Seis poetas farán unha residencia creativa no Camiño de Santiago

A Fundación Uxío Novoneyra desenvolve o programa Ámbito mítico

Imaxe de presentacino de Ámbito mítico
Imaxe de presentacino de Ámbito mítico
A Fundación Uxío Novoneyra convocaba o pasado mes de agosto as residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago, Ámbito mítico. Esta iniciativa, que pretende "actualizar o legado da Poesía Trovadoresca Galego-Portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a sufí chegaron a Galicia polos Camiños Franceses" presentábase con cinco vagas para realizar unha peregrinación guiada a seguir as rutas do libro Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago de Novoneyra.


Agora, a entidade acaba de dar a coñecer o fallo desta convocatoria, na que finalmente participarán seis autores e autoras. Grace Wells, Damián Rabilero, Tálata Rodríguez, Diego Horchowski, Fátima N. Delgado e mais Maria Luíza Fernandes da Silva serán os peregrinos líricos do proxecto. A peregrinación desenvolverase entre o 7 e o 22 de outubro entre o Cebreiro e Santiago de compostela. Durante o percurso, os participantes participarán en lecturas e obradoiros de poesía nas bibliotecas de catro concellos do Camiño Francés. O proxecto conta con financiamento do programa O Teu Xacobeo, que convocou a Xunta de Galicia.