Traballar cultura en Cabila

O INCIPIT propón unha metodoloxía aberta e participativa para iniciativas sociais ou patrimoniais

O INCIPIT propón unha metodoloxía aberta e participativa para iniciativas sociais ou patrimoniais
Sesión de traballo do proxecto Vite Arquiva
Traballar o patrimonio inmaterial ou calquera proxecto social de xeito colaborativo cunha metodoloxía que facilita a toma de decisións e o rexistro de resultados. Esta é a proposta que fai o Incipit con Cabila, unha iniciativa dispoñible en aberto na rede e que desenvolveu o seu proxecto piloto no barrio compostelán de Vite. Un novo sistema de traballo que quere revolucionar o labor de asociacións, empresas, centros de investigación ou institucións.

Á hora definir Cabila, César González, responsable da iniciativa no seo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), resume o proxecto como "un xeito de traballo, nós dicimos metodoloxía, para aprender e xerar coñecemento novo de xeito colaborativo e a traballar con comunidades locais". O nacemento deste método atópase no seo do proxecto europeo Geoarpad, integrado no Interreg España-Portugal. Segundo lembra este investigador, "tiñamos un proxecto con outros grupos e universidades para traballar sobre patrimonio cultural común, e queriamos facer algo un pouco distinto. A intención era non só documentar os elementos patrimoniais que existen, senón tamén o propio proceso de traballo co que se fai documentación" lembra. "Queriamos ver como a xente fía estas cousas, sempre a involucrar as comunidades locais. Pareceunos que cumpría un sistema de traballo que permitise incorporar esta perspectiva e que amosase tanto o resultado final como o proceso". De aí xurdiu Cabila, unha iniciativa que se desenvolveu coa participación de María Masaguer, Paula Ballesteros e Manuel Miguéns no seo do Incipit e que desde este mes de marzo está dispoñible en aberto na rede.

Apoio gamificado
Quen se achegue ao web de Cabila vai atopar "unha descrición do que se pode facer con esta metodoloxía, unha listaxe de proxectos en marcha ou finalizados e todo o contido que se xerou nos mesmos . Tamén se pode iniciar un proxecto propio, a encher un formulario moi sinxelo", explica González. Ao darse de alta como usuaria, cada persoa poderá ir optando por unha serie de decisións que, segundo a súa escolla, lle solicitarán crear determinados contidos e documentos. Definir o obxecto do seu estudo, listar o grupo que se vai encargar do mesmo ou acordar determinados aspectos do método de investigación son algunhas das accións sobre as que o sistema vai ir achegando aos poucos guías e propostas para traballar. Como obxectivo final da iniciativa, está o contribuír a crear proxectos participativos e rigorosos. Como principal punto forte desta proposta González destaca "que non hai, que saibamos, outro sistema que combine unha metodoloxía orientada a traballar coa comunidade cun sistema web que lle dea soporte á xente que desenvolve os proxectos. Hai moitas webs que permiten crear e compartir documentos ou arquivos, pero non ofertan axuda sobre que podes facer ou como o podes facer. Nese sentido Cabila é única", explica. Ese apoio e orientación dáse cun sistema de gamificación, que convida a se introducir na metodoloxía como se fose un xogo. "Falamos de Cabila como un xogo en liña no que as diferentes persoas que participan nun proxecto colaboran e gañan a partida cando completan os obxectivos que elas mesmas propuxeron. Vaise xerando unha puntuación e cantas máis cousas se fagan e máis decisións se toman, máis puntos se obteñen", sinala este investigador.

Materiais
Para alén de guías para acción, Cabila achega ás persoas e entidades usuarias toda unha serie de recursos para facilitar o traballo, todos eles dispoñibles en acceso libre. "Hai manuais e folletos, e mesmo é posible descargar toda a estrutura de información que empregamos, cos cartafoles ordenados para gardar a información que faga falla. Isto permite mesmo traballar en soporte físico ou sen empregar a rede" lembra o voceiro do proxecto. Manuais sobre a propia metodoloxía, guías para elaborar un plan director do proxecto, listados de posibles técnicas que aplicar ao desenvolvemento do mesmo ou á toma de decisións e produtos que elaborar no marco do mesmo son algúns dos contidos que se achegan, ademais de bibliografía relacionada para ampliar a formación das persoas que participan de cada iniciativa.

