O rico ADN da música galega

A gala de entrega dos VI Premios Martín Códax amosa a forza dunha identidade musical chea de influencias e variedade que reclama visibilidade

A gala de entrega dos VI Premios Martín Códax amosa a forza dunha identidade musical chea de influencias e variedade que reclama visibilidade
Foto de proxectos premiados nos VI Premios Martín Códax Foto: Pixelin Photo
As festas son esencialmente para divertirse, rir todo o que se poida, compartir alegrías e esquecer penas compartindo todo iso entre amigos e en familia. Os Premios Martín Códax da Música galega son unha festa que encaixa ben nesta definición porque de todo iso houbo, e ademais son unha festa, que como as gastronómicas ou turísticas tamén ten como obxectivo lexítimo chamar a atención sobre un produto ou as excelencias dun lugar. E diso houbo tamén, sendo o produto a música e o lugar Galicia onde este produto, como quedou ben demostrado un ano máis crece cun nivel de calidade e variedade que segue a sorprender a moitos e que aínda merece moita máis atención por parte de todos e esa "polinización expansiva do talento galego", que pedía ao rematar o acto Quico Cadaval, director da gala.

A asociación Músicas ao Vivo (MAV) congregou unha vez máis, e van seis, ao sector musical no pazo da Cultura de Pontevedra e setecentas persoas acudiron coas súas mellores galas e ilusión ao evento patrocinado polas adegas Martín Códax, no seu compromiso social coa música galega. A proposta escénica e de condución do evento producido por CUNDE corría a cargo de Quico Cadaval que actuaba tamén como mestre de cerimonia nalgúns momentos en coordinación coas Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado), condutoras multifunción que tanto cantaban como facían chanzas e ían introducindo as colaboracións e os números musicais nos que o septeto de jazz dirixido por Pablo Castaño brillou con elegancia acompañando tanto a Sergio Tannus como a Mónica de Nut ou a un coro que incluía a todos eles e é xunta directiva de MAV para rematar o acto cunha versión do Galicia canibal dos Resentidos. Unha canción que ra boa mostra, segundo Cadaval da mestura e fusión de todos os xéneros co ADN esencial da música galega.

Porque a proposta narrativa do espectáculo este ano dirixíase xustamente á exploración dese ADN musical propio, e unha escultura da artista Ana Seoane representaba no escenario esa cadea dupla de ADN erguéndose cara o ceo mentres sobre as táboas Cadaval e Aldaolado debuxaban unha viaxe pola historia da nosa música que non obviaba as múltiples mestizaxes, fusións e engadidos que, lonxe de corromper a autenticidade foron enriquecendo ese ADN. As primeiras achegas reivindicaron o valor de “primeira movida viguesa” da época dos poetas trobadores, encabezados por ese Martín Códax que dá nome aos premios e unha interpretación "castrexa" de Mónica de Nut do Ondas do mar de Vigo acompñada pola banda de jazz puña alto o nivel musical do evento.

Os melómanos saen a escena
Comezaba o reparto dos premios e as estatuas feitas por Víctor Lorenzo dos Melómanos e Melómanas, que van parar ás mans dos proxectos designados polo xurado, xa se amontoaban entre os panos agardando cadansúa ocasión de verse levantada nas mans vitoriosas correspondentes a cada unha das 18 categorías. En total este ano foron 391 os proxectos musicais presentados, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación, tras da criba das votacións dos asociados a MAV un xurado de sete persoas que só se deu coñecer fai uns días elixiron entre cada un dos finalistas por categoría. Abría o palmarés o guitarrista da Pobra do Caramiñal, Marcos Teira, recollendo o galardón na categoría de Músicas do Mundo polo proxecto de fusión flamenca NÓS, un proxecto colectivo en quinteto co contrabaixista Alfonso Calvo, o pianista cubano Alejandro Vargas, o percusionista Moisés Fernández e no taconeo e palmas o bailaor Isaías Salazar. Na compañía destes dous últimos recollía o premio Teira lembrando que ten a axenda aberta para a contratación. O disco deste proxecto presentábase o pasado ano como a culminación dun ciclo comezado por Teira 12 anos atrás.
Mónica de Nut, na súa actuación   Foto: Pixelin Photo
Mónica de Nut, na súa actuación Foto: Pixelin Photo


