O filme 'Reboiras, acción e corazón' estrearase en Ferrol no 45 aniversario da súa morte

A longametraxe que documenta e recrea a vida e morte do activista nacionalista proxectarase en oito localidades

Tras da súa preestrea este sábado en Imo (Dodro), lugar natal de Ramón Reboiras, o filme Reboiras, acción e corazón estrearase este vindeiro día 12 de agosto, coincidindo co aniversario do homicidio do activista a mans da policía, e será na cidade onde ocorreron os feitos en 1975, Ferrol, no cinema Duplex. A longametraxe producida pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e con guión e dirección de Alberte Mera, recrea momentos clave da vida de Reboiras (1950-1975) coma o do día da súa morte. A longametraxe inclúe tamén abundante material de arquivo e máis de quince testemuños de persoas que coñeceron persoalmente a Reboiras e partillaron con el vida persoal e ou política entre os que están nomes coma Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Xosé Luis Méndez Ferrín, Nemesio Barxa ou Manuel Mera entre outros. As dramatizacións están protagonizadas polo actor Daniel Celester, que interpreta a Moncho Reboiras. Daniel Priet, Lidia Veiga, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso completan o elenco de intérpretes para as recreacións.

O Proxecto audiovisual financiouse a través dunha campaña de micromecenado que acadou recadar máis de 20.000 euros. O Cinema Duplex de Ferrol, acollerá a estrea nunha primeira sesión ás 17:00 horas e nunha segunda ás 17:30 horas. Tras da proxección, haberá un coloquio co director sobre o documental. Os vindeiros días 13, 14 e 15 de agosto, o filme estrearase en Santiago de Compostela, no Cinema Numax. A proxección do filme chegará a Ourense o 26 de agosto, no Cineclube Padre Feixoo; mentres que o 4, 5 e 6 de setembro estará nos Cines Codex de Lugo. O día 9 de setembro a estrea será na Coruña, con dúas proxeccións nas salas de cinema do Fórum Metropolitano. O 18 de setembro haberá unha exhibición especial dentro do Festival Primavera do Cine en Vigo, e o 3 de outubro o documental presentarase no auditorio de Ponteareas. En novembro, cadrando co mes da memoria chegará a Pontevedra.