Grupos
Como un dos aspectos orixinais da metodoloxía, destaca o feito de Cabila propón que cada proxecto conte con tres grupos. Por unha banda, hai un un Grupo Promotor, que pon a andar a iniciativa e realiza unha revisión inicial do campo de traballo. Canda a este, o sistema esixe a existencia dun Grupo Motor, que define e executa un proxecto a partir da proposta do anterior e que estará composto por membros da propia comunidade que é obxecto do estudo. A estes súmase aínda un Grupo de Seguimento que se encarga de ir controlando a execución do proxecto, a advertir de posibles desviacións sobre os obxectivos marcados e os acordos realizados. Segundo explica González, este órgano "observa o proxecto desde fóra, verifica o que se fai e achega suxestións sobre como mellorar. É algo optativo e hai proxectos que non o empregan".

O autoetnografado
Un dos labores do Grupo de Seguimento, e ao tempo un dos factores máis destacados de Cabila é a aposta polo etnografado do proxecto. A aplicación de técnicas etnográficas como é o diario de campo, os grupos de discusión ou a observación participante ao propio proceso de desenvolvemento do proxecto e da toma de decisións contribúe a xerar unha reflexión dos axentes participantes sobre o mesmo. Isto obriga a revisar cuestións como se o xeito no que se toman as decisións é o máis aberto e democrático posible, se se está a procurar unha participación efectiva da comunidade ou se os obxectivos propostos están a se cumprir axeitadamente. Este empeño "entronca moito co concepto de ciencia cidadá que manexamos", explica González. "Moitas veces cando se fala de ciencia cidadá trátase de que as persoas participantes teñan un rol pasivo no que contribúen con tempo ou recursos, como os seus ordenadores, a xerar coñecemento. Nós imos un paso alén e queremos que tomen tamén decisións e sexan pais e nais do seu proxecto". Nese papel "resulta moi importante autoavaliar o que se fai e como se fai. Non só documentar senón pensar como se podería facer mellor. Por iso Cabila fai moito fincapé nestes procesos de autorreflexión".

Vite, proxecto piloto
O barrio de Vite foi o espazo no que se testou e se foi concretando esta metodoloxía nun caso piloto que se desenvolveu desde marzo de 2019 e que deu na posta en marcha da iniciativa Vite Arquiva. "O proxecto de Vite foi o primeiro que se fixo con Cabila e axudounos moito a deseñar o método, que se foi facendo en paralelo ao propio proxecto. Íamos ensaiando ideas, vendo como funcionaba e corrixindo cousas", explica González. No caso desta iniciativa concreta, o Grupo Promotor estaba formado polas investigadoras do CSIC, María Masaguer e Paula Ballesteros, que identificaron un espazo no que había un movemento asociativo activo e un grande potencial de patrimonio inmaterial co que traballar, en particular no eido da memoria comunitaria. Dentro da súas tarefas, o Grupo Promotor realizou un repaso bibliográfico e un traballo de campo preliminar sobre os potenciais temas que se podían abordar no barrio, como a evolución do urbanismo, a memoria sobre o traballo asociativo ou as diferentes transformacións sociais da zona. Ademais, preocupouse de identificar axentes que podían contribuír ao proxecto, ben a achegar as súas memorias, ben como colaboradores ou como membros do Grupo Motor.

Cabila desde dentro
Deste xeito, o Grupo Motor do que acabou sendo Vite Arquiva formouse a partir de representantes de diferentes entidades existentes no barrio (asociacións veciñais, de mulleres ou de mocidade, o Centro Sociocultural, o Plan Sociocomunitario, o centro sanitario ou centros de ensino, entre outras). Desde este órgano, Felicia Estévez, membro do Plan Sociocomunitario como representante do IES e da Coordenadora de Barrio desde a Asociación de Mulleres A Lagoa, lembra o primeiro contacto con Cabila. "Nun primeiro momento entendemos que o Incipit ía facer un traballo sobre a historia dos barrios de Compostela, que escolleran Vite e que precisaban información dos diferentes sectores e sobre distintas épocas. Pareceume unha proposta interesante e ía preparada para prestar o meu apoio un par de horas á semana, a falar sobre cuestións da vida do barrio nas que eu estivera implicada, como a Asociación de mulleres A Lagoa, o Instituto ou a Coordenadora do Barrio. Pero segundo ía coñecendo o proxecto, dábame conta de que nós tamén eramos parte do traballo". Á hora de integrar o método de traballo proposto, "custounos varias sesións entender o que se pretendía con esta metodoloxía" recoñece. "No grupo motor eramos xente de acción, queriamos convocar a veciñanza inmediatamente, facer un acto público a explicar o que se estaba a artellar, convocar os medios e procurar persoas que fosen portadoras daquelas memorias. E o proxecto requiría orde, método e planificación". Segundo apunta, fronte á acción inmediata, "houbo que estudar como facer entrevistas sobre memoria, documentarse sobre cesión de datos, visitar outras institucións para saber como facer recollida de información ou aprender a catalogar documentos" entre outras tarefas. Así, no canto de actividades directas de recollida, no momento de rematar o proxecto de Vite con Cabila, no outono de 2019 o que se obtivera era un plan director a propor obxectivos, métodos e actividades para desenvolver o proxecto, ademais dunha plataforma web e dunha primeira compilación de material catalogado e conservado axeitadamente.