A veteranía era unha cousa en común en moitos dos proxectos presentados que podían presumir de longas traxectorias de máis de dez anos na maioría dos casos, con algunhas igualmente válidas excepcións, e algúns proxectos con 40 anos (neste 2019) como o Festival de Pardiñas, ou ata 83 anos detrás como era o caso da Orquesta Los Satélites cuxo representante recoñecía nos Martín Códax os "Grammy galegos". Os nervios estaban presentes para moitas das persoas que subían a recoller o seu premio e facer os seus agradecementos, pero a "guía de comportamento en recollida e agradecementos" que antes impartiran Cadaval e Aldaolado resultou moi efectiva á hora de manter o ritmo da gala e facer das recollidas momentos ben medidos. Recollían o dúo Bala o premio a mellor proxecto de rock amosando ademais que falan como tocan: directo, potente e con enerxía. Ademais dos consabidos agradecementos Anxela Baltar (guitarra e voces) e Violeta Mosquera (batería e voces) tiveron tempo tamén para reivindicar o rock feito por mulleres e desmitificar que fose cousa de homes, animando “a cada nena, rapaza ou muller a coller os instrumentos”. Entre aplausos se recibiu tamén a noticia dada no mesmo atril de que o dúo de proxección internacional ten en preparación un novo disco para este mesmo ano tras daquel recoñecido Lume (Matapadre, 2017).

Proxectos re-gañadores
De entre a lista do palmarés cabe destacar, a xeito de anécdota a dupla presenza da vocalista Carmen Rey, que malia non poder acudir á gala, levou dous premios. Un a nivel individual na categoría de Blues/funk/soul e outro como parte da formación Ejazz na categoría de Coros e grupos vocais. Ademais diso, o xurado dos VI Martín Códax tamén puxeron algúns dos premios en mans de proxectos que van acumulando recoñecementos como é o caso do trío Tanxugueiras, que engaden este galardón da categoría Música Tradicional e Folque o recibido recentemente nos Premios MIN da música independente na categoría de Disco en galego do 2018 polo seu traballo de debut Tanxugueiras. Tamén se daba o caso de Su Garrido Pombo, que alzaba a súa estatua pola Premio de canción de Autor/a uns meses despois de recoller o X Premio Narf de artistas e grupos musicais que convoca a Deputación da Coruña.
Carlos Barruso. Foto: Pixelin Photo
Carlos Barruso. Foto: Pixelin Photo


Como era de prever, o momento máis emocionante da gala chegaba coa entrega do premio honorífico ao músico Carlos Barruso. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces; e a directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, entregaban o premio ao músico Carlos Barruso, a quen a directiva de MAV decidiu premiar este ano "en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos". O auditorio púxose en pé rendendo merecida aclamación a Barruso, que con toda sinxeleza e dignidade comentou a súa situación de enfermo terminal agradecendo a "fermosa vida" que lle dera a música na que comezou dende moi pequeno. O seu paso pola escena musical galega foi lembrado, tanto pola súa faceta como músico en formacións de jazz como pola súa actividade docente en Vigo e en Santiago. A súa enteireza e honestidade foron respondidas cunha entrega sentida do patio de butacas. Tamén houbo emoción no recordatorio de Tony Lomba ao cantante Toñito Pedreira, do grupo de rock Riff-Raff, que falecía inesperadamente a mesma mañá do día da gala. Para a súa familia e a súa banda foi outro dos aplausos sentidos da noite.

