Hai xa anos que a celebración do Samaín o 31 de outubro está plenamente integrada na axenda cultural e de ocio co país. Logo da rápida recuperación desta tradición, en diferentes lugares do noso país están a apostar por integrar nesta festa outro dos mitos galegos máis vencelladas co alén, a Compaña. Cerdedo, con case unha década de experiencia neste campo, e Melide, que inicia este ano o seu particular desfile de ánimas, amosan o potencial destas actividades para traballar o noso patrimonio inmaterial.
A Compaña, Estadea, Rolda, Estantiga ou Hoste, na forma de desfiles de aparecidos, está a se sumar ao xeito de celebrar o 31 de outubro. Hai uns anos comezaba en Cedeira o traballo para recuperar no noso país a celebración dunha festa tradicional que se rebautizou como Samaín. Nada en oposición ao Halloween anglosaxón, o tallado de calacús nesta data foise incorporando rapidamente á axenda cultural do país, en ocasións combinado con outras propostas como desfiles, representacións, queimadas, magostos ou instalacións como casas ou parques do terror. Na aposta por patrimonializar esta celebración, non é de estrañar que xurdisen iniciativas para incorporar a Santa Compaña á data.
Desfiles variados
A última e rechamante proposta é a do Concello de Ourense, onde o goberno municipal chamou á cidadanía a se disfrazar e participar no primeiro desfile local deste tipo este 2019. No entanto, outras localidades como Vigo (desde 2015) ou A Coruña contan xa con propostas similares. Tamén en Ribadavia, por exemplo, anímase para o desfile da Noite Meiga a que "todas as persoas que non poidan vir vestidas de meigos, bruxas, ánimas... que fagan de cor negro para afastar os espíritos endemoñados que nos visitan". Rebordáns, en Tui, celebra a súa Andaina nocturna da Santa Compaña xa no comezo de setembro desde 2011 a propor un percorrido de preto de cinco quilómetros salpicado no seu percorrido por sustos, unha proposta semellante á que fai Rianxo coa súa Andaina da Santa Compaña. Allariz pola súa banda convoca para este ano o seu cuarto Allariz de Medo, con procesión e rito celta incluído. Lugares como Sanxenxo, Touro ou Catabois coa súa Volta da Ánimas comparten tamén este tipo de formato. En moitas ocasións hai unha grande flexibilidade no código de indumentaria, e canda a ánimas amortalladas non é estraño atopar vampiros, zombis ou monstros doutro tipo. No entanto, nos desfiles deste tipo que se están a facer no país, destacan de xeito particular dúas iniciativas que realizan unha especial aposta polas posibilidades patrimoniais desta fórmula.
O Roteiro da Pantalla
Desde 2011 a Asociación Capitán Gosende celebra cada 31 de outubro o Roteiro da Pantalla. Un paseo nocturno no que os camiñantes, ataviados ao xeito de aparecidos e a portar luminarias tradicionais, percorren as corredoiras do rural nas proximidades da vila de Cerdedo. A piques de facer dez anos, esta actividade integra a reivindicación coa conmemoración deste mito popular. Segundo explica Calros Solla, voceiro deste colectivo e fondo coñecedor do patrimonio da zona, "a Pantalla, que é como se lle chama en Cerdedo á Compaña, é unha figura ben acaída. Con esta proposta queriamos tamén expresar a decadencia sen solución que estaba a vivir o concello. Parecíanos que o mellor xeito de o facer era organizar un roteiro noitego ataviados cos farrapos ou as mortallas características de quen está máis alá que acá. E esa situación de moribundia acabou por se concretar coa desaparición de Cerdedo como municipio en 2016. Nese sentido a proposta foi profética".
