O Tribunal Constitucional declara ilegal o emprego do topónimo La Coruña

Diga "A"

O Tribunal Constitucional vén de desestimar o recurso no que o Concello da Coruña solicitaba empregar o topónimo castelanizado La Coruña nos seus documentos oficiais. Ó desestimar esta queixa, este tribunal remata un contencioso que comezou en 1992 cunha denuncia que a Mesa pola Normalización Lingüística presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e obriga á corporación local a empregar o galego en todos os seus documentos.

A resolución



O Tribunal Constitucional vén de rexeitar o recurso interposto polo Concello da Coruña no que reclamaba que a obriga de empregar o topónimo A Coruña era inconstitucional. Con esta decisión, o alto tribunal obriga ó goberno local a recoñecer o nome galego da cidade en todos os seus comunicados oficiais e a abandonar a versión castelanizada do nome. Ademais, deberá empregar o galego en todos os documentos aínda que se lle recoñece o dereito a incluir versións en castelán dos textos a maiores.
Sen embargo, Francisco Vázquez declarou onte que "o goberno municipal empregará sempre as dúas formas" do topónimo, como vén sendo habitual. Ademais, sinalou a súa intención de presentar novas reclamacións sobre a cuestión.
No seu recurso, o Concello reclamaba o dereito á imaxe da cidade para seguir mantendo o topónimo en castelán. Ademais, sinalaba que a obriga de empregar A Coruña ía en conta do dereito á non discriminación por emprego do castelán, ó dereito de expresión e ó dereito dos cidadáns a intervir nos asuntos públicos. Finalmente, reclamaba que o dereito a Xunta a determinar os nomes oficiais dos concellos ía en contra da autonomía local e que o Tribunal Supremo non explicara na súa sentencia sobre o tema por qué consideraba constitucional esa lei.












A historia dun litixio


A disputa legal polo nome da cidade da Coruña comezou en 1992 cando a Mesa Pola Normalización Lingüística denunciou ante o Tribunal Superios de Xustiza de Galicia (TSXG) ó Concello da Coruña por incumprir a lei que obrigaba ó concellos a empregar o galego en todas as súas comunicacións oficiais. Logo de que o TSXG lle dese á razón ós denunciantes, o Concello comezou a empregar o topónimo correcto onda o castelanizado e reclamou ante o Tribunal Supremo, de novo sen éxito. Finalmente, econtratando ó destacado constitucionalista Eduarto García de Enterría, o Concello presentou o recurso de amparo que o Tribunal Constitucional vén de desestimar.




A Mesa

O vicepresidente da Mesa Pola Normalización, Xosé Baldomir, amosou a súa ledicia polo fallo do Supremo e reclamou á oposición municipal que reclame contas polos cartos investidos en defender a legalidade do topónimo castelanizado. Ademais, esta asociación sinala que continúan a recompilar exemplos do incumprimento da legalidade por parte do concello e agardan que os tribunais tomen iniciativas ó respecto.