Na tarde do pasado mércores 5 de febreiro, os participantes do encontro "Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio", que organizaba o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, percorreron as rúas do casco histórico compostelán gravando ao mesmo tempo os sons da cidade. A experiencia, dirixida polo coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia e decano da Facultade de CC. da Comunicación da USC, Xosé Ramón Pousa, realizouse entre as 17:57 e a as 18:03 por un motivo: recoller o impacto da campá da Berenguela no casco histórico, que funciona como nexo común das gravacións. O resultado é unha colección de audios que amosan a vida da cidade vella de Santiago nunha tarde laborable. A colección foi editada para a súa publicación no Mapa Sonoro de Galicia por Cris Asenjo, Alexandra Cabana Outeiro e Luciano Pérez.