Ana Míguez é a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

A entidade elixiu en asemblea xunta directiva que conta con tres novas incorporacións

A entidade elixiu en asemblea xunta directiva que conta con tres novas incorporacións
Nova Directiva da Academia Galega do Audiovisual Foto:AGA
A directora de produción Ana Míguez ostentará a presidencia da Academia galega do Audiovisual en substitución do guionista Carlos Ares que ostentou o cargo desde 2015. Na asemblea ordinaria e electoral celebrada onte, 21 de maio de 2019, foi elixida por unanimidade unha nova xunta directiva, que rexerá a vida da Academia nos vindeiros dous anos. Ana Míguez estará acompañada no equipo directivo por Álvaro Pérez Becerra, Carmen Méndez, Isabel Naveira, Óscar Cruz, Pepe Coira, Saamira Ganay, Sonia Méndez, Susana Veira e Xavi Font.

A directiva resulta continuadora coa anterior etapa xa que Míguez xa era Vicepresidenta desde 2017 e no equipo desa etapa xa estaban tamén Ganay, Méndez, Veira, Pérez Becerra e Susana Veira. Deixa a directiva, ademais de Ares, Nani García e Manolo González. Ana Míguez, na actualidade é a directora de produción de Portocabo. Na súa traxectoria profesional, que abrangue máis de 20 anos de experiencia, destacan producións de cine e televisión en Galicia e no resto do Estado. O resto do equipo da directiva reúne distintas dedicacións dentro do audiovisual cubrindo os diferentes apartados. Interpretación, produción, guión, composición musical e o apartado técnico por maquillaxe están representados nesta nova directiva que decidirá as liñas da AGA nos vindeiros dous anos.