Pedras que falan (e moito)

O profesor Francisco Javier González explícanos o significado das primeiras inscricións de Galicia

O profesor Francisco Javier González explícanos o significado das primeiras inscricións de Galicia
Fragmento da táboa de hospitalidade do Caurel. Foto: Lmbuga en Wikipedia.
A epigrafía antiga parece un territorio restrinxido a especialistas. Francisco Javier González, profesor de Historia antiga na Universidade de Santiago, explícanos a partir de varios exemplos como as inscricións romanas nos contan os importantes cambios vividos na antiga Gallaecia coa chegada de Roma. E temos de todo: desde desprazados preocupados pola súa identidade de orixe, imposicións imperiais, reciclaxe milenaria, inscricións 'fake', grallas de ortografía e mesmo xa se albiscan diferencias entre o Vigo e A Coruña da época.

A epigrafía é unha disciplina que pode parecer árida. Porén, nas mensaxes gravadas en pedra e metal durante a época romana, contéñense as claves para comprender como a antiga Galicia da Idade do Ferro mudou na época romana, mesmo con mensaxes que poden chegar ata hoxe. O profesor de Historia Antiga da USC, Francisco Javier González, leva anos estudando as inscricións para comprender os cambios das sociedades do noroeste peninsular provocados coa chegada de Roma. Nos textos conservados en soportes como aras, táboas de hospitalidade ou estelas, están as claves para coñecer a vida e mentalidade dos antigos galegos. Pedímoslle que, diante das imaxes, fixera falar para nós ás antigas inscricións.

1. Táboas de hospitalidade do Caurel e de Castromao



De esquerda a dereita: Táboa de Hospitalidade do Caurel. Museo Provincial de Lugo / Táboa de Castromao. Museo Provincial de Ourense.

"Sendo cónsules Appio Iunio Silano e Publio Silio Nerva, Tilego, fillo de Ambato, susarro do castello Alobrigiaeco, fixo un pacto de hospitalidade cos Lougei casteláns toletenses para si mesmo, a súa muller, os seus fillos e os seus descendentes, e os casteláns toletenses recibiron para sempre na súa fidelidade e clientela a este, á súa muller e aos seus fillos. Fíxoo o mesmo Tilego, fillo de Ambato, a través dos maxistrados Latino, fillo de Aro, e Aio, fillo de Temaro".

"Sendo cónsules Cayo Xulio Serio Augurino e Cayo Trebio Sergiano, os Coelerni da Hispania Citerior, do conventus Bracarum, fixeron un pacto de hospitalidade con Cayo Antonio Aquilo, novaugustano, prefecto da I Cohorte dos Celtíberos, cos seus fillos e os seus descendentes. Cayo Antonio Aquilo fixo un pacto de hospitalidade cos Coelerni, cos seus fillos e os seus descendentes. Actuou como legado Publico Campanio Gémino"


Hai un grupo de epígrafes feitos sobre bronce que se coñecen como táboas de hospitalidade, e que nos permiten coñecer os mecanismos a través dos que se relacionaban os grupos indíxenas. Estas dúas táboa preséntannos aspectos complementarios desa antiga institución da hospitalidade. A táboa do Caurel (esquerda) fálanos da existencia desas formas de relación entre indíxenas antes da chegada dos romanos. Está datada no 26 d.C., só cincuenta anos despois da conquista. O interesante é que hai un indíxena, Tilego, ao que unha comunidade acolle en fidelidade e clientela, e isto xa é unha cousa rara. O normal para época romana sería que fora un individuo o que acollera a unha comunidade. É o que os romanos chamaban patronato, e que se caracteriza por ser unha relación desigualdade. Pero o aparente carácter igualitario da táboa do Courel leva a pensar que podería ser un tipo de relación que xa existía nas comunidades do noroeste antes da chegada dos romanos.

