Abrente: A arte que subiu o pano

Unha exposición recupera o vencello a creación artística co activismo cultural dos anos 70 en Ribadavia

Unha exposición recupera o vencello a creación artística co activismo cultural dos anos 70 en Ribadavia
Fragmento dunha obra de Xoán González (sen data) na colección Abrente. Fonte: Museo Etnolóxico de Ribadavia / Xunta de Galicia
O seu traballo na organización da Mostra de Teatro Galego fixo que a Agrupación Cultural Abrente pasase a historia da nosa cultura como un fito no desenvolvemento da nosa escena. No entanto, este colectivo de Ribadavia desenvolveu un intenso labor en diferentes áreas. En particular, a arte ocupou grande parte dos esforzos dos membros desta entidade, e serviu ademais como unha fonte de financiamento para outros proxectos. Agora, un proxecto do Museo Etnolóxico de Ribadavia recupera a historia da Colección Abrente.

As persoas que visitan o Museo Etnolóxico de Ribadavia desde o pasado mes de setembro poden se sorprender polo peso que a arte contemporánea galega ten no espazo expositivo do centro. O proxecto Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70 amosa ata o noveno mes de 2020 o importante legado artístico que se conserva desta asociación e repasa a actividade dun colectivo que deixou fonda pegada na cultura do país. A Agrupación Cultural Abrente, nada en 1969 en Ribadavia e coñecida sobre todo polas Mostras de Teatro Galego que organizou entre 1973 e 1980, acumulou ao longo da súa historia unha colección de arte contemporánea que suma arredor de 60 obras. O xeito no que se xerou este fondo é toda unha historia á que agora atende este proxecto que se artella en tres exposición e un catálogo. Este mes de febreiro preséntase a publicación e chega ás salas do centro a segunda das mostras desta iniciativa.

Sabela Fraga, comisaria da iniciativa, sinala que esta "amosa que para alén da Mostra de Teatro Galego había en Abrente unha programación que se desenvolvía ao longo de todo o ano e que permitiu que a cita escénica se puidese facer". Segundo lembra, "antes de que a Mostra comezase, había poxas e exposicións de arte e artistas que doaban as súas obras coa intención de que Abrente conseguiuse financiamento para desenvolver as súas actividades". Deste xeito, "esas pezas tiveron un papel fundamental na asociación, nas sinerxías que desenvolveu con outros colectivos e artistas da época, e mesmo na propia vila de Ribadavia. Son obras que explican a vida de Abrente e a súa actividade durante esta década de programación cultural" explica sobre este legado. O feito de que este proxecto se desenvolva no Museo Etnolóxico "ten todo o sentido" para a comisaria, xa que "cando se desfixo o colectivo, os seus membros decidiron que este material quedase depositado no que daquela era o Museo de Artes e Costumes Populares, que logo se transformaría no Etnolóxico. E o equipo do museo considerou necesario rescatar este legado artístico cando se fan 50 anos da agrupación".

O fondo
Segundo explica esta investigadora "cando fixemos a catalogación das obras que foran depositadas no Museo, vimos que hai unha grande cantidade de obras diversas e heteroxéneas de nomes máis e menos coñecidos. Ao tentar buscar un contexto que explicase a presenza destas pezas e o motivo polo que están nos fondos da asociación, atopamos unha documentación impresionante na que se explicaba a dinámica entre a agrupación e os artistas da época". Finalmente, o material deste depósito ascende a 59 obras de trinta autores e autoras. "Hai dúas esculturas e unha serie de obras plásticas moi heteroxéneas que inclúen óleos, gravado ou acuarelas. Non existe unha liña temática que defina esta colección, xa que é froito da dinámica da asociación e da vontade dos e das artistas que doaban obras para manter viva e con dignidade a cultura e a arte galegas". Deste xeito, segundo conta, no material reúnense "artistas máis autodidactas, outros que teñen unha formación máis académica, algúns moi politizados e outros que ían moito pola asociación. Están os que doan unha soa obra e os que doan varias, e logo atópanse desde pezas que fan parte da traxectoria máis persoal dun ou dunha artista ata gravados que se reproducían en serie". Froito desta particular xénese, a colección "amosa un contexto histórico determinado, fala daquela época. Por unha banda reflicte o traballo desta asociación cultural e pola outra a vontade que tiñan tamén os artistas por achegar a arte ao pobo alén de espazos como museos e galerías". Ademais, "moitas das pezas beben do contexto represivo, de xeito máis ou menos claro, e na exposición poñémolas a dialogar".

Os nomes
Entre as sinaturas que se reúnen no proxecto que ocupa o Museo Etnolóxico desde o pasado mes de setembro "hai artistas como Xaime Quessada, Reimundo Patiño ou Enrique Ortiz que xa daquela participaban en colectivos con vontade antifranquista, desde os que era máis sinxelo contactar con este tipo de agrupacións. Logo había propostas como a Estampa Popular Galega que traballaba o gravado e tiña a vontade de expor en lugares populares como os bares, a fuxir de espazos máis elitistas e a se achegar ao público dun xeito moi directo. Isto conectou moi ben tamén co que era Abrente, que tiñan un bar no local, un sitio onde a xente ía tomar algo e socializaba rodeada de arte galega". Na listaxe de nomes da colección mestúranse figuras recoñecidas como Alberto Datas ou Isaac Díaz Pardo con outros creadores da contorna de Ribadavia como Alexandro ou Acisclo Manzano. Reimundo Patiño e Elvira Martínez, membros da Estampa Popular, Bea Rey, Virxilio Fernández, Xosé Conde Corbal ou Xosé Luís de Dios fan tamén parte deste fondo. O feito de que moitas das obras doadas á asociación se vendesen en poxas para conseguir fondos provocou que o legado que se conservou non inclúa a totalidade das pezas que pasaron polas mans de Abrente. "Esta colección chegou a ser moito máis grande", recoñece Fraga.

