O Resurrection Fest XS suma concertos presenciais ao seu programa virtual para este ano

Ata 800 persoas poderán asistir as actuacións en Viveiro en condicións controladas

Ata 800 persoas poderán asistir as actuacións en Viveiro en condicións controladas
Romän Rodríguez na presentación do Resurrection Fest XS 2020
Coa Xunta de Galicia como patrocinador principal ven de presentarse o Resurrection Fest Edición XS de 2020, que se celebrará en Viveiro a xeito de ciclo entre o 21 e o 30 de agosto, engadindo ao programa en liña previsto e anunciado unha parte de concertos ao vivo ante público. Estes concertos terán lugar no recinto habitual do festival con espazo creado especialmente para a ocasión, que estará limitado a un máximo de 800 persoas ante un único escenario e controlado en todo momento, cun período de acceso e acomodación por tramos. Os artistas confirmados para a parte presencial que se desenvolverá entre o 21 e o 30 deste mes son True Mountains, Wasted Wiltons, Lendakaris Muertos, Onza, Angelus Apatrida, Strikebach, Crisix, Brothers Till We Die; Karras Martínez & DJ Llonas e Joni Ramos & Sunday Monday Club. O 29 e 30 é tempo para a parte en liña desta edición; retransmitida en streaming, terá un carácter solidario cos afectados da covid-19. As entradas saen á veneda hoxe mesmo.

Na presentación desta edición tomaron parte o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, Iván e David Méndez, responsables do festival, e o director de Marketing de Estrella Galicia, Santiago Miguélez. O conselleiro cualificou esta edición como “a máis valente e necesaria para A Mariña”; expresou o seu desexo de que "esta edición XS teña un éxito XL"; avogou por atopar solucións “imaxinativas, responsables e atractivas” para o público e subliñou a importancia da responsabilidade no ocio. "No actual contexto, no que os eventos multitudinarios se ven especialmente afectados continuaremos ao lado do sector cultural tratando de apoiar e dar respostas que permitan manter o tecido empresarial neste eido, para que entre todos poidamos repoñernos canto antes", destacou o titular de Cultura.