Onde si vemos ese patronato é na táboa de Castromao (dereita). Aquí lemos como un soldado romano, Caio Antonio Aquilo, un individuo que é de Nova Augusta (antiga cidade romana situada preto de Lara de los Infantes, Burgos), fai un pacto de hospitalidade cos coelernos, da Hispania Citerior, e os seus descendentes. A táboa aparece en Castromao (preto de Celanova), así que nos imaxinamos que os coelernos vivían neste castro. É probable, aínda que o texto non o indica, que este soldado xogase algún papel nas relacions entre o poder romano e os coelernos, a través do recurso a unha relación de "amizade ritual" ou falso parentesco, institución moi frecuente nas sociedades antigas e que con frecuencia estaba asociada a rituais de comensalidade, como banquetes.

Nesta táboa de Castromao estamos vendo a forma na que Gallaecia se foi integrando no Imperio romano, aínda que non son "relacións políticas" como estamos acostumados a entendelas. Era un documento público que se expuña para que o vira todo o mundo, por iso moitas delas tiñan unhas asas das que podía pendurar.



2. Edicto do Bierzo



Edicto do Bierzo. Museo Provincial de León. Foto: Universidad Complutense.

"O emperador César Augusto, fillo do Divino (César), na súa novena potestade tribunicia e como procónsul di:
Souben por todos os meus legados que estiveron á fronte da provincia Transduriana que os casteláns Paemeiobrigenses da gens dos Susarros permaneceron leais mentres os demais facían defección. Por iso outórgolles a todos eles a inmunidade perpetua. E aqueles campos, cos límites con que os posuíron cando o meu legado Lucio Sestio Quirinal administraba esta provincia, ordeno que posúan estes campos sen litixio.
En troques dos casteláns Paemeiobrigenses da gens dos Susarros, aos que antes outorgara a inmunidade sobre todos os seus bens, restitúo aos casteláns Aliobrigiaecinos da gens dos Gigurros, a petición da propia civitas [dos Susarros]. E ordeno que os casteláns Aliobrigiaecinos contribúan en todas as súas obrigas conxuntamente cos Susarros. Dado en Narbo Martius [ Narbona] o 16 e 15 antes das calendas de marzo [14-15 de febreiro], sendo cónsules Marco Druso Libón e Lucio Calpurnio Pisón [ano 15 a. C.]"


Este é o famoso edicto do Bierzo, asinado en Narbona (actual Francia) o 15 de febreiro do ano 15 a.C. Neste caso, a placa vén claramente de fóra, e nela o emperador Augusto entérase de que aquí hai unha comunidade que ten que ser premiada e outra castigada, porque de certo comportou co poder romano como se tiña que comportar. Aos habitantes dun castellum, o que nós coñecemos como castro, anúncialles que son inmunes. Aos outros castígaos e fórzaos a integrárense nun grupo máis amplo. Isto non é un pacto de hospitalidade coma os de antes: aquí hai un poder absoluto que ordena. E é moi interesante porque nos fala da provincia Trasduriana, da que non tiñamos coñecemento ata este documento. Pénsase que comprendía o cuadrante do NW ata o río Douro. O cal nos indica que pouco despois da conquista, estes territorios xa se estaban organizando como unha provincia e funcionando desde o punto de vista administrativo.

O documento dános a entender que a terra era propiedade do Estado, e é o Estado quen lle dá o usufruto ás comunidades. Os impostos tamén se cobrarían ás comunidades, xa que eran moito máis doados de controlar do que a individuos independentes.

O interesante é que este mecanismo de integración das comunidades indíxenas é distinto ao que vimos antes. Os romanos fan convivir os dous sistemas sen problema, aínda que non coñezamos todos os datos para comprender o sistema no seu conxunto. Por exemplo, no caso da táboa de Castromao, a quen lle interesa asinala? Ao prefecto militar ou aos coelerni?


3. Estelas funerarias


De esquerda a dereita: Falsa estela funeraria de Santa María de Bermés (Lalín). Museo de Pontevedra. Fotografía: Marta Tamayo / Altar de San Mamede de Somede (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña) Foto: José Manuel Abascal Palazón.

Ofrenda aos Lares Viais realizada por Sexto Ulpio.

