Mulleres cun mundo na cabeza

O CCG estrea en liña un documental sobre as mulleres traballadoras de Carnota

O CCG estrea en liña un documental sobre as mulleres traballadoras de Carnota
Son tres: Olimpia Oreiro Formoso, Marisa Vázquez Oreiro e Marisa Beiro Rodríguez. Tres mulleres carnotás de diferentes xeneracións que representan no documental "As mulleres co mundo na cabeza" o traballo e as vidas das mulleres de Carnota. A longa e cumprida vida de Olimpia Oreiro Formoso serve de fío condutor dunha historia na que se alternan os traballos, as lecturas, a Guerra Civil, os avatares familiares e os camiños accidentados de Carnota, o Pindo e Muros. O documental, dirixido por Encarna Otero, xa se pode ver en liña na web do CCG e nesta noticia.







Hai dúas imaxes que serven de inspiración para o documental “As mulleres co mundo na cabeza”. Unha delas é a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo, onde se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos, e outra é unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo. A historia técena os testemuños de Olimpia Oreiro Formoso, Marisa Vázquez Oreiro e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a todas esas mulleres que durante anos levaron o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente.

on eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias. “As mulleres co mundo na cabeza” é o material editado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para rexistrar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual. Ese proxecto chamábase “Memorias de vida en vivo” e, para facelo, a Comisión de Igualdade constituíu o grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui. O documental contou coa edición e montaxe de Manuel Gago.

Trátase da segunda achega que se suma á iniciativa promovida en 2014, cando se recolleu o testemuño das mulleres que vivían arredor da mina de volframio de Fontao en Vila de Cruces.