Desde este 27 de xaneiro e ata o vindeiro dez de febreiro está aberto prazo de votacións populares para seleccionar os semifinalistas dos XII Premios MIN da Música Independente. Na categoría de mellor álbum en galego atópanse este ano quince propostas de diferentes estilos. A Banda da Loba, Boyanka Costova, Budiño, Dios Ke Te Crew, Evoéh, Faia, Familia Caamagno, Grilo, Heredeiros da Crus, Marcelo Dobode, Os amigos dos músicos, Pandeireteiras de Verducido, Sés, Son Trío e Tanxugueiras son os aspirantes a recibir os votos, que se poden emitir no web do certame. A estas súmanse outras propostas do país en diferentes categorías, como poden ser Agoraphobia, Xacobe Martínez Antelo, Najla Shami ou Alba Messa entre moitos outros.


