Mulleres á sombra dos focos

O Consello da Cultura Galega presenta un informe sobre a situación das traballadoras do audiovisual e das artes escénicas

O Consello da Cultura Galega presenta un informe sobre a situación das traballadoras do audiovisual e das artes escénicas
Fonte: Pxhere. Licenza Creative Commons CC0
O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura presentaba na mañá deste 8 de outubro o informe A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia. Este estudo pioneiro verifica a existencia de discriminacións claras nuns ámbitos que suman a metade do emprego cultural do país. Aínda que a tendencia é a mellorar a situación, existen aínda diferenzas salariais e de acceso a empregos por razón de sexo ademais dunha problemática de acoso laboral e sexual.


Co obxectivo principal de "investigar empiricamente se existe algún tipo de discriminación cara a estas traballadoras e dilucidar en que ámbitos se produce esa discriminación" o Observatorio da Cultura Galega estivo a traballar durante os últimos dous anos na elaboración deste estudo. O proxecto xurdiu a raíz da proposta dunha representación do ámbito das artes escénicas e do audiovisual dirixida ao Consello da Cultura Galega e á Xunta de Galicia neste sentido. Un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría Xeral de Igualdade facilitou desenvolver as investigacións que deron nesta obra. Segundo indican as propias conclusións do informe, "en xeral, toda a bibliografía manexada indica unha situación de discriminación das mulleres en moitas actividades da cultura". Este estudo pioneiro afonda en problemáticas xa observadas nos informes A muller na cultura galega (I) e (II) que o propio Observatorio dera a coñecer en 2014 .

Menos traballo e máis temporalidade
A atender aos datos analizados, a forza de traballo destes dous sectores componse na actualidade dun 58% de homes fronte ao 42% de mulleres. Dentro deles, é no ámbito das artes escénicas, con só un 37% de mulleres no epígrafe "actividades de creación, artísticas e de espectáculos", onde se dá a maior disparidade entre sexos. Segundo a análise de estatísticas laborais, o Observatorio conclúe que "os homes traballan en períodos máis prolongados, mentres que entre as mulleres é máis habitual un perfil profesional máis temporal e esporádico. No sexo masculino destaca un 21% con máis de dez anos de traballo no sector, fronte a un 11% de mulleres". A situación deixa tamén a súa pegada a nivel salarial, cunha tendencia a menores ingresos para as mulleres que se verifica de xeito particular no ámbito das artes escénicas. Os testemuños prestados por profesionais do sector para este estudo relacionan esta situación coa dificultade para acceder ao traballo e coa menor experiencia que, derivada desta, posúen moitas mulleres. A esta problemática súmase en xeral unha alta temporalidade para os dous sexos, que ao afectar máis ás mulleres leva a un maior pluriemprego entre estas profesionais e tamén a unha maior porcentaxe que traballan como autónomas. Por se fose pouco, os datos revelan tamén que foron as traballadoras dos sectores analizados as máis afectadas pola crise económica.

O problema da idade
A maiores destas desigualdades, engádese aínda o factor da idade. Con máis anos, os homes incrementan o seu tempo traballado, mentres que pola contras as mulleres, a partir dos 55 anos, teñen unha maior dificultade en acceder a empregos nestes ámbitos. Aínda máis, no sector audiovisual, as mulleres traballan máis tempo ata que cumpren 35 anos, mentres no caso dos homes é a partir desa idade cando ven incrementado o seu tempo de traballo. Nas artes escénicas este fenómeno atrásase ata o período entre os 45 e os 55 anos, que é cando declina o tempo traballado polas mulleres.

Tipos de postos
As diferenzas déixanse notar tamén no tipo de postos e nas posibilidades de ascenso de categoría laboral, máis baixas para as mulleres. En xeral, os datos recollidos verifican que "as traballadoras de todos estes ámbitos comparten o sentimento de discriminación respecto ao recoñecemento e ás súas capacidades". A atender aos oficios, o informe conclúe que no ámbito da interpretación se verifican discriminacións destacadas, ata o punto de que "é unha das profesións en que queda máis patente a desigualdade de acceso aos postos laborais". Menos papeis, máis curtos ou máis estereotipados para as mulleres súmanse a maiores esixencias a nivel físico e de idade. De xeito similar, os postos técnicos tamén contan cunha menor representación feminina. A estes problemas engádese aínda o da conciliación da vida persoal e familiar nestes ámbitos profesionais, que se percibe como unha traba para acceder a postos de traballo ou á promoción laboral. A organización das xornadas laborais ou a inexistencia de axudas e de estruturas neste campo aparecen como algúns dos factores que inciden nesta percepción.

Máis formación
Fronte a estas cifras, dáse o paradoxo de que o nivel de formación é superior entre as profesionais destes ámbitos fronte aos seus colegas masculinos, en especial no ámbito audiovisual. Pola contra, a maior categoría profesional, maior é a presenza de homes nos postos. Deste xeito, a maioría dos postos de mando intermedios están masculinizados, mentres hai máis mulleres nos postos administrativos. Estas diferenzas eslúense, pola contra, nos postos de alta dirección e grande formación, aínda que o equipo do Observatorio da Cultura advirte que estes son moi poucos nos sectores analizados.

