Os María Casares irredutibles

A XXIIIª edición dos Premios María Casares do teatro galego presentou as credenciais de variedade, forza, creatividade e carácter da escena teatral galega.

A XXIIIª edición dos Premios María Casares do teatro galego presentou as credenciais de variedade, forza, creatividade e carácter da escena teatral galega.
Gala dos XXIII Premios María Casares Foto: AAAG
Un reparto de premios moi espallado entre as produción teatrais do 2018 e moi igualitario en canto a presenza feminina, así como varias situacións de novidade da propia gala caracterizaron e xa distinguirán para o futuro a XXIIIª edición dos Premios María Casares do teatro galego que amosaron a súa forza e a irredutibilidade do colectivo que os abandeira.

O teatro galego montou unha de romanos para celebrar o día de entrega dos seus recoñecementos. A posta en escena da gala, dirixida por Juanillo Esteban e Carlos Sante, ambientaba unha escena romana presidida por un César, emperador en visita aos territorios da Gallaecia. Unha escusa perfecta para incluír unha serie de actuacións, gags e situacións que foron conducindo con ritmo e humor a cerimonia e facendo participes aos asistentes no Teatro Rosalía de Castro do propio espectáculo. Dun xeito paradoxal o espectáculo en si mesmo ía levado por intérpretes de disciplinas das artes escénicas que non están contempladas dentro das categorías dos propios Premios María Casares, como o circo, os pallasos e mesmo veteranos nomes da arte dos monicreques, como Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” ou Miguel Borines, que ataviado da súa vestimenta romana como parte do espectáculo recolleu o premio á mellor Actor protagonista polo seu traballo en Casa o’Rei de Ibuprofeno teatro reivindicando ser "o primeiro titiriteiro que gaña o premio a mellor actor", foi unha das "primeiras veces" desta edición. Así as artes escénicas que non estaban dentro dos galardóns reivindicáronse a través do propio espectáculo de condución da gala grazas ao traballo de Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo “Fiti”.

De costas á TVG
A vixésima terceira gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) viña precedida de dous cambios decididos desde a organización que, sen cambiar case nada daban xiros de intención e posición relevantes. Ambos foron obxecto de comentario no discurso institucional da vicepresidenta da Asociación, Mabel Rivera.

Mabel Rivera: "Pensamos que a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura desta contribución, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia"


O máis recