A serie 'Auga Seca' estará no catálogo de HBO para España e Portugal

Ë a primeira produción en galego que se incorpora á oferta da plataforma dixital

Ë a primeira produción en galego que se incorpora á oferta da plataforma dixital
Sergio Pazos, Victoria Guerra e Monti Castiñeiras
A serie, Auga Seca, un drama policial de seis capítulos en torno ao mundo do tráfico de armas, rodado en Vigo e Lisboa, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal. Rodada orixinalmente en galego e en portugués, baixo a premisa do realismo e a naturalidade, que fai que as personaxes de cada un dos dous lados da fronteira falen na súa lingua, Auga Seca, da produtora galega Portocabo en asociación coa portuguesa SP-i engade ao fito de ser a primeira serie luso-galega que se emite simultaneamente en cadeas públicas de ambos países ( RTP e TVG) o de ser a primeira en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma HBO, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés, continuando así a presenza do audiovisual en galego nas plataformas dixitais como xa pasa desde xaneiro coa serie O sabor das margaridas (CTV), presente en Netflix a nivel internacional. Logo da súa estrea mundial na última edición do MIPCOM de Cannes o pasado outubro e unha gran acollida da audiencia en RTP e TVG, a serie Auga Seca, creada por Alfonso Blanco e protagonizada por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñibles todos os seus episodios para os subscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril. Portocabo obtivo recentemente para Auga Seca unha das axudas da Unión Europea á produción televisiva mediante o programa Europa Creativa - MEDIA, que se suma á axuda recibida da Xunta de Galicia a través de AGADIC.

Unha trama en torno ao tráfico de armas donde nada é o que parece
Auga Seca é un drama policial situado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, no que Teresa -a actriz portuguesa Victoria Guerra- vese envolta nunha trama na que nada é o que parece. Guerra traballa a carón dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.

Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards. A produtora con sede principal na Coruña e que anunciou apertura tamén de oficinas en Canarias, continúa deste xeito a súa liña de ficción internacional logo da exitosa e multipremiada Hierro, -que se atopa en plena rodaxe da súa segunda temporada- coa que ven de colleitar catro importantes galardóns nos XVIII Premios Mestre Mateo, e Vidago Palace, a súa anterior coprodución entre Galicia e Portugal.

Ligazóns