Aquí podemos ver como os romanos introducen pautas culturais novas. As estelas non só nos amosan a chegada da escritura a estas terras, senón unha práctica nova que non existía como tal no mundo anterior: o de marcar en pedra os enterramentos. De feito, aínda non sabemos onde se enterraban os galaicos no período prerromano, o mesmo se o facían. Así que aquí temos innovacións. As dúas pezas que vemos dannos valiosos detalles do inicio da escritura e das estelas funerarias en Gallaecia.

Por exemplo, a estela de Bermés (esquerda) non é, en realidade una estela senón, por así dicilo, un "simulacro" de estela. Nela están gravadas na pedra as liñas do campo da escritura e hai unha serie de signos escritos por riba que non son letras. É un indíxena copiando letras romanas sen saber moi ben o que significan. A estela das Pontes de García Rodríguez (dereita) é anormal, porque en realidade é unha estela funeraria con pinta de altar. Sabemos que é unha ara porque na parte superior ten os tres ocos dos foculi, onde se realizaban os rituais relixiosos. Aquí tamén o texto está gravado de xeito totalmente irregular. O canteiro non sabía latín e confúndese coas letras.

4. Estela de Apana


Estela de Apana (Crecente, San Pedro de Mera, Lugo). Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo. Fotografía: Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo

"Apana, filla de Ambollus, Celtica Supertamarca, do castellum Miobre, de vintecinco anos de idade, xace aquí. O seu irmán Apanus encargouse de realizalo".

Esta peza paréceme brutal. É un dos mellores epígrafes funerarios de Galicia. Un relevo que representa individuos con togas, e cun texto bastante habitual nestas pezas. Ten que ser dun momento temperán da romanización, porque vemos unha referencia toponímica co famoso símbolo do Ↄ invertido ("castellum"), que posiblemente se deba traducir como ‘castro’, e que aparece colocado antes dun nome de lugar. Hai certo consenso a que este símbolo adoita desaparecer da práctica epigráfica coa concesión do dereito latino polo emperador Vespasiano a toda Hispania. O texto amósanos a unha muller de orixe indíxena, Apana, filla de Ambolo, que tamén é indíxena. Apana identifícase como Céltica Supertamárica, é dicir, unha celta dun pobo que está ao norte do río Tambre, e do castro de Miobre. Ela di que é celta, e o castro do que procede, Miobre, tamén ten un nome celta, pero o seu nome é lusitano. Falaría a lingua lusitana? Iso lévanos á idea de pensar na convivencia na antiga Gallaecia de varias linguas. É a mesma situación que se atoparon Marco García Quintela e Patrizia de Bernardo cando estudaron as inscricións do castro de San Cibrán de Lás. Un dato interesante é que a estela foi atopada en Crecente, preto de Lugo, pero moi lonxe do lugar de nacemento da difunta. En xeral, os indíxenas tendían a identificarse tanto co seu pobo e o seu castro cando estaban lonxe del.

Ao mesmo tempo, parece que hai unha absoluta ausencia de relación entre o texto e a imaxe. Estamos vendo a dúas mulleres, a un neno pequeno e a un home vestidos á "romana". Escollen esta imaxe porque lles parece moi romana, ou algunha destas figuras é a propia Apana? Interésalle ao seu irmán, que é quen encarga a estela, proxectar esta imaxe da familia? Hai que ter en conta que é unha imaxe moi romana.


5. Estela funeraria de Cícere



Estela funeraria (Cícere, Santa Comba, A Coruña). Museo da Catedral de Santiago. Fotografia: Consello da Cultura Galega

"Caeleo, fillo de Cadroiolo, cileno, do castellum Berisamo, de sesenta anos de idade e Caesarus, fillo de Caeleo, de quince anos de idade, aquí xacen"


