O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda

A banda compostelá presenta en concerto o seu primeiro disco 'Dalle Lume' o día 31

| Santiago. Redacción | Seccións: MúsicaHistoria
Compartir:
O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda

O grupo compostelán Grilo presentará o vindeiro día 31 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago o seu primeiro disco de longa duración (Seisepés Producións Creativas, 2019), un traballo que se pecha coa canción Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda, asesinado polos fascistas que deron o golpe de Estado o 17 de agosto de 1936. O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico.

"Para nós é unha das cancións máis especiais do disco, posto que nos achega a unha figura que forma parte da Historia do noso país na loita pola democracia e a liberdade dunha forma moi próxima. Esta carta móstranos o que o terror franquista fixo hai menos de cen anos, tronzando vidas e desfacendo familias por ter ideais diferentes", apuntan desde Grilo a través dun comunicado. A canción é a que pecha o primeiro disco de longa duración da banda logo de editar xa dous sinxelos acompañados dos seus respectivos videoclips ao longo do ano anterior, que os levou a dar concertos por grande parte da xeografía galega. O disco sae agora en formato físico e xa chegou ás plataformas dixitais no pasado mes de decembro.

Que che parece esta nova?
75 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Alexandre Bóveda, Rock, Valentín García, Fundación Alexandre Bóveda...