Na procura do tesouro perdido da Catedral de Santiago

Localízase a fotografía máis antiga da roubada Cruz de Afonso III

Localízase a fotografía máis antiga da roubada Cruz de Afonso III
Fotografía da Cruz de Afonso III, realizada por Thurston Thompson en 1867.
Tal día coma hoxe, hai 809 anos, o rei Afonso IX (VIII no cómputo real galego) en compañía do arcebispo de Santiago, consagrou a Catedral de Santiago. Na procesión brillaba con luz propia un dos máis antigos agasallos realizados polos reis ao templo compostelano: a cruz de Afonso III. Esta valiosa xoia foi roubada da catedral en 1906 e continúa en paradoiro descoñecido. Agora, o historiador Francisco Prado-Vilar localizou a foto máis antiga desta valiosa cruz, captada por un fotógrafo británico en 1867.

O 21 de abril de 1211, Afonso VIII, último monarca do Reino independente de Galicia e León, viu amencer en Santiago de Compostela, onde se atopaba para participar na solemne consagración da catedral


San Xoán diante da Nova Xerusalén, Apocalipse, MS. L.A. 139, fol. 74r. Lisboa, Museu Gulbenkian

Ascendendo pola escalinata que conducía á entrada do templo en compañía do arcebispo Pedro Muñiz, Afonso debeu de sentirse como San Xoán, sendo conducido por un anxo cara unha materialización visionaria da Xerusalén Celeste. "A cidade non precisa de sol nin de lua que alumeen", di Xoán no libro da Apocalipse, "porque a alumea a Gloria de Deus, e a súa lámpada é o Cordeiro... Á súa luz camiñarán as nacions, e os reis da terra levarán a ela as súas riquezas" (Apoc. 21: 23-26).

Recitando esta pasaxe, que ofrecía unha evocadora referencia bíblica para aquela Compostela que se estaba a transformar na Nova Xerusalén do Occidente cara onde camiñaban "as nacións e os reis da terra", o arcebispo podería terlle explicado ao rei o simbolismo da luminosa arquitectura do nártice que o mestre Mateo construíra inspirándose nas descricións desa Cidade Sagrada que, segundo a profecía, descendería dos ceos ao final dos tempos.

Tamén podería ter aproveitado a ocasión o arcebispo para amosarlle ao rei a suntuosa cruz de ouro e pedras preciosas coa que un dos seus antepasados, Afonso III, agasallara á catedral para ser utilizada na consagración do antigo templo celebrada no ano 899. Nos brazos desta venerada xoia, que era agora enarbolada de novo na procesión de consagración da monumental basílica románica, estaba inscrito o nome que o rei compartía co seu devanceiro, Adefonsus, repuxado en ouro xunto ao do Apóstolo:

+ OB HONOREM SANCTI IACOBI APOSTOLI / OFFERVNT FAMVLI DEI ADEFONSUS PRINCEPS CVM CONJUGE SCEMENA REGINA / HOC OPUS PERFECTVM EST IN ERA DCCCCA DVODECIMA / HOC SIGNO TVETVR PIVS / HOC SIGNO VINCITUR INIMICUS

+ En honor do Santo Apóstolo Santiago / ofrécena os servos de Deus o Príncipe Afonso e a súa esposa a raiña Ximena / Esta obra se rematouse na Era 912 (ano 874) / Con este signo protéxese o piadoso / Con este signo véncese ao inimigo.

Esta cruz permaneceu no tesouro da catedral durante máis de setecentos anos ata que, na madrugada do luns 7 de maio de 1906 desapareceu misteriosamente da Capela das Reliquias. As novas do roubo, que se unía a outros sucesos acontecidos nos últimos anos na catedral, como a desaparición da aureola de prata da imaxe de Santiago do altar maior, foron amplamente recollidas na prensa, con detalladas crónicas como a asinada polo corresponsal de La Voz de Galicia, A. Taboada Rivas, que se ilustrada cun debuxo do lugar do crime, ou as de El Correo Gallego e do Noticiero de Vigo, que aporta datos adicionais.