Nesta estela xa vemos como a sociedade se está a transformar. Movémonos aínda nas mesmas datas que na estela anterior, a de Apana. Aquí temos a referencia a un castellum, Berisamo, e a tres xeneracións distintas. Un tal Caeleio, fillo de Cadroiolo, xunto co seu fillo Cesareio, de 15 anos. O avó e o pai teñen nomes indíxenas, pero o fillo xa usa como nome unha forma romana, aínda que os tres, pola estrutura do seu nome, non son romanos senón estranxeiros. Así que vemos que no tempo no que Apana se define de maneira tan indíxena, hai outros individuos que xa están comezando a adoptar como nomes termos de orixe romano. A paradoxa é que nunha zona na que non parece abundar a presenza romana, como Santa Comba, hai xa indíxenas que optan por nomes romanos, cousa que, como vimos no caso de Apana, non sucede nas proximidades da cidade de Lugo, unha fundación romana. Como diciamos no exemplo anterior, estamos falando de individuos que viven fóra das súas comunidades de orixe. Este home procede do sur de Pontevedra e Apana é do norte do río Tambre. Como diciamos na anterior, só cando están fóra do seu territorio é cando introducen o Ↄ invertido. Non sabemos ben por que o fan, pero está claro que queren amosar quen son e de onde proceden.

Isto deu pé a pensar que antes da conquista romana os lazos de parentesco e o que mantiña cohesionada unha comunidade era a pertenza a un mesmo asentamento. Non observamos que empreguen referencias basadas na pertenza a unha familia ou no parentesco. A núcleo indicativo da orixe do individuo son a indicación do castro e o pobo ao que pertencen.


6. Estatuas-menhir do Muíño de San Pedro (Oímbra) e Chaves.


De esquerda a dereita: Estela de Muíño de San Pedro (Oímbra, Ourense). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Fotografía: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense / Estatua-menhir de Chaves (Portugal). Fotografía: Vítor Oliveira Jorge, Carlos Alberto Ferreira de Almeida.

"Latronius, fillo de Celtiatus, aquí xace"

Estas pezas dannos idea dunha cultura híbrida que fusiona o vello co novo. As dúas estatuas-menhir aparecen na ribeira do río Támega, unha da banda ourensá, que ademáis está nunha zona rural, Oímbra, e outra da portuguesa, en Chaves, na antiga cidade de Aqua Flavia. Ámbalas las dúas pezas son prehistóricas, posibles representacións fálicas ás que logo se lles puideron gravar outros elementos, como ou un motivo rectangular de lados curvos moi típico destas estatuas. O chamativo é que esta peza, moi antiga, converteuse en época romana na lápida funeraria dun individuo chamado Latronus, fillo de Celtiato. Esta peza, moi antiga, reconverteuse nalgo moi útil para esta sociedade galaicorromana.

Pero baixando o río e entrando en Chaves, atópaste outra estatua menhir, pero sen inscrición de época romana. A estatua estaba tirada ao carón da ponte, pero na auga. Cando se desfixeron dela? Non o sabemos. A miña sensación é que esta peza se tirou ao río xa en época romana, porque xa non significaba nada. Así que teriamos o mesmo tipo de pezas, en dous contextos, un rural e outro urbano, e que daría lugar a resultados distintos.


7. Estelas de Vigo



De esquerda a dereita: Estela de Quintus Arrius Mansuetus. Estela de Maritimus. Estela de Pacidus e Pollio. Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. Fotografías: Marta Tamayo.

"Q(uintus) Arrius / Cn(aei) (filius) Mans(uetus) / Clun(iensis) / an(norum) XL / Aurelia Materna uiro"

"S(acrum) / D(is) M(anibus) / Mari- / timo / filio / ann(orum) XX / V m- / ater / posu- / it in / paer- / egr- a"

"D(is) M(anibus) s(acrum) / Placidus / et Pollio / p8ossuerunt) Rebillo / ann(orum) LX / R(ebilo) c(uraverunt) f(aciuendum)

Estudei fai uns anos o conxunto de estelas localizadas en Vigo, das que aquí vemos tres exemplos. Levaban moito tempo sen analizar nin contextualizar, pero agora podemos saber unhas cantas cousas sobre elas. Por exemplo, que pertencen a épocas distintas.

