Fernando Redondo Neira elixido presidente da Fundación Xosé Neira Vilas

O padroado decidiu por unanimidade o nomeamento do sobriño do escritor

O padroado decidiu por unanimidade o nomeamento do sobriño do escritor
Foto de grupo do padroado da Fundación reunido en Gres. Fernando Redondo, primeiro pola esquerda. Foto: Fundación Xosé Neira Vilas
O padroado da Fundación dedicada ao escritor Xosé Neira Vilas ven de renovar o seu cargo presidencial, vacante desde a morte en decembro de 2018 de Luis Reimóndez Fernández á idade de 67 anos, e fíxoo poñendo no cargo por unanimidade a Fernando Redondo Neira (Camporrapado, 1971). Redondo é profesor universitario na Facultade de Ciencias da Comunicacion da Universidade de Santiago de Compostela e sobriño do escritor cruceño, recentemente ven de ser recoñecido cos premios Ramón Piñeiro de Ensaio pola obra Os amorodos de Bergman, o premio Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo da Estrada e o II Premio María Luz Morales de ensaio sobre audiovisual, premio que xa recibira no ano 2007 cando dependía da Axencia Audiovisual Galega. Segundo comunicou a Fundación que agora preside, Redondo destacou que o seu desexo é "traballar a prol da promoción e a difusión da obra de Neira Vilas, a defensa do seu legado, o de Anisia Miranda, e agora tamén o de Luís Reimóndez" e reivindicou que a sede da Fundación debe seguir sendo o Centro Cultural de Gres, tal e como Neira Vilas gustaba de denominalo. Fernando Redondo Neira participou xa en 1982, á idade de 11 anos, no acto de colocación da pedra en homenaxe ao escritor na que fora a súa casa natal e que, posteriormente, se convertería na actual sé da Fundación.