A fin de semana das Letras deixa novos contidos sobre Carballo Calero

Audiovisuais, cancións, poemas e publicacións súmanse ás homenaxes

Imaxe de <i>De Carballo a Carvalho</i>. Fonte: CRTVG
Imaxe de De Carballo a Carvalho. Fonte: CRTVG
Os contidos arredor da figura de Ricardo Carballo Calero e para conmemorar o Día das Letras Galegas inzaron as redes durante toda a fin de semana. Documentais como De Carballo a Carvalho, realizado por Aser Álvarez para a Associaçom Galega da Língua puideron verse na TVG e continúan dispoñibles no web da canle. Do mesmo xeito, tamén o xornal ABC publicou un breve documental co título Unas letras para Carvalho. O web do Concello de Santiago, pola súa banda, ten dispoñible a publicación A derrota de Scórpio, obra que propón un roteiro pola cidade a través da figura do homenaxeado. Tamén a Afundación publicou un vídeo animado, realizado por Illa Bufarda, que repasa a traxectoria do veterano galeguista.


Carvalho Calero | Letras Galegas 2020 from Illa Bufarda on Vimeo.



A estas propostas súmanse novas cancións e recitados de poemas do autor. O web do Consello da Cultura Galega acolle xa o vídeo coa versión de Ferrol 1916 que realizou Miguel Brotóns e que interpretan o pianista Alejo Amoedo e mais a soprano Patricia Rodríguez Rico.



Alberte López Porta e Xoán Padín publicaron este 18 de maio a súa adaptación de Beleza de mulher, mentres Xoán Curiel musicou o poema Nai. Queiman e Pousa presentaron tamén un vídeo no que mesturan música e poesía do autor, mentre Uxía, Tanxugueiras e Faia, con Sérgio Tannus, levaron ás redes unha multitudinaria versión de A fala de Manuel María para conmemorar a data.









O colectivo As alimanhas da Arca, artellado arredor do local A Arca da Noe, de Vilar de Santos, publicou tamén unha vintena de vídeos con recitados de poemas do autor homenaxeado. Pola súa banda, a escola A Semente de Trasancos recuperou o primeiro poema en galego de Carballo nun vídeo. Tamén o grupo Ourol levou á rede dous poemas recitados de Carballo. Desde Ferrolterra diferentes colectivo uníronse nun revital en liña dunha hora de duración, dispoñible en Youtube.









A revista Luzes, pola súa banda acaba de publicar un adianto da BD Ricardo Carvalho Calero: Coraçom de Terra. Esta obra publicada en parcería por Demo Editorial e Através Editora con debuxos de Iván Suárez e guión de Xico Paradelo e Irene Veiga. O proxecto completaba a pasada semana unha campaña de crowdfunding na que superou os 9.000 euros de recadación fronte aos 2.500 que solicitaba. O web de Verkami da iniciativa recolle tamén un adianto de dez páxinas do primeiro capítulo da obra, que está en imprenta e verá a luz en vindeiras datas.

O web Badal Novas achega tamén un vídeo especial sobre o autor, con cancións e poemas.