O Festival de Cans cambia para protexer aos maiores da aldea

O formato do festival verase afectado polas medidas de seguridade que limita accesos e separa aos visitantes da xente maior

O formato do festival verase afectado polas medidas de seguridade que limita accesos e separa aos visitantes da xente maior
A XVII edición do Festival de Cans, a celebrar entre o 2 e o 5 de setembro, presentará un formato moi diferente ao dos pasados anos, con medidas que terán como obxectivo as máximas garantías de seguridade sanitaria. A protección das persoas maiores da aldea pontevedresa será a maior prioridade este ano, ademais de evitar a concentración multitudinaria en calquera caso. Por este motivo evitaranse as proxeccións e actividades naqueles “jalpóns” onde habiten persoas de maior idade, que non formarán parte tampouco nesta edición do xurado das veciñas e veciños nin por precaución se programarán actuacións colectivas, como a que tradicionalmente reúne ás Pandereteiras de Cans. O “escudo protector” sobre os maiores tamén se activará no caso dos condutores de chimpíns de maior idade, que este ano non participarán por precaución. A previsión sería facer só pequenas procesións honoríficas dos chimpíns, totalmente controladas, cun máximo de catro persoas en cada un. O plan do Festival pasa por reducir o número de jalpóns e o aforo dos mesmos, que habitualmente nunha media dunhas 110 persoas, pasaría a un tope de 50 persoas e non se fomentaría a rotación entre jalpóns. O mesmo público asistiría ás proxeccións a concurso sen moverse da mesma sala e cunha pausa intermedia, na que se aplicarían medidas de hixiene e ventilación do espazo, ó que accederían con máscara.

A programación ao longo da semana, centrarase en coloquios e encontros profesionais, así como na proxección de diversas sesión paralelas, aínda que, por prudencia, se prescindirá da parte educativa e das visitas dos colexios. Dada a redución de espazo e capacidades, só sairán á venda 200 entradas para as proxeccións a concurso en sesión matinal e outras 200 entradas en sesión de tarde do sábado 5 de setembro. A organización traballa nun programa no que se potencien máis as actividades diúrnas, as proxeccións e os coloquios e encontros, e que prescinda das actuacións nocturnas no Torreiro, onde sería máis difícil controlar o aforo. Por este motivo, a idea é crear unha ampla zona central na zona do Parque do Río, que concentre os coloquios con directores e directoras e pequenas actuacións musicais para un aforo máximo de 300 persoas sentadas, sempre seguindo as normas actuais de distancia de seguridade. A hora de peche das actividades estaría previsto para antes da medianoite, hora na que se desaloxarían todos os espazos.