Corredoiras, luz e silencio
Na procura de recrear tanto as sensacións dos camiñantes que no seu día atopaban a Estadea como o aspecto que esta procesión debía ter, o roteiro céntrase nas parroquias rurais de Cerdedo, fóra da vila. Como principal requisito para participar está o empregar sistemas tradicionais de alumeado durante o camiño, para alén de recomendar caracterizarse "ao xeito, cadaquén segundo os seus pecados ou depravacións", tal e como recollía a conovocatoria de 2018. "A Compaña non ía pola estrada nacional" advirte Solla. "Procuramos ir por aqueles sitios polos que pasaba. Saímos do camposanto da parroquia na que se fai actividade cada ano, que é o punto de partida de toda Pantalla que se prece. Logo, axeitadamente ataviados, percorremos algunhas corredoiras". Aínda que a organización vai provista de lanternas por se hai algún obstáculo importante no camiño, "o normal é que cada participante leve un aparello de iluminación tradicional, como pode ser unha candea ou un farol. Unha vez que se sae da contaminación lumínica e se percorren estas corredoiras revivimos unha experiencia como era a de ir ao muíño pola noite, por exemplo". Para alén de contar con pouca luz, a organización pretende que o roteiro se faga a imitar o comportamento da Compaña, polo que se procura manter silencio e camiñar en ringleira. "Tentamos que a procesión vaia o máis en fileira posible e sen falar, ao final é unha comitiva espectral", lembra este organizador. A experiencia deixa tamén oco para o medo, como non podía ser doutro xeito. "Reservamos algunha cousa polo medio do camiño para nos pór a ton. Contamos con algúns elementos de atrezzo que colocamos en lugares estratéxicos do camiño".
Sustos e patrimonio
Para alén dos sustos a proposta aproveita o percorrido para dar a coñecer espazos de interese patrimonial. "Facemos un roteiro cultural de noite e aproveitamos para dar conta do patrimonio material e inmaterial que atopamos. En cada edición hai unha ponte ou un muíño digno de mención, e facemos fincapé na tradición do tempo en que era habitual ver de noite esta procesión fantasmagórica", asegura este investigador. "Procuramos variar o percorrido e mudar de parroquia. Este ano vai ter unha sorpresa, pero podemos adiantar que será na parroquia de Pedre". Canda ao percorrido, tamén muda ano a ano a propia experiencia. "Temos tido noites de todo tipo. A chover, escuras, con lúa chea e o ceo despexado... algunhas veces a iluminación non chegou ao final do percorrido", advirte Solla.
A memoria e a paisaxe da Pantalla
A proposta recupera unha memoria que aínda vive na Terra de Montes. "Hai xente de oitenta e de novena anos que na súa mocidade, na infancia ou mesmo de adultos lembran a comitiva a percorrer as corredoiras, ben enfiadiños e provistos deste tipo de iluminación", sinalan desde Capitán Gosende. E é que, para alén dos participantes, tamén outras persoas que andan pola zona poden desfrutar desta comitiva. "En certo xeito é unha actividade para contemplar a distancia. Moitas veces non teñen comentado que cando se ve ao lonxe desde Cerdedo ou das aldeas, ao cruzar o río pola Ponte de Santo Antonio ou baixar por Pedre, quen xa ten uns anos volta a décadas pasadas. É moi fotoxénica, aínda que ao tempo, polas condicións de luz, difícil de fotografar ou de gravar" sinala.
Voltar á vida con cea e contos
A actividade, para alén dese paseo espectral, inclúe tamén unha cea "para recuperar o ánimo e voltar ao mundo dos vivos", asegura Solla. "Non hai mellor maneira de esconxurar a morte que comendo". Unha vez recuperado o ánimo, é tradición do Roteiro da Pantalla iniciar unha rolda de contos de medo. "Comézase a falar sobre media noite, e temos acabado ás seis da mañá". Entre as narracións escóllese unha que é galardoada cun lote de libros. No entanto, segundo recoñece Solla, "os mellores contos adoitan aparecer ao final, cando xa queda pouca xente e hai máis confianza. A maior parte son experiencia persoais e familiares, canda achegas literarias e cousas que se contaron no seo das familias. Houbo quen, coa impresión da morea de contos e a acumulación de medos e de espantos decidiu ir durmir á casa da cidade e non quedar na aldea". Malia ao complicado que poida semellar desprazarse ata o rural de Cerdedo na noite de Samaín para unha actividade que adoita rematar a altas horas da madrugada, Solla asegura que a proposta conta con aceptación alén da veciñanza. "Vén moita xente de fóra. Algúns son devotos e veñen todos os anos". E é que, segundo asegura, "os que participan vívena de xeito especial. Os sentidos non están afeitos a camiñar de noite, un síntese máis cativo e desprotexido", explica.