Mellora da calidade
Sobre as vantaxes e a aprendizaxe que supuxo Cabila para un grupo motor conformado por xente con ampla experiencia en traballo social e asociativo ou xestión cultural, Felicia Estévez sinala que "se hai anos, cando se puxo a andar o Plan Sociocomunitario, a Coordenadora de Barrio e os diferentes axentes implicados tivésemos unha metodoloxía como esta que nos facilitase un Plan Director, aquel labor estaría hoxe nos manuais de Socioloxía ou de Arquitectura. Eramos xente de acción, e daquela reflexionabamos sobre o que facíamos no momento de preparar solicitudes ou ao elaborar as memorias do Plan Sociocomuntario, non día a día como con Cabila". Así, destaca que "neste tempo aprendemos a importancia de levantar acta de cada reunión para poder retomar as cuestións en cada momento e permitir que se poida participar sen estar en todas as xuntanzas. Pero tamén porque cando sabes que o que di vai quedar escrito, esfórzaste máis en construír ideas suxerentes".

A importancia da participación social
Encol do xeito no que se desenvolveu a iniciativa, cun grupo motor conformado por persoas do propio lugar, Felicia Estévez ten claro que "se o proxecto sobre a memoria de Vite o tivesen escrito Paula Ballesteros e María Masaguer" responsables do Grupo Promotor, "tería saído moito máis rapidamente, pero morrería no acto. Non tería continuidade". Así, destaca que "de todo este proceso saíu como algo positivo que o Grupo Promotor soubese facer andar o Grupo Motor e que este vaia continuar facendo o arquivo". Desde o Incipit, pola súa banda, valoran como un éxito a experiencia. "Persoalmente estou moi contento de como resultou", salienta González. "Pola súa natureza de proxecto piloto non seguiu unha dinámica totalmente controlada e estipulada, houbo moitos avances e retrocesos e déronse exploracións de diferentes liñas de traballo, pero iso é o que se agardaba. Á hora de axudarnos a construír Cabila foi un éxito total, e en canto ao proxecto en si, penso que tamén estivo ben. Xerouse unha proposta para un arquivo de barrio moi interesante que segue en marcha despois de rematar a colaboración co Incipit" e co que a entidade baralla novas formas de cooperación.

Usos e desenvolvementos
Co actual lanzamento de Cabila á cidadanía, desde o Incipit queren "mellorar a capacidade de acción" da sociedade e permitir de colectivos de todo tipo aborden os seus proxectos cunha maior calidade. Encol de potenciais usuarios do método, González advirte que "Cabila preséntase como un sistema para traballar prácticas sociais, non se restrinxe especificamente ao patrimonio. Calquera cousa que se faga en sociedade pódese estudar e abordar desde a metodoloxía. É axeitada para empresas, administracións públicas, asociacións, centros de investigación ou cidadáns particulares. Calquera axente interesado en promover un proxecto pode acceder a ela de xeito libre e gratuíto". Aínda sen máis proxectos abertos na plataforma, desde o Incipit continúan a promoción da proposta. "Aínda comezamos a divulgar Cabila en marzo. Estamos a traballar con algunhas iniciativas e agardamos que algunha delas se concrete. O outro día falaba dun instituto de secundaria a posibilidade de usar Cabila para traballar en coñecemento do contorno, non exactamente de xeito patrimonial", apunta González como un dos posibles proxectos que se poden sumar a Cabila. Mentres, o web está aberto a calquera se que queira achegar a esta metodoloxía.

VITE ARQUIVA


O barrio de Vite, conformado por polígonos de vivendas construídos desde o franquismo sobre o que eran terras de cultivo para atender o incremento de poboación obreira na capital galega conta cunha idiosincrasia peculiar. "A poboación que chegou aquí era de persoas que viñan doutros puntos da cidade e doutros concellos, que se concentraron en vivendas sociais. E iso deu en conflitos e en problemáticas como a da droga. Como resposta a iso comezaron a aparecer diferentes asociacións, que se foron xuntando e facendo proxectos dos que saíron materiais como os que conservamos aquí", lembra Brais Santomil, voceiro do proxecto Vite Arquiva.

