Nace a plataforma VAI Coruña para mellorar a vida cultural da cidade

Axentes culturais de todas as disciplinas conforman esta ferramenta civil

Axentes culturais de todas as disciplinas conforman esta ferramenta civil
Acto de presentación de VAI Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez Foto: VAI Coruña
Compañías de teatro, salas de concertos, librarías, artistas musicais, escritores, editores, xente das artes plásticas, audiovisuais e gráficas e todo tipo de axentes individuais ou colectivos vinculados ao ámbito da cultura da cidade da Coruña conforman o colectivo VAI Coruña que se presentou fai uns días cun acto nos xardíns de Méndez Núñez. Tal e como reza o manifesto lido nesa ocasión, VAI nace froito dun exercicio de consenso e reflexión realizado por parte activa dos sectores organizados no eido cultural da cidade para integrar as máximas sensibilidades e xeitos de entender a cultura, para atopar respostas ante unha situación excepcional, e para traballar con mirada longa pola cultura da Coruña. Coa vista posta na reactivación cultural da cidade herculina o colectivo que agora dá os seus primeiros pasos de xeito informal busca aglutinar ao máximo número de axentes culturais da cidade da Coruña, incluíndo aos seus públicos diversos para apoiar a acción cultural da cidade baixo parámetros de sustentabilidade, proximidade, diversidade e vocación común.

A nivel colectivo dentro da plataforma xa están as seccións locais de asociacións de ámbito galego como Clubtura e Músicas ao Vivo, así como a asociación de librarías de Coruña. Nos obxectivos comunicados polo seu manifesto fundacional o colectivo pon tamén a vista en "establecer as pautas para a posta en valor do feito cultural, así como dos axentes que posibilitan o mesmo en toda a súa cadea de valor: artistas, espazos de distribución, públicos, xestores, etc". VAI Coruña buscará manter interaccións construtivas coas diferentes administracións públicas, con especial atención ao eido local. As súas actividades e accións irán complementadas nos medios sociais polo cancelo #PolaCulturaDaCidade. Malia que agora mesmo aínda non teñen un espazo web público de encontro para contactar con eles dispoñen do correo electrónico vaicorunacultura@gmail.com . Esta iniciativa civil, coma a recentemente posta en marcha dun Censo Cultural en Vigo, son respostas interdisciplinares dos propios axentes culturais ante unha situación na que a cultura afronta unha forte crise arrastrada desde fai tempo e comezan a ser unha tendencia nos núcleos de poboación máis grandes.