Demo Editorial adianta as súas novidades para Viñetas desde o Atlántico

Humor, aventura medieval e un retrato do conflito vasco centran a aposta da editorial

Como está a ser habitual, a celebración do festival Viñetas desde Atlántico na Coruña reúne os lanzamentos de banda deseñada de diferentes editoras galegas. Entre elas, Demo Editorial anuncia tres novidades de cara a este evento. Aleida: A cruzada, coeditado coa libraría Kómic, achega a segunda entrega desta serie de aventuras medievais para público infantil e xuvenil. Desta volta, a desaparición das reliquias do Apóstolo Santiago durante a construción da catedral levará a protagonista a unha nova trama de misterio.Víctor Boullón continúa a desenvolver o personaxe e o seu universo en sesenta novas páxinas a toda cor que dan pé a continuar a saga.


A seguir a liña de coedicións coa editora vasca Txalaparta, a firma coruñesa achega A consulta. Os derradeiros días de Santi Brouard, unha obra de Adur Larrea e Harkaitz Cano na que se aborda a figura deste médico e activista de esquerdas asasinado polo GAL en 1984. En total, son 132 páxinas en branco e negro que retratan o aspecto máis humano de Brouard a través dos seus últimos días.

Finalmente, da man do propio Manel Cráneo, responsable da editora, ve a luz Corona-Bios. Esta compilación de historias de humor arredor da pandemia creadas durante o confinamento chega logo dun exitoso crowdfunding nunha dupla edición en galego (con 160 páxinas) e en castelán (150).