Novas propostas achegan teatro galego ao confinamento

Berrobambán, Mofa e Befa ou Trémola Teatro soben contidos á rede

Imaxe de <i>A cabeza do dragón</i>
Imaxe de A cabeza do dragón
Continúa a se multiplicar oferta de cultura feita no país para pasar o confinamento na casa. Deste xeito no ámbito teatral diferentes compañías están a achegar os seus contidos á rede de balde. É o caso de Berrobambán, que publica na súa canle de Youtube unha serie de gravacións das súas montaxes. Luns, mércores, venres e domingos en horario de 11h a 18 h pódese asistir a Xurdefet e a Bicharada en diferentes linguas. Tamén Mofa e Befa e producións Teatrais Excéntricas están a recuperar vídeos das súas antigas montaxes. Títulos como A cabeza do dragón e números como Os flamencos abertzales ou Mondo Canoro están dispoñibles para ver desde o fogar.



Desde as súas casas, os humoristas Xosé Touriñán e David Perdomo, pola súa banda, desenvolven actuacións ao vivo para amenizar o encerro a todas as persoas interesadas. A Asociación Cultural Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego está a publicar na súa canle de Youtube obradoiros para construír monicreques sinxelos que poidan axudar a pasar este tempo a crianzas e maiores.



Tamén as actrices galegas de Trémola Teatro, asentadas en Madrid, están a desenvolver a través das súas redes sociais unha programación específica con actividades, cancións e contidos pensados para o público máis pequeno.