O reto da recreación de arte chega aos museos galegos

O Museo de Pontevedra e o de Belas Artes da Coruña animan a imitar en imaxe real pinturas das súas coleccións

| Santiago. Redacción | Seccións: Cultura
Compartir:
 Sela, ten 8 anos e recrea á dama retratada por Manuel Torres en 1931    Foto: Fecebook Museo de Pontevedra

Sela, ten 8 anos e recrea á dama retratada por Manuel Torres en 1931 Foto: Fecebook Museo de Pontevedra

Non é novo no noso tempo de redes sociais o concepto dos "retos" ("Challenge" en inglés) polos que se convoca a xente a tomar parte nunha acción colectiva a nivel persoal ou imitar algo. Neste caso, e co obxectivo de facer presente a arte nas nosas vidas durante o tempo de illamento social, xurdiu un novo "reto artístico", cuxa orixe semella ser a conta de Instagram, Tussen Kunst & Quarantaine de Amsterdam, que retou á xente a recrear nas súas casas obras de arte fotografándose eles mesmos e co requisito de usar só tres obxectos cotiáns. O reto acadou grande aceptación e foron varios os museos e centros de arte de todo o mundo que viron a oportunidade de achegarse ao público e difundir a arte deste xeito. Talvez un dos máis relevantes o do Museo Getty de Los Angeles ou o Pinchuk Art Centre de Kiev, en Ucrania. Na nosa terra arestora dúas institucións están tamén a impulsar con éxito este reto. O Museo de Pontevedra e o Museo de Belas Artes da Coruña animan polas súas redes a facer recreacións artísiticas desde as casas. .

No museo provincial pontevedrés déronlle como nome e etiqueta a este reto Mírate no espello e a actividade baséase en usar algunhas das obras de artistas galegos que posúe a súa colección. As primeiras das propostas foron tres obras realizadas por Manuel Torres Martínez, Silvio Fernández Rodríguez - Bastos e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A primeira delas protagonizada por unha persoa soa, a segunda por dúas e a terceira por un grupo, de forma que a recreación que se debe realizar do cadro que se elixa a poida levar adiante unha soa persoa, dúas ou o un pequeno grupo familiar. As imaxes recreadas poden ir compartíndose a través do Facebook do Museo. Por outro lado a opción proposta desde o Museo de Belas Artes da Coruña adopta un xeito de certame, xa que o que propón é enviar as recreacións por correo electrónico para seren preseleccionadas por eles, publicadas nas redes e entón votadas de xeito popular. Os seus requisitos, son que as obras seleccionadas pertenzan á sección de nove obras da colección propia propostas polo museo.

Que che parece esta nova?
52 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

A Coruña na arte

A Coruña na arte

O Museo de Belas Artes amosa a presenza da cidade na creación dos últimos séculos

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museos, Belas Artes, Museo de Pontevedra, Facebook...