Base histórica, futuro aberto
Nas bases da situación de desigualdade, os testemuños das persoas do sector coinciden en sinalar unha certa base histórica. Segundo recolle o informe "a orixe do teatro galego profesional e mais das actividades audiovisuais propiciou o establecemento de metodoloxías e dinámicas masculinizadas e despois herdadas, pola súa vez, polas mulleres que foron chegando e se formaron baixo este prisma". Desde aquela, deuse unha crecente incorporación de mulleres a estes sectores que vai minguando ano a ano a diferenza. De xeito paralelo, a multiplicación de novas formacións escénicas nos últimos anos semella estar a mudar a tendencia, xa que "non son dirixidas unicamente por homes, senón que cada vez é máis frecuente que se atopen lideradas por mulleres, o que favorece o cambio de paradigma", explica o informe.

A representación pública das mulleres
A nivel de representación, estes sectores tamén amosan eivas, xa que hai coincidencia entre profesionais dos mesmos en sinalar que os produtos audiovisuais "non reflicten a diversidade real da sociedade actual" polo que consideran necesario "como acontece nas artes escénicas, revisar contidos dende a perspectiva de xénero". A situación, para alén de xerar determinados estereotipos sobre as mulleres a nivel social, incide directamente no tipo de papeis aos que poden acceder as profesionais da interpretación. Os datos amosan, no entanto, que este problema dáse en diferente grado segundo as producións sexan máis comerciais ou posúan un carácter máis independente. Son estas últimas as que contan unha maior variedade de historias e incorporan máis mulleres en postos de responsabilidade, sen que isto implique unha grande abundancia. En xeral as análises apuntan que se están a dar tamén mudanzas neste campo, cunha maior presenza feminina en equipos creativos, aínda que desde as testemuñas profesionais advírtese que a mesma non garante unha reformulación a nivel de contidos.

Acosos
Os testemuños desde o audiovisual e as artes escénicas confirmaron no informe a existencia de casos de acoso laboral e sexual. No caso dos primeiros apúntase que toman a forma de "presións, descrédito, desprezo verbal e incluso insultos" mentres que o acoso sexual maniféstase como "comentarios sexistas, toma de fotografías ou vídeos sen permiso e tamén abuso de poder", conduta todas elas que se verifican "con certa frecuencia" segundo o estudo. De xeito xeral, verifícase unha actitude paternalista cara ás mulleres por parte de xefes e compañeiros, aínda que tamén isto semella estar a mudar.

Mellorías
De cara ao futuro, o informe destaca que "o que é seguro é que se tomou conciencia das desigualdades entre xéneros nos sectores das artes escénicas e do audiovisual, eidos estratéxicos polo poder de creación de discurso e imaxinario que teñen". No entanto, advirte tamén que "os cambios que se están a producir son positivos, mais que se precisa unha perspectiva temporal para avaliar correctamente a situación". Traballadoras e traballadores destes ámbitos sinalan que "é preciso reinventarse como sector mediante a revisión de contidos para que a sociedade actual poida sentirse representada cos produtos audiovisuais e escénicos, o que implica examinar os modelos que se difunden". Nese sentido apúntanse medidas como "unha profunda revisión de aspectos tanto sociais (educación, institucións públicas, políticas culturais e lexislación)" ou atender á "composición de equipos de traballo, estruturas organizativas, modelos de relación en contextos laborais e, sobre todo, os contidos". Neste sentido, na presentación do informe a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, apuntou que neste ámbito é onde poden conseguir avances máis rápidos, "xa que depende dos equipos creativos, non cómpre agardar a que unha institución tome medidas para mellorar esta situación".



As fontes e o método


A Mostra Continua de Vidas Laborais do Instituto Nacional de Estatística foi unha das principais fontes para verificar cuestións como a temporalidade e as retribucións profesionais nun sector que emprega case á metade do 3,5% da poboación que traballa en empresas culturais. En total empregáronse varias mostras entre as cales está a das 1.886 persoas que en Galicia tiveron algunha traxectoria laboral nestes oficios, aquelas que os desenvolveron no último ano (563) ou as que pasaron máis dun ano dados de alta nos mesmos (1.004 persoas). A explotación estatística desta base de datos permitiu comprobar a evolución e o estado das relacións de xénero a nivel cuantitativo. Canda a isto, un total de 40 persoas, vinte homes e vinte mulleres, achegaron as súas experiencias á investigación cualitativa, que contou coa colaboración da empresa Ágora Aberta. Esta parte, que se desenvolveu mediante a técnica de historias de vida a partir de entrevistas semiestruturadas, atendeu a diferentes ámbitos de traballo e abordou cuestións como a calidade do traballo, a conciliación, a promoción laboral, a discriminación, os postos de poder, a representación e tratamento da imaxe das mulleres, a visión ante a discriminación de xénero e mais a evolución da perspectiva de xénero no mundo cultural.