Detalle de La Voz de Galicia, mércores 9 de maio de 1906

Tamén se verteron numerosas críticas ao Cabido pola súa neglixencia na protección dos tesouros da catedral que eran patrimonio de todos. Opinaban en La Voz de Galicia que "van resultando el colmo de los escándalos, los robos que se cometen en la Catedral siendo imperioso que el Cabildo adopte energéticas medidas por impedirlos por propio decoro, y porque con estos hechos bien les consta a los señores capitulares que la fe se entibia, y que con ellos va perdiendo la religión de nuestros mayores, que nos legaron rodeados de tanta gloria". Algunhas desas críticas alcanzaron notable mordacidade como a do periódico satírico semanal El Motín nunha columna titulada "Santos Tesoros Robados" que comeza: "Han robado una vez más, y lo que te rondaré, la Catedral de Santiago de Galicia, en condiciones que darían mucho que pensar si no estuviéramos ya todos en el secreto de esos sagrados atracos a la conocida (frase del argot de Caco)".

A finais do mes de xuño, unhas mulleres que estaban segando centeo en "la parte Sur del paseo de Bóveda, cerca del sitio en que hace años fue asesinado por los famosos "Vimianzo" y "La Peizoca" D. Ángel María Lorenzo" atoparon semi-enterrada unha das xoias roubadas, a cruz do cardeal Spínola, desprovista das pedras preciosas que a decoraban e da imaxe do Cristo crucificado, que era de prata dourada. Pero, como informa o xornal Galicia, "a pesar de las activas pesquisas del inspector Sr. Brindis, la guardia civil, y la municipal" non se atopou aos autores de roubo, nen rastro algún da Cruz de Afonso III.

Unha década máis tarde, en 1917, o Cabido, dando a cruz por perdida, e para mitigar as críticas, encargou unha réplica en bronce dourado ao prateiro da catedral, Ricardo Martínez Costoya, quen se basou nas únicas fotografías que se conservaban da peza, unhas fototipias de Hauser y Menet realizadas sobre negativos de J. Limia.


Cruz de Afonso III. Hauser e Menet. Máis información sobre a cruz de Afonso III neste artigo de Ana Pérez Varela.

Eses mesmos negativos usáranse anteriormente para as fotos publicadas nas páxinas que lle adica á Cruz Antonio López Ferreiro no tomo segundo da súa monumental Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, publicado en 1899.

Nesas fotos, a Cruz aparece desprovista duns engadidos modernos que, como indica López Ferreiro, foran retirados recentemente para intentar recuperar o seu aspecto orixinal. Entre os elementos engadidos estaba unha pequena cruz de ouro cun lignum crucis no seu interior que López Ferreiro asocia ao rei Ordoño II (c. 871-924) quen, segundo as fontes, fixera unha das doazóns máis xenerosas ao santuario xacobeo. Esta peza, conservada hoxe no tesouro catedralicio, todavía se coñece como a "cruz de Ordoño II", ainda que, como demostrou Serafín Moralejo, se trate dunha obra do século XI asociada cos obradoiros de filiación xermánica que traballaron para o rei Fernando I quen foi, probablemente, quen donou a peza á catedral de Santiago.

O ensamblaxe da pequeña cruz románica coa de Afonso III tivérase realizado séculos antes pois xa a describe desa forma Ambrosio de Morales no s. XVI na súa Viage (pp. 125-6).

Outra testemuña importante para reconstruir a apariencia que tiña a Cruz de Afonso III no século XIX atopámola na Descripción histórico-artística-arqueológica de la Catedral de Santiago de José Villa-Amil y Castro, publicada en 1866, onde nos informa que a antiga cruz tiña outro Cristo acoplado, que non era o románico "de Ordoño II":

"El Cristo es una agregación muy posterior, mide con la chapa también moderna y de figura cruciforme, en que está colocado, unos veinte centímetros y es todo de oro, incluso los tres clavos de que pende el Salvador." (p. 152-57)



Cruz de Ordoño II, exposta a principios do s. XX nun marco que recorda á Cruz de Afonso III. Foto: Arquivo Ruiz Vernacci, Fototeca IPCE

Esta chapa de plata dorada con un Cristo que describe Villa-Amil é a mesma da que fala López Ferreiro na súa Historia, publicada trinta anos despois, dicindo que cubría a "Cruz de Ordoño II" e que fora "retirada recientemente":

"En el siglo XVII se puso una Cruz también de oro de que hablaremos en el capítulo XI [Cruz de Ordoño II] cubierta con una chapa de plata dorada, de pésimo gusto, sobre la cual se aplicó un crucifijo también de plata; 1) Recientemente se quitó la chapa de plata y la cruz de oro [de Ordoño II] que estaba debajo; y en su lugar se puso una cruz de cristal con pequeño trocito del Lignum crucis"



Cruz de Afonso III realizada por C. ThurstonThompson en 1867, Victoria and Albert Museum.

