Castelo Conta dá outro paso de crecemento como festival de cultura rural

Touriñán presenta a programación dunha nova edición deste evento que reúne a unha xeración de cómicos

O que comezou como unha andaina pola parroquia de Castelo (Culleredo) co cómico Xosé Antonio Touriñán (natural do lugar) como anfitrión xa é hoxe unha das citas do verán que cada ano atrae case 10.000 persoas. A cita, que no 2017 comezou nunha soa xornada, ocupa agora con diversas actividades do 19 ao 24 de agosto neste enclave pola que dan en pasar toda unha xeración de humoristas convocados por Touriñán , alén de músicos e outros artistas. Hoxe se deu a coñecer a programación desta edición do festival Castelo Conta que xa está dispoñible na súa páxina e as entradas para este evento que se autofinancia nun 75% xa están á venda. De novo nas diversas actividades, que van desde a narración oral moi vencellada á tradición e cultura rurais ata as actuacións humorísticas ou as musicais, vemos nomes como Federico Pérez, Marcos Pereiro, Carlos Blanco, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Xurxo Mariño, Sito Sedes, David Amor, Lucía Veiga, etc. Todos eles van participando en diversas actividades narrativas e musicais ao longo dos días do festival. Alén diso tamén hai música, a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, Sito Sedes e outras formacións. A andaina arredor da que foi crecendo o evento trerá lugar o sábado 24 e actuarán como guías Avelino González e Celso Sanmartín acompañados por Os Charangos. Ademais o castelo Conta ofrece varios momentos e actividades dirixidas para os cativos e tamén churrascada e outros momentos gastronómico-festivos.

Ligazóns