Los Eternos non desaparecen, o levan no nome e son coherentes con el. A banda de country rock de Cedeira que levaba 9 anos sen gravar temas e cunha actividade musical bastante intermitente nos últimos tempos, sacan disco de novo demostrando a súa vitalidade. Con Vientos Solitarios (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) a veterana formación que comezou a dar os primeiros pasos en 2003 comeza a cantar en castelán presentando nove temas propios e unha adaptación de Four strong winds de Ian Tyson. Os anteriores traballos da formación foron Back on the Road (Warner / Miña Terra Galega, 2010) e o vinilo de sete polgadas Chris Masuak & Los Eternos (H-Records, 2013) e os dous estaban cantados en inglés, neste caso o grupo pasa a traducirse a sí mesmo e amosan a lírica das súas composicións en castelán cun son máis americana ca nunca apoiado dun xeito inequívoco na potente steel guitar de Álvaro Lamas (ex-Los Limones). A banda conta coa produción e masterización a cargo de Hendrik Röver (Los DelTonos) para este novo disco que este vindeiro día 15 estarán presentando para os seus veciños na súa localidade de orixe, Cedeira, no auditorio municipal cun concerto de balde.