O concello de Viveiro tumba os concertos ao vivo do Resurrection Fest XS

A organización di lamentar e non comprender a decisión e seguirá adiante coa parte de evento en liña

A organización di lamentar e non comprender a decisión e seguirá adiante coa parte de evento en liña
Román Rodríguez durante a presentación do festival o pasado martes
Menos de 48 horas durou o proxecto do Resurrection Fest XS con concertos ante público na vila de Viveiro. Malia o patrocinio da Xunta á iniciativa de levar a cabo actividade musical en condicións controladas, o Concello de Viveiro denegou os permisos que farían posible o uso das instalacións municipais para o festival que pretendía reunir ata 800 persoas na vila da Mariña para asistir ao concertos programados do ciclo no que se convertera a edición deste ano. Nun comunicado o concello asegurou que esta decisión "complicada e difícil" foi tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, coa prioridade da seguridade da veciñanza. "Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación", explica a alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade. A celebración da parte virtual e en liña que xa estaba prevista seguirá adiante segundo o anunciado, os días 28 e 29 de agosto.

Segundo se relata no comunicado da entidade local, a organización do festival presentou a finais de xullo o novo formato reducido do evento e aínda que nun primeiro momento o concello considerou acertadas as medidas de seguridade a aplicar dentro do recinto, despois de darlle moitas voltas, tal e como require a situación actual, tendo en conta os riscos que poderían darse no exterior do recinto e ante a evolución da situación sanitaria decidiu non outorgar a autorización, aínda en tramitación xa que se solicitou o pasado luns, día 10 de agosto, dous días antes de presentar o festival publicamente co Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que refería a esta edición do festival como "a máis valente e necesaria para A Mariña". Desde a organización do festival aseguraron non entender "para nada" a decisión do concello, remarcando o amplo protocolo de seguridade da actividade proposta. "Danos pena este cambio de opinión e decisión final, a cal non compartimos en absoluto”, din nun comunicado público, asegurando que non entran a valorar os motivos polos que se tomou, pero si que este pao “deixa á cultura e Viveiro nun peor lugar que onte". Desde o Resurrection inciden en que a intención inicial propoñendo este ciclo de concertos "non era máis que revitalizar A Mariña, que tras da crise actual e a de Alcoa, tiña máis necesidade de alternativas que nunca", aseguran. Sinalan ademais que a decisión do concello prexudica a moitos proveedores de Viveiro e deixa no ar a moitos traballadores que ían a axudar a realizar o evento supondo un duro golpe para as bandas e os técnicos, "que están sufrindo como ninguén os efectos devastadores das cancelacións culturais".