O Ateneo de Santiago impulsa un novo festival de música antiga e barroca

O 'Ateneo Barroco' ocupa o lugar deixado polo suprimido Vía Stellae

O 'Ateneo Barroco' ocupa o lugar deixado polo suprimido Vía Stellae
Impulsado polo Ateneo de Santiago e co apoio das institucións públicas local, provincial e autonómica, ademais da Universidade de Santiago ven de ser presentada hoxe a que será a primeira edición do festival de música antiga e barroca Ateneo Barroco. O festival preséntase como sucesor doutras iniciativas locais anteriores das que ocupa un oco deixado para unha parte da cidadanía habitual en citas como o festival Vía Stellae ou o Festival de Músicas Contemplativas, ambos suprimidos en 2016 polo anterior consistorio local. O evento ofrecerá entre o 1 e o 12 de outubro cinco concertos, unha conferencia e a exhibición de tres documentais. O festival é unha das iniciativas que foron amparadas para este ano 2019 polo programa O teu xacobeo da Xunta de Galicia. Os composteláns Manuel Vilas e Resonet (Mercedes Hernández e Fernando Reyes), a mezzosoprano Marta Infante, Massimo Spadano e Fernando López Pan, Amandine Beyer e Gli Incogniti, Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere, son os protagonistas dos cinco concertos desta primeira edición do festival, que terá lugar en enclaves do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade de Santiago, segundo presentou hoxe o seu director artístico José Victor Carou, acompañado de directivos do Ateneo e representantes do Concello e do Xacobeo.

O festival Ateneo Barroco vncéllase a sí mesmo co Camiño de Santiago e o patrimonio inmaterial da cidade e aspira entre os seus obxectivos a recolocar a Santiago como referencia na escena musical nacional e a tecer e asentar unha rede musical e artística que favoreza a creación, con criterio, dunha cimentación sólida para a edificación dun festival que nace con vocación de continuidade, crecemento e expansión. No espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo, celebraranse breves encontros cos artistas, músicos especialistas e profundos coñecedores das súas ferramentas de traballo, os instrumentos, dispostos a satisfacer dúbidas e curiosidades e a ilustrar e amosar as peculiaridades de instrumentos tan vencellados ao Barroco como o clave, a arpa, a viola da gamba, o violín ou a tiorba. O musicólogo, escritor e crítico musical Stefano Russomanno abrirá a semana grande do festival cunha conferencia dedicada á figura de Barbara Strozzi, cantante e compositora veneciana do século XVII.