A produción de banda deseñada en Galicia duplicouse en 2019

A Asociación Tebeosfera recolle no seu informe anual 35 obras publicadas no noso país

A Asociación Tebeosfera recolle no seu informe anual 35 obras publicadas no noso país
A edición de banda deseñada no noso país viu un importante crecemento durante o pasado ano, a duplicar o seu número de publicacións. Así o recolle o informe La Industria de la Historieta en España en 2019 que acaba de facer pública a Asociación Cultural Tebeosfera. Segundo o mesmo, nese período publicáronse en Galicia 35 títulos, fronte aos só 18 rexistrados no ano anterior, unha cifra similar á de 2016 logo de dous anos de descensos. Ademais, 33 destes foron publicados en galego. Isto supón un incremento importante ante os 16 que saíran en 2018 na nosa lingua.


O informe, que non ten en conta fanzines como o coruñés Altar Mutante nas súas estatísticas, sinala o peso que manteñen actores xa habituais do sector da novena arte do país, como son as editoriais Xerais, El Patito, Demo, Retranca, Fosfatina, Lea, Figurando Recuerdos, Bululú e a librería coruñesa Alita, ás que suma entidades públicas como a Universidade da Coruña, a Xunta e as deputacións de Pontevedra e da Coruña. Como novidades no campo da BD engade a Asociación Eixo Atlántico, A Mesa pola normalización lingüística coa revista A Viñeta de Schrödinger e Morandeira, que lanzou a obra Madialeva.

Tampouco se inclúen desagregados nestes datos lanzamentos feitos por autoras e autores do país en editoras foráneas, como son os traballos de David Rubín, Emma Ríos ou ACO nos Estados Unidos ou lanzamentos como La espada de San Eufrasio de Manuel Poy, Pepe Rey e Miguel Fernández.

O informe achega un anexo coa listaxe de obras publicadas en galego durante 2019, que recolle 27 das 33 que se apuntan nos datos.

ASTERIX (2013, XERAIS/SALVAT) -GALLEGO- 12 - ASTÉRIX EN BRITANIA
ASTERIX (2013, XERAIS/SALVAT) -GALLEGO- 38 - A FILLA DE VERCINXETÓRIX
ASTRO-RATO E LAMPADIÑA (2017, EL PATITO) 3 - PATACATOR COCIDO!
BD (2018, LEA) 3 - De cando Antonio Fraguas foi alumno de Castelao
BD (2018, LEA) 4 - Ricardo Carvalho Calero
BICHERO, O (2009, DAVILA) 9 - RUN IS LIFE
CANCION PARA AFUNDIR FLORES NO MAR (2019, DPC) - CANCIÓN PARA AFUNDIR FLORES NO MAR
CHAIRA, A (2019, ALITA) - A CHAIRA
FARIÑA (2019, XERAIS) -A NOVELA GRAFICA- - FARIÑA. A NOVELA GRÁFICA
FIZ (2019, XERAIS) -APRENDE BANDA DESEÑADA- - APRENDE BANDA DESEÑADA CON FIZ
GRANDARROIBA (2019, DEMO) - GRANDARROIBA
HOMENAXES (2019, LEA) 1 - Seoane, o creador na súa tinta
HUMANOS A ROYA E UM RIO (2019, FIGURANDO RECUERDOS) - humanos a roya é um rio
INTRATERRA (2019, DPO. PONTEVEDRA) - INTRATERRA
MADIALEVA (2019, MORANDEIRA) - madialeva
MANUAL DE ESCOLA (2016, AS-PG) 2 - MANUAL DE ESCOLA
MERLIN COMICS (2012, XERAIS) 7 - ANIMALIA
MESTRA EN APUROS, UNHA (2019, BULULU) - UNHA MESTRA EN APUROS
MEU PRIMER COMIC, O (2019, BANG) -6 ANOS- 1 a 9
MICROALGAS (2019, UAC) -GALLEGO- - MICROALGAS
NOVELA GRAFICA (2011, GALAXIA) 3 - TROGLO & DITA
NOVELA GRAFICA (2011, GALAXIA) 4 - LUZBELL. O DEMO BOMBILLA
PINTURAS DE GUERRA (2019, RETRANCA) - PINTURAS DE GUERRA
SALON DE TE DO OSO MALAIO, O (2019, DEMO / KOMIC) - o salón de té do oso malaio
SCHRÖDINGER, A VIÑETA DE (2018, A MESA / AS-PG) 2 - A VIÑETA DE SCHRÖDINGER
TANTA PAZ LEVES (2019, DEMO) - TANTA PAZ LEVES...
TINTIN (2019, ZEPHYRUM/TRILITA) -GALLEGO- 1 - AS XOIAS DA CASTAFIORE