Facer a Compaña en Melide
Melide é unha das últimas localidades en se incorporar a esta proposta, e faino cun alto grado de contido etnográfico e didáctico. O Museo da Terra de Melide chamou a participar nun particular roteiro teatralizado no que non só se vai representar a Compaña, senón tamén as persoas que se atopan con este desfile sobrenatural no camiño. Cristina Vázquez, técnica deste centro explica que "desde o museo facemos varios roteiros sobre a historia e as lendas de Melide, e por estas datas sempre facemos un nocturno. Estabamos a preparar a deste ano e ocorréusenos facer un especial o 31 de outubro centrado na Compaña". Segundo explica a convocatoria do evento, esta iniciativa "procura transmitir a tradición oral popular herdada, para recuperar o folclore propio, que está a ser desprazado por tradicións alleas" e apunta que con este desfile "non queremos facer unha carnavalada ou acto irreverente, e tampouco queremos dar medo (polo que poden participar tamén rapaces). Ó contrario dos zombis, esta rolda non vai perseguir a ninguén, nin a meterse coa xente". Na orixe do proxecto está o comprobar o descoñecemento que hoxe en día existe sobre este mito. "Doutros anos vimos que as crianzas que veñen aos roteiros alucinan cando se fala da Compaña porque non a coñecen. Parecíanos triste que se estivese a perder esta tradición. Celebran Halloween e mesmo Samaín pero non teñen idea disto", apunta Vázquez.
Os vivos que atopan a Hoste
A proposta non se limita a recrear un desfile da Compaña. "Isto xa sabemos que se fai en máis sitios, e pareceunos interesante traelo a Melide. A novidade neste caso é que metemos na actividade o papel dos vivos na Compaña. Contamos con persoas voluntarias que estarán vestidas como nos anos 30, 40 ou 50, cando aínda se cría na Compaña, que se van ir atopando coa procesión das ánimas e que farán os rituais que se empregan cando un a atopa. Deste xeito, alén de festivo, o roteiro quere ser didáctico e pedagóxico". Deste xeito, entre os personaxes previstos para esta primeira edición, "imos contar cun cura, cun alcalde, cun alguacil e con xente da cidade e da aldea, que estarán en determinados puntos e cos que interactuará a Compaña. E logo, por suposto haberá público xeral a acompañar a actividade", sinala Vázquez. Un despregue dramático que está se sustentar coa participación de persoas voluntarias e con ensaios previos ao evento.
Ritos de protección
A actividade comezará coa representación do acordar da Compaña. "Non imos ir o cemiterio, que ó que correspondería, porque hai quen o pode tomar como unha falta de respecto. Farémolo onde estaba situado o antigo cemiterio da vila. Desde alí iremos paseando, darémoslle a cruz a un vivo e logo en diferentes parte haberá xente que desenvolverá os ritos para se salvar da compaña", explica a técnica do Museo. Entre estes ritos están desde "estar cun rosario na man, axeonllarse, facer un círculo no chan para se meter dentro e rezar unha pregaria", explica Vázquez. Logo tamén aparecerán vivos que marchen a correr, "que era outra reacción habitual. Haberá quen nos dea un anaco de pan de millo, que tamén se consideraba un esconxurador, quen nos bote auga bendita ou quen suba a un cruceiro". Mesmo se verá o caso de dúas persoas, unha das cales ve a compaña mentres a que está ao seu carón non percibe a procesión", un sucedido que tamén está presente na nosa literatura oral.
Un comezo
O roteiro teatralizado está a conseguir unha importante participación na vila. "Sorprendeunos para ben. Pensamos que ao ser teatralizada, que implica máis esforzo, ía se apuntar menos xente, pero foi todo o contrario, xa contamos con máis persoas que nos roteiros normais", explica. "E todo o mundo está moi implicado, temos quen trae cabazas ou rosarios de castañas, quen organiza a maquillaxe, xente de setenta e tantos anos anos e de menos de cinco", enumera. A celebración deste ano, que de chover verá modificada a súa data pero en ningún caso se suspenderá, promete ser só a primeira edición dunha nova actividade cultural para Melide. "Xa estamos a pensar a repetir, queremos que este sexa o primeiro de moitos anos". A participación no encontro aínda está aberta para todas as persoas interesadas.