Altar Mutante e A Viñeta de Schrödinger presentan novos números

A Deputación de Pontevedra convoca un certame de BD para a mocidade

A se reactivar logo do confinamento, a BD galega comeza a anunciar novidades. Desde A Coruña, o equipo do fanzine Altar Mutante aproveitou este tempo para crear unha entrega especial "Pandemic holiday spectacular" que fai a novena do proxecto. A "Covid 19, o confinamento, os horrores do supermercado, o amor en tempos de pandemia, os veciños cabróns e os desgraciados que aproveitan as peores situación para tentar sacar partido" encárnanse "nun puñado de historias de terror infeccioso e ciencia ficción paranoide" que está para chegar ás librarías.


Capa de Debelius e colaboracións de Mateo Alvarellos, Abel Alves, Kike Benlloch, Diego Blanco, Diego Burdio, Manel Cráneo, Hugo Covelo, Sergio Covelo, Greta Debelius, Paula Esteban, Ana García, Gaudino, Luis Ifer, Santy Gutiérrez, Luciadecoru, Álvaro López, Javier Marquina, Penny Melgarejo, Santiago Paredes, Jorge Peral, Xulia Pisón, Roque Romero, Suki Sánchez, Luis Sendón, Inés Vázquez, Pedro Villarejo, Xulia Vicente e Dani Xove fan parte desta entrega.

Tamén a revista A Viñetas de Schrödinger anuncia a publicación do seu número 3. A publicación da Mesa e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega conta cunha nova capa de Miguel Robledo e achega historias de Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Fran Bueno, Miriam Iglesias e Fernando Llor, o trío criativo de Miguel Rojo, Pablo Prado e Alfonso Barreiro, Zaida Novoa, Joan Casaramona e Aldara Kleinfrankenheim, Víctor Rivas e Antonio M. Fraga, Carlos Alberto Limeres, Miguel Porto e Kohell canda a unha entrevista a Belén Ortega. O volume está previsto que chegue en breve a librarías e subscriptores.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra acaba de presentar as bases dos seus IV Premios Provinciais á Xuventude, que inclúen por vez primeira unha categoría dedicada á banda deseñada. Destinada a persoas de entre 16 e 35 anos, o certame conta cun primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 600 e un terceiro de 400 para obras de entre 2 e 5 páxinas, de temática e estilo libre e escritas en galego ou en castelán.