Reivindicacións para os medios públicos
Forma parte dos "5 minutos de atención" no escenario o dereito a expresarse libremente con protestas e reivindicacións de diverso cariz, ás máis das veces como un grito de rebeldía contra a "invisibilización" de conflitos. Así os comentarios máis recorrentes e comúns para a lista de premiados foi a reivindicación da calidade, variedade e boa saúde da creación musical galega así como a reivindicación feminista a prol dunha situación de igualdade en todos os aspectos da escena musical. Pero tamén houbo momento para outros temas que transcenden o eido estritamente musical como é a campaña #DefendeAGalega protagonizada desde fai meses por parte do corpo de traballadores da CRTVG a prol de melloras que aseguren a independencia informativa do ente público galego. Foron os "compañeiros do Metal" os primeiros en levar o asunto á palestra. A banda de rock estradense NAO (que xa anunciou a súa retirada de escenarios este ano) recollía o Melómano desa categoría e ao seu vocalista, Jasper, aproveitaba a ocasión para amosar claramente unha camisola deste colectivo a xeito de bandeira e expresarse moi claramente sobre a súa postura belixerante cargando contra o goberno rexional.

A defensa dos medios públicos e o apoio ao colectivo de #defendeAgalega fíxose tamén moi visible no momento no que a Xunta Directiva ao completo da asociación Músicas Ao Vivo (MAV) saíu a dar o seu discurso institucional de clausura en voz da súa presidenta Sonya lebedynski. As integrantes do órgano de dirección saíron ao escenario ataviadas coas camisolas negras habituais desta protesta que cada venres tinxe de negro as redaccións da compañía pública de radio e televisión e o funcionamento da CRTVG formou parte importante do seu discurso. A presidenta de MAV destacou o traballo feito pola directiva para cumprir o obxectivo final do certame de "favorecer a visibilidade da música galega en cada unha das súas fórmulas tan diversas". Reclamou "espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos, que deben ser independentes, veraces e críticos; e libres de inxerencias do poder". Neste sentido, tamén solicitou da administración que "os grandes investimentos deixen de sufragar infraestruturas e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa"; e pediu ás salas e festivais que "fagan un esforzo por escoitar e programar música galega".
Sonya Lebedynski e a directiva de MAV no discurso de clausura.      Foto: Pixelin Photo
Sonya Lebedynski e a directiva de MAV no discurso de clausura. Foto: Pixelin Photo

A presidenta de MAV amosou a preocupación da directiva ante un momento de cambios lexislativos intensos e mencionou o traballo en torno ao proxecto do Estatuto do Artista, os decretos aprobados polo goberno estatal nos últimos meses, o proxecto de reforma do Real Decreto que regula a actividade de artistas en espectáculos públicos que data de 1985 ou a nova Lei de Contratos do Sector Público de 2018, ou o Convenio colectivo estatal do persoal de salas de festa, baile e discotecas, como exemplos dos asuntos que están afectando á comunidade musical. A nivel galego, Lebedynski remarcou as consecuencias negativas da nova Lei de Espectáculos sobre a vida musical das vilas e cidades e felicitou as iniciativas municipais de Compostela e Pontevedra para buscar solucións que permitan seguir facendo música ao vivo en salas e locais.

Entre outras cousas Lebedinsky reclamaba para a gala da música galega unha retransmisión en directo acorde coa que teñen os Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego. Unha reivindicación que comparten este Martín Códax da Música cos Premios María Casares do teatro. A espontaneidade e emoción do directo da da gala de onte só estaba dispoñible para o público nunha retransmisión en directo a través da web dos premios e da web da CRTVG, mentres que para vela na canle público, xa en diferido, haberá que agardar a este sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2 e o domingo 12 de maio na TVG despois de media noite. A vitalidade amosada no directo da gala, así como dos proxectos gañadores e participantes deixa igualmente ás claras, con retransmisión ou sen ela que a música galega está moi viva e que o seu ADN é capaz de asimilar influencias e cambios ata facelos seus e melloralos grazas un colectivo cheo de creatividade e forza para loitar unidos contra calquera circunstancia como unha familia. A familia da música.

LISTA DE PROXECTOS PREMIADOS DOS VI PREMIO MARTÍN CÓDAX

POP/iNDIE Igloo

ROCK Bala

METAL Nao

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez - ONTOLOGY

MÚSICAS URBANAS Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra

MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira - NÓS

MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca

REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites

BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey

CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas

ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso


DESCOBRE MÁIS DALGÚNS DOS PROXECTOS GAÑADORES NA NOSA HEMEROTECA