Afortunadamente, podemos agora contemplar a desaparecida Cruz de Afonso III cos seus engadidos modernos, tal e como a viron Villa-Amil e Lopez Ferreiro, grazas a que foi captada para a posteridade pola cámara do fotógrafo británico Charles Thurston Thompson en 1867. Nesta extraordinaria fotografía observamos o fermoso Cristo de prata dourada do s. XVII que cubría, como se fose a tapa dun relicario, a pequeña cruz románica de "Ordoño II" que estaba escondida no seu interior.


Coloreado dixital da fotografía da Cruz de Afonso III realizada por Thurston Thompson

Ademáis, a calidade da albúmina permite a aplicación dun programa de restauración cromática no que, por medio de un algoritmo, recuperamos os efectos lumínicos das superficies douradas, o clarescuro tremelicante da ornamentación de filigrana e as cores e reflexos dos cristais de rocha, entalles, e pedras preciosas.

En 2004, nun intento por recuperar este tesouro perdido da catedral compostelana, realizouse unha nova réplica da Cruz de Afonso III buscando a veracidade arqueolóxica, tanto nos detalles ornamentais, reconstruidos en base a descripcións textuais e ás fototipias de Hauser y Menet, como na calidade dos materiais e os procedementos de producción artesanal utilizados.


Réplica da Cruz de Afonso III

En comparación á cruz fotografada por Thurston Thompson, esta réplica moderna ten certamente mais presenza material pero adolece da frialdade dun obxeto ao que non acariciou a pátina do tempo. Por contraste, a imaxe fotográfica revélanos unha obra de arte con aura, unha reliquia vivida, tocada e animada polo espíritu que lle conferiu a fe de todos aqueles que a adoraron ao longo dos séculos, como os cidadans de Compostela que, ata o século XIX, acudían a bicala cando era exposta en Venres Santo.

Mergullándonos coa mirada nas súas superficies escintilantes podemos emprender unha viaxe no tempo e trasladarnos ao xoves 21 de abril de 1211, para situarmonos a carón da comitiva de próceres galegos que aquela mañá, tras circunvalar rezando o perímetro do novo templo portando esta Cruz en alto iluminada pola "luz da quinta feira", se adentrou, como ainda podemos facer nos hoxe, no tempo eterno do Pórtico da Gloria.


Cruz da Consagración da Catedral de Santiago, situada no muro da nave norte, preto do Pórtico da Gloria

Hoc in honore Dei templum Iacobi Zebedei quartus Petrus ei quinte dico luce diei
En honor de Deus, eu, Pedro IV [arcebispo Pedro Muñiz], dedícolle este templo a Santiago Zebedeo cando brilla a luz da quinta feira.

--------------------------------------------
Sobre o autor

Francisco Prado-Vilar é director de Proxectos no Real Colexio Complutense de Harvard e director científico do Programa A.W. Mellon para o Pórtico da Gloria. Foi membro e coordinador do comité científico da restauración do Pórtico da Gloria desde os seus inicios en 2008. Licenciouse en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela con Premio Extraordinario de Licenciatura, tras o cal obtivo os títulos de Máster e Doutoramento pola Universidade de Harvard. Posteriormente exerceu postos investigadores e docentes nas universidades de Princeton, Londres, Complutense e máis recentemente Stanford, onde foi Burke Visiting Professor. Foi membro fundador do Comité do Selo de Patrimonio Europeo da UE, do que agora é asesor (Heritage Label amb.). Entre as bolsas e premios internacionais que obtivo, cómpre destacar: bolsa Charles Elliot Norton, bolsa A.W. Mellon, bolsa Cotsen/Society of Fellows Princeton, dúas bolsas Aga Khan e Premio de Harvard á Excelencia no Ensino. En breve publicarase o primeiro volume dos estudos do proxecto do Pórtico da Gloria, co título “O Pórtico da Gloria: Arquitectura, materia e visión”, no que se inclúe a primeira reconstrución completa da fachada mateana da Catedral de Santiago coa restitución de todas as esculturas coñecidas aos seus lugares orixinais.