A Fundación Alfredo Brañas deseña os seus cursos de verán desde o liberalismo

Cultura desde unha beira

Desde o ano 1982, a Fundación Alfredo Brañas difunde investigacións de óptica conservadora e funciona como “think tank” dirixido ás novas xeracións de políticos liberais galegos. Os cursos de verán no mosteiro de Poio son a súa principal actividade anual.

Este ano, a Fundación Alfredo Brañas cumprirá 20 anos de cursos de verán organizados no Mosteiro de Poio (Pontevedra). Durante o mes de xullo, grupos reducidos de alumnos participarán en cursos de verán nos que nos últimos anos rexen temas tan diferentes coma o exército, a bioinformática, a comunicación ou o xornalismo. Nun verán sementado de cursos organizados polas universidades galegas, a Fundación Alfredo Brañas segue a ser un caso atípico. “Somos tamén un centro de formación para políticos liberais”, indica Francisco Puy, presidente da entidade desde hai 13 anos.



A vocación heteroxénea da Fundación percíbese no seu programa de cursos para este verán, ou na edición do ano pasado. Desde cursos sobre a investigación militar, a comunicación ou a informática e intelixencia militar. “En moitos casos, realizamos as xornadas en función dos acordos a que chegamos con diferentes entidades e das finalidades da Fundación”, indica Puy, “por exemplo, chegamos a un acordo co Centro Superior de Estudios da Defensa para impartir uns cursos, e ademais cremos que a defensa é unha industria para Galicia. Ou, no caso da informática, cremos que é necesario incentivar estes estudios aquí, xa que Galicia non se incorporou nunca ao maquinismo”.



Na busca dun espacio propio

No ano 1982, un grupo de intelectuais e políticos de ideoloxía conservadora e tradicionalista decidiu organizar unha entidade que lles permitise gañar espacio público. Francisco Puy, actual presidente da Fundación e catedrático de Dereito da Universidade de Santiago, recorda os momentos da constitución da entidade: “Nunha situación similar á actual, Brañas convértese nun campión, no referente teórico do pensamento de signo rexionalista e galeguista, fundado na tradición e na conservación dos valores distintivos. Cremos que este home que estaba a ser esquecido e podía ser un símbolo”. Francisco Puy, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago, lembra as orixes da fundación: “En 1982 a cultura politicamente correcta podía ser de centro esquerda, ou de esquerda, ou de ultraesquerda, pero nada que tivera que ver co pensamento de dereitas. Todos os que nos sentiamos nesa onda cultural absolutamente necesaria para unha sociedade libre non tiñamos posibilidades de expresión e estabamos absolutamente pechados. Propuxémonos que en Galicia houbese unha plataforma modesta para este tipo de pensamento”. O resultado foi unha entidade que agrupaba a políticos, catedráticos de universidade, de instituto. O primeiro Presidente foi Filgueira Valverde, antes de converterse nun dos primeiros conselleiros de Cultura do nacente goberno galego.



O obxectivo era buscar referencias na memoria, e foi doado. Unha certa corrente do galeguismo deu os seus primeiros pasos entre sotanas catedralicias e barretes carlistas. E Alfredo Brañas (1859-2000), un brillante catedrático de Dereito da Universidade de Santiago, foi o seu principal teórico. Brañas defendeu o tradicionalismo como cerne da defensa da identidade galega e fundou determinados elementos simbólicos da identidade, como o Panteón de Galegos Ilustres. O seu pensamento ideolóxico, moi conservador, estaba moi distanciado das posturas liberais de Manuel Murguía, outro dos pais das ideoloxías galeguistas. O politólogo Ramón Máiz indica no seu estudio sobre a figura do catedrático que “Brañas exalta precisamente aqueles rasgos que para Murguía ou Pereira constituían o celme das eivas do atraso galego: a falta dun proceso de industrialización e urbanización , o atraso da agricultura...”.



A filosofía da fundación nos seus curso de verán é o contacto directo entre profesores e alumnos. Deste xeito, a Fundación xestiona pensión completa no Mosteiro de Poio para os concorrentes aos cursos e limita, polo xeral, o número de posibles inscritos a vinte. Entre o pagamento das inscricións e dos cursos e unha subvención da Xunta ás Fundacións, a entidade consegue levar a cabo, un ano si e outro tamén, desde hai máis de vinte, cursos e publicacións desde a beira conservadora da cultura.