O baúl que gardaba un tesouro (musical)

Aparecen máis de 300 partituras de Luis Brage ao localizar o baúl abandonado polo músico ao fuxir en 1936

Aparecen máis de 300 partituras de Luis Brage ao localizar o baúl abandonado polo músico ao fuxir en 1936
O músico Luis Brage na súa mocidade. Arquivo privado da familia Brage, Palma de Mallorca
Durante moito tempo esta historia foi unha lenda vilega: Luis Brage, o notable director de La Lira, a banda musical municipal de Ribadavia, deixara ao escapar da vila durante o golpe de estado de xullo de 1936 un misterioso baúl con boa parte do seu legado musical. O musicólogo David Ferreiro seguiu a pista da lenda e confirmou a súa veracidade: o baúl continuaba na mesma casa abandonada por Brage. No seu interior, a biblioteca persoal deste músico galeguista e máis de 300 partituras. Agora, o Consello da Cultura Galega editou unha biografía de Brage que se complementa cun catálogo de partituras e a recuperación de tres das súas obras para banda.

Nos longos anos da ditadura, Luis Rafael Brage Villar (1886-1959), un coñecidísimo director e compositor musical das primeiras décadas do século XX, vinculado á recuperación e visibilización da música e do folclore galegos, viviu un paradoxo. Mentres por todos os palcos de música do país, moitas das numerosas bandas interpretaban as súas composicións rexionalistas, pequenas marabillas como Follas novas ou Carrapucheiriña, el fora esquecido, e vivía anónimo fóra do país. Segundo Luis Costa, "o relato da súa vida e da súa obra é tamén necesariamente o relato dunha época".

Agora, un libro Luis R. Brage Villar. Obra e Memoria, escrito por David Ferreiro e editado polo Consello da Cultura Galega, percorre de maneira exhaustiva a traxectoria vital e profesional dun músico que ficou esquecido e con moita menos sona que o seu irmán Ángel Brage. O libro está en libre descarga no web do CCG.

A Lira de Ribadavia interpreta Follas novas




Brage coñeceu boa parte dos avatares políticos do primeiro século XX galego e as ansias de modernidade do país. Así como Galicia quería entrar no dinamismo da centuria, aparecían os orfeóns, logo os coros galegos, as sociedades polifónicas que acaban por incluír o teatro, e as bandas, que xa existían do século XIX, multiplican o seu protagonismo. Brage estivo en todas elas. Compostelán de nacemento, viviu de pequeno no faiado do Teatro Principal, nun ambiente de música. Foi pianista, director de zarzuelas con trece anos, director musical en Melilla, da orquestra do Teatro da Zarzuela en Madrid, ou do da do Teatro Tamberlick de Vigo.

Con todo, será en Ribadavia onde deixe unha pegada que non ficará unicamente nos afeccionados á música senón dos veciños en xeral. A partir do ano 1929 farase cargo da dirección da Lira, a mítica banda fundada xa en 1850, e que a través das contratacións en diferentes lugares de Galicia, Brage multiplicou a súa sona. Segundo recolle David Ferreiro, durante o traballo de campo en Ribadavia, "todos os músicos, sobre todo os máis veteranos, falaban deste compositor como un auténtico mito, xa que da súa man, dicían, a banda se convertera nunha das máis famosas e aclamadas de Galicia durante a década de 1930. aínda conserva algún recordo puntual daquel período, ao que acostuman a referirse, non sen un certo halo de nostalxia, como «os tempos de Brage».

Pero Brage converteuse nun animador musical habitual da vida social e cultural de Ribadavia, non só coa banda municipal, senón coa súa propia orquestra e compositor da música de varias comparsas. A título anecdótico -e dramático ao sabermos os acontecementos- dunha de difícil nome: "Los fascistas del amor", que no ano de 1931 parodiaba os camisas negras do fascismo italiano.



Comparsa "Los fascistas del amor". Aínda que na fotografía figura a data de 1927, as fontes documentais permiten verificar que se organizou no entroido ribadaviense de 1931.

Brage profundou en Ribadavia na composición e na difusión da música galega, un aspecto diferencial do compositor, e que se destacou en numerosas ocasións nos artigos da prensa das primeiras décadas do século. A súa primeira participación pública nas celebracións do galeguismo foi en abril de 1919, cando dirixiu e compuxo algúns dos temas que acompañaban a estrea da primeira obra teatral de Ramón Cabanillas, A man da santiña. A partir de aí, a vinculación co galeguismo vai ser fundamental e así o vai confesar publicamente. Cando se constituíu a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) en 1931, el foi o primeiro presidente da sección de Ribadavia. Pero renunciou ao cabo dunha semana e mandou imprimir unha "especie de nota voante" que foi repartida pola vila do Avia para explicar a súa decisión. Nela sinalou "que eu fun sempre e serei un galeguista de corazón que nunca claudiquei nin penso claudicar dos meus ideais rexionalistas".

Os seus compromisos políticos fixeron que tivera que afrontar unha difícil situación durante a Guerra Civil. Aparte de abandonar abruptamente Ribadavia en 1936 deixando atrás o seu baúl, Brage foi sometido a xuízo militar e condenado a morte, sentenza que logo sería substituída por unha condena a vinte anos de cadea, posteriormente conmutados a tres anos. Brage sairía da cadea en 1940 e a partir dese momento a súa vida foi moito máis anónima, aínda que nunca deixou de reivindicar a necesidade de recuperar e gardar o folclore galego.

Brage morrería en maio de 1959. Hoxe, esta publicación permite recuperar parte dunha historia que é tamén a da Galicia do século XX.

David Ferreiro presenta as composicións de Luís Brage