
No Ferrol, despois de repensar espazos e propostas para adaptarse ás circunstancias, o festival Jazz de Ría presenta unha cuarta edición que pese a todo, conserva intacta a esencia do festival e a súa aposta pola calidade, a diversidade, a posta en valor do patrimonio e do territorio, e o apoio incondicional ás propostas artísticas galegas. Do venres 14 ata o domingo 16 o Cantón de Molíns coma único escenario deste festival vibrará co mellor jazz galego. O cartel desta edición concéntrase nas mellores propostas de jazz do noso territorio, para evitar desprazamentos e para continuar apoiando a enorme calidade da escena jazz galega, un compromiso que o festival adquiriu dende a súa primeira edición. Así pasarán este ano por Ferrol representantes musicais de diversas perspectiva coma Marcos Teira e Ton Risco; Pablo Sanmamed Trío; EJAZZ; Por mi, swing; e Xan Campos Trío. Todos os concertos son de balde con reserva previa de entradas.
O jazz feito en Galicia será tamén a base pola que volva a soar en Moaña a música este verán. Entre o 14 e o 15 de agosto terá lugar a IVª edición que será a máis galega de todas. Esta edición do Festival de Jazz de Moaña comezará o día 14 de agosto ás 22:00 horas con Sumrrá, e o sábado 15 de agosto actuarán Wilfried Wilde Quintet, un proxecto do guitarrista francés afincado en Bueu Wilfried Wilde, que presenta o seu primeiro traballo xunto a Charley Rose no saxo, Xan Campos no piano, Demian Cabaud o contrabaixo e Iago Fernández na batería. O festival o pechará unha jam session propia do xénero. O aforo será limitado a 300 persoas e as entradas serán gratuítas e estarán dispoñibles online, na plataforma reservas.gal, e na oficina de turismo.