Xerais e Galaxia lanzan novas BDs de autoría galega

Chegan ás librarías A proba de auga e O derradeiro libro de Emma Olsen

Logo da pausa que supuxo para as editoras do país o período de confinamento pola Covid-19, as firmas galegas retoman a súa actividade. As dúas grandes firmas galegas neste campo, Xerais e Galaxia, están xa a anunciar cadansúa novidade de autoría galega no campo da banda deseñada. Da banda de Xerais, ve a luz o segundo traballo da viguesa Anémona de Río. A proba de auga, obra coa que gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, narra a historia dunha pequena pinga de auga que "perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba".



En Galaxia, Pablo Prado asina a adaptación á novena arte da novela O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. "Os mesmos personaxes atrapados polas paixóns da alma máis contraditorias. Capaces de amar, de odiar, de agochar segredos que só poden saír cando a vida chega á súa fin. Escritora e debuxante en simbiose incrible para facer unha novela nova que, sendo a mesma, é radicalmente diferente" adianta a editorial. Este xoves 28 de maio unha presentación virtual na plataforma Zoom dará a coñecer ás 19 horas esta obra da man dos seus autores.