O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid acaba de admitir a trámite un recurso contencioso-administrativo polo que a galería compostelá Trinta denuncia o sistema de selección da feira ARCO. O espazo de arte galego, que estivo presente en máis de vinte edicións do evento, reclama que o actual sistema de selección beneficia a un pequeno grupo de galeristas que poden seleccionar quen vai asistir ao evento e vetar a presenza de quen consideren oportuno. A entidade galega reclamou ante a organización do evento logo de ser excluída o pasado mes de xullo, e logo de manterse a negativa, optou pola vía do recurso contencioso-administrativo, segundo recolle hoxe El País.
A reclamación do espazo galego faise pública logo de que a Audiencia Provincial de Madrid confirmase nunha sentenza recente que o criterio de selección de postos para este evento non é transparente, en resposta a unha denuncia presentada en 2016 pola galería My Name’s Lolita Art.