Cando comezas ler os textos, pódese ver que todas elas pertencen a individuos con nomes de fóra da Gallaecia. A maior parte deles eran clunienses, da localidade de Clunia Sulpicia (entre Coruña del Conde e Peñalba de Castro, en Burgos). Aparecen tanto homes como mulleres. Podemos pensar que foi un grupo que chegou ao que hoxe é Vigo. Non sabemos o motivo da súa migración, pero en numerosas ocasións, aparecen clunienses en zonas nas que ou ben a minería é importante ou ben hai actividades extractivas. A miña hipótese é que foron eles os que puxeron en funcionamento as salinas de Vigo. E, cando morren, encargan as estelas.

As máis antigas carecen de invocacións aos deuses manes, e son moi simples, teñen remate semicircular e sen decoración plástica. É o que chamo o grupo A. O grupo B, datadas como as anteriores tamén no século II d.C. pero nun momento posterior, son estelas que poden ter, ou non, remate semicircular e mencionan aos deuses manes. O terceiro grupo, o C, tamén con mencións aos deuses manes, amosa que se está a desenvolver un estilo local. Aparecen motivos astrais, cuartos crecentes lunares, figuracións humanas. As estelas de Vigo permítennos hipotetizar como se foron desenvolvendo as formas locais no Imperio. A romanización non foi un proceso estándar, similar en todas partes. A presenza das comunidades indíxenas segue a ser moi importante e deixa pegada.


8. Ara a Neptuno da Coruña e bases de estatuas



De esquerda a dereita: Ara dedicada a Neptuno. Pedestal de estatua con dedicación a Marco Aurelio. Pedestal de estatua con dedicación a Lucio Vero. Lápida funeraria dedicada por Fortunatus. Museo Histórico y Arqueológico de A Coruña. Fotografías: Francisco Javier González García (A e D); Epigraphica 3.0 (B e C).

"Neptuno / sacru(m) / pro salute / Augustor(um) / nostror(um) / Glaucus / Caesar(um) n(ostrorum) / s(ervus) titul(um) / ex voto".
"Imp(eratori) Caesari / Marco Aurelio / Antonino / Aug(usto) / Reginus verna / Augustorum / ex actor / ex voto".
"Imp(eratori) Caesari / L(ucio) Aurelio Vero / Augusto / Reginu verna / Augustorum / ex actor / ex voto".
"D(iis) M(anibus) S(acrum) / D(efunctis) Stator- / io Princ-/ ipi et Felici l-/ ib(ertis suis) Fortuna- / tus exsactor"

O peche desta historia é esta ara da esquerda, localizada no que hoxe é o centro da cidade da Coruña. Cando ves esta peza, xa te decatas que o seu aspecto encaixa moi ben cos tipos romanos clásicos. A única diferencia está en que foi feita con granito do monte de San Pedro. Se no canto fora de mármore pasaría por unha típica dunha provincia romana mediterránea clásica. Na Coruña sabemos que había un asentamento probablemente vinculado á Torre de Hércules e a un posible porto, con escravos ou libertos imperiais que actuarían como funcionarios e que dependían da administración do convento lucense; no caso concreto dos documentados na Coruña se encargaban do cobro dos impostos por movemento de mercadorías. Aquí non ves nin un só nome indíxena, son todos romanos ou gregos, moi típicos, este últimos, dos escravos; tampouco aparece divindades indíxenas. A peza da esquerda é unha ara consagrada a Neptuno e á dereita son dúas bases de estatua dedicadas a Lucio Vero e a Marco Aurelio, encargadas por un escravo, probablemente do emperador e, por tanto, da súa confianza, que traballaba como funcionario do fisco romano. Na Coruña non hai nin monumentos funerarios coma os de Vigo (estelas) nin nomes indíxenas e, sen embargo, se trata dun asentamento de características e dimensións similares ao de a Vigo, pero á súa vez moi distintos. En Vigo temos a pesca, o salgazón e a conserva. E, na Coruña, o cobro de impostos, os funcionarios do Emperador.

Os dous estilos de vida posiblemente foran moi similares pero a súa manifestación, mediante a epigrafía, es moi distinta, pero sin deixar de ser, ámbolos dous, dous xeitos de ser romano.

Tendemos a ver o Imperio como culturalmente moi uniformizador, co prisma da colonización europea do XIX. Pero a realidade era máis distinta e máis integradora.