Xogando no Parque do V (actualmente Parque Pablo Iglesias). Imaxe de Vitearquiva
Xogando no Parque do V (actualmente Parque Pablo Iglesias)


Esta iniciativa para recuperar a memoria local foi o resultado do proxecto piloto de Cabila. Cun web xa en marcha, un arquivo físico localizado Centro Sociocultural local e varias actividades pendentes de desenvolver, a proposta continúa viva despois de rematar a colaboración co Incipit. A explicar o proxecto , Brais Santomil, membro do Grupo Motor, sinala que xa existía unha grande cantidade de material compilado, pero que estaba pendente de se catalogar e se integrar nun único arquivo. "O material que había era sobre todo da Coordenadora de Barrio, un punto de encontro que ordenaba as actividades culturais, deportivas, de mulleres, veciñais ou de estudantes que desenvolvían as asociacións da zona", lembra. Esta entidade naceu logo da posta en marcha do Plan Sociocomunitario local, "que se desenvolveu a partir de 1987 como resposta aos problemas sociais que había no barrio", nomeadamente problemas de delincuencia e de drogadicción. "Como resultado de anos de actividade daquela iniciativa xerouse un material que se fora dispersando" e que agora se está a compilar. Desde planos das diferentes fases de construción do polígono de vivendas, informes urbanísticos, dosieres dos problemas de servizos na zona, artigos de prensa, fotografías e vídeos de actividades, unha grande colección de carteis e todo tipo de documentación, pública e privada, esta material dá conta da evolución do barrio e do peso do traballo asociativo na súa constitución.

Grupos de traballo
Na actualidade, Vite Arquiva artéllase a través de tres grupos de traballo específicos. "Temos un grupo dedicado ao web, onde se amosa o material que temos dixitalizado, se explica o proxecto e se achegan novas sobre a iniciativa. Hai outro grupo de material que se encarga e catalogar e dar conta dos fondos físicos que van entrando e que se conservan no Centro Sociocultural. Logo hai un terceiro de Etnografía que se encarga de traballar a memoria oral". Desde este último organizouse "un Café da Memoria para que xente maior do barrio explique como era a zona antes da construción do polígono de vivendas. Collemos como fío condutor a agua, que era un elemento moi importante na zona, co acueduto da Ponte Mantible, o río Corgo e a curtiduría da familia Harguindey, que ocupaba unha grande superficie do que hoxe é o barrio e na que traballou moita xente" explica. A crise sanitaria da COVID-19, no entanto, paralizou esta iniciativa, que ten pendente se recuperar nunha nova data. Outro proxecto pendente é unha proxección de vídeos recuperados da época forte de actividades da Coordenadora, tamén pendente de data.

A marxinación que deu en orgullo
A repasar a historia do barrio, Santomil lembra que "houbo un momento no que os taxis non entraban no barrio porque tiñan medo. Aos poucos, con este tipo de proxectos, os campamentos, as olimpíadas do barrio, o cine ao aire libre, as festas ecolóxicas ou a discoteca light foise creando un vínculo entre a xente, saíu o lema de Vite Nazón e, sobre todo a xente que xa nacera no barrio ou viñera moi nova, comezou a ter un sentimento de pertenza, a se sentir orgullosa de ser de Vite. Entón daquela problemática naceu un sentimento de unión moi bonito que agora está a se perder. Ese movemento fixo que nacese un sentimento de pertenza ao barrio que antes non existía, por isto se reivindica". A propia evolución do barrio, cun importante avellentamento da poboación, a superación daquela condición de marxinal no marco da cidade outras mudanzas alteraron aquela identidade tan marcada. "Os descendentes dos primeiros poboadores xa non viven alí. Cando os fillos tiveron a oportunidade ter a súa propia familia, os pais aínda vivían nos pisos, e esa xente tivo que procurar pisos noutros lugares, moitos no Milladoiro ou en Bertamiráns. Agora a xente maior que ficou está a morrer e moitos pisos quedan baleiros ou acollen estudantes, que están de paso. E entón pérdese esa identidade común".

A reivindicación da identidade de Vite
Aínda así, Santomil advirte que grande parte desa xeración "continúa co sentimento de pertenza ao barrio. A maior parte dos que recuperamos a comisión de festas nos últimos anos non vivía aquí. E logo hai quen mesmo llo transmite aos fillos", participando con eles nas festas, a través da relación cos avós ou mesmo inscribíndoos en actividades que se desenvolven no barrio. Na reivindicación pesa tamén, ao seu ver que "a xente que participou nese proceso está a ver con outros ollos aquel tempo. No seu momento estarían un pouco fartos de todo o traballo, pero hoxe, visto con perspectiva, ven tamén o bo daquel momento, a irmandade, o sentimento de comunidade e o orgullo de barrio que había". Un movemento de reivindicación que a iniciativa de Vite Arquiva quere artellar.