Montes, a primeira curtametraxe da ourensá Sabela Souto, que recibiu o Premio Especial do Público no Festival Internacional de Curtas de Verín. Desde hoxe mesmo está dispoñible no web da MICE a programación completa desta edición. A información para a retirada de entradas e o aforo dos espazos estarán dispoñibles a partir do luns 17 de agosto.
Ampliación da mostra 'As pequenas cousas' ata o 20 de setembro
Como actividade paralela á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, pode visitarse a exposición 'As pequenas cousas', unha iniciativa de Mapas de Memoria. Esta exposición recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. 'As pequenas cousas' ten un núcleo orixinal formado por doce paneis e novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Estará aberta ao público de xeito gratuíto ata o 20 de setembro, en horario de 11h a18h de martes a sábado, e de 11h a 14h os domingos.