A exposición
"Era un proxecto moi grande que cumpría atender cunha exposición histórica que tenta explicar, co apoio do catálogo, como xorde Abrente e que papel xogou a arte na programación cultural que desenvolveu durante dez anos", resume Sabela Fraga a iniciativa do Etnolóxico.
Á hora de amosar toda esta actividade en formato expositivo apostou por "amosar unha cronoloxía que vai desde 1969 a 1983, a recoller todas as actividades en relación á arte que se realizaron na asociación". Para alén das propias obras, a mostra achega paneis e documentación histórica de contexto, a incluír os acordos de doazóns, rexistros das exposicións nas que se utilizaron e mesmo fotografías nas que se pode seguir a presenza das obras na actividade habitual de Abrente. "O formato expositivo ten as súas limitacións e quixemos facer un catálogo que explicase o contexto histórico no que se viviu todo isto. O volume recolle varios textos neste sentido ademais de entrevistas con fundadoras e fundadores de Abrente, unha cronoloxía de actividade ano a ano e logo a catalogación de todas as obras que fan parte da exposición", completa a comisaria

A actividade
A colaboración entre o mundo da arte e o do activismo cultural, que hoxe pode semellar pouco habitual, floreceu ao longo da década dos setenta en Ribadavia. E é que, para alén de achegar fondos para as actividades, a programación artística tiña un importante peso no traballo de Abrente ao longo deste período. "No proxecto fixemos énfase na parte artística desta programación. Ademais había charlas sobre educación sexual, sindicalismo e todo tipo de cuestións, pero todos os anos atopamos actividades potentes vencelladas á arte". Exposicións de cerámicas de Sargadelos ou de serigrafía, conferencias sobre pintura ou o uso de ilustracións de artistas do país en carteis ou para a habitual publicación do Día das Letras Galegas son algunhas mostras destes vencellos. Do mesmo xeito tamén os carteis da Mostra de Ribadavia se lle encargaron a estes colaboradores.

O éxito
"As persoas que fundaron daquela a asociación e as fotografías da época testemuñan que no local onde se facían as mostras, palestras e debates sobre arte chegaban a ser reunir duascentas persoas. Isto é algo moi difícil de conseguir hoxe en día. Naquel momento Ribadavia era un núcleo de pensamento crítico e atraía poetas, políticos ou sindicalistas. Viña xente de Ourense e de moitos puntos do país", lembra Fraga. A capacidade de atracción e o éxito das propostas culturais de Abrente resulta rechamante porque, para alén da súa localización, fóra dos espazos urbanos do país, os membros do colectivo "non eran unha mocidade universitaria. Eran mozas e mozos, con diversa formación académica, que apostaron por facer esta aposta cultural. Tiveron o seu peso tres sacerdotes dunha liña de esquerda que os animaron a desenvolver este pensamento crítico" explica.

A importancia
"Cando falamos coa xente que fundou Abrente pregunteilles se se daban conta do que estaban a facer. Hoxe a calquera asociación ou movemento nos gustaría manter durante dez anos unha programación con ese nivel. Pero dicían que non eran conscientes, que vían a necesidade de traer a Ribadavia e ao país unha cultura que estaba fóra e que o facían como compromiso", lembra a comisaria. Para alén da percepción interna, tamén fóra da vila esta labor ficou en boa medida oculta. "Posiblemente a todo ese traballo non se lle deu tanta importancia porque quedou á sombra da Mostra de Teatro", unha cinta que o colectivo organizou entre 1973 e 1981 e que foi o antecendente da actual Mostra Internacional que se celebra na vila.

O arquivo
Unha grande parte do traballo para que este proxecto de investigación e exposición se puidese facer realidade correspóndelle ás propias persoas responsables da Asociación Abrente. "Algo que nos impactou na preparación deste proxecto foi o coidado con que os membros da asociación coidaron os seus arquivos. Son moi rigorosos e nos libros de contas aparece tanto a relación das obras que se vendían, as que viñan doadas. Isto permitiunos seguir cronoloxicamente a andaina destas obras e reflíctese na expo, onde se poden ver os libros de contas", sinala Fraga, quen apunta tamén que "o arquivo de Abrente, para alén da actividade da agrupación na vila, amosa tamén todo o movemento asociativo que había entón. Consérvase a correspondencia con outras asociacións, todas tiñan grupos de teatro e participaban na mostra. Había un volume de actividades impresionante, con programación todo o ano e a atender a festas específicas do país como o Entroido ou Nadal. Eu mesma, como activista de movementos sociais que son, vexo que moitas dinámicas que pensamos que estamos a crear agora e que vemos como rompedoras xa se facían de entón". Unha mudanza que ve clara entre o xeito de traballar daquela e o actual é a menor integración entre disciplinas que se dá hoxe no activismo. "Hoxe hai cooperativas de artistas e centros sociais que traballan a rama artística, pero semella que agora todo está baixo o paraugas da democracia e hai unha resposta máis lixeira que non consegue a mesma visibilidade".