O éxito de Somos Criminais en liña abre novas vías para o teatro do país

A produtora sinala o potencial do formato para ampliar o alcance das montaxes e conectar con novos públicos

10/6/2020 | Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatroculturanacasa
33 lecturas | Compartido 0 veces

Blanco e Touriñán. Fotografía de Marcos Martínez. Fonte: Ainé Producións

A retransmisión en liña que o pasado sábado seis de xuño realizou Ainé Producións da obra Somos Criminais, con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, conseguiu un rotundo éxito de público. Logo de vender 3.350 entradas das 5.000 dispoñibles, o espectáculo foi seguido por unhas 10.000 persoas desde as súas casas vía web. Segundo a enquisa que a produtora realizou ao finalizar o espectáculo, un 96,5% das consultadas repetirían esta modalidade con outro espectáculo destas características. As respostas amosan un alto grado de satisfacción coa experiencia, cun 79.6% a cualificala como "boa" ou "moi boa". Do total de enquisas, un 75,1% era de persoas que non viran aínda o espectáculo.
A media de idade da persoas asistentes foi de 38 anos, e a metade viu o espectáculo en parella. En total realizáronse conexións desde 47 países, con Reino Unido, Alemaña, Suíza, Irlanda e Arxentina a seguir as rexistradas en España.

Desde Ainé, a coincidir cos comentarios dos propios Blanco e Touriñán ao rematar o espectáculo, sinalan que este formato supón unha importante opción para conectar con novos públicos, en particular fóra do país, e mais para lle achegar unha nova vida a espectáculos que xa remataron as súas xiras. No caso de Somos Criminais a última representación desenvolveuse hai dous anos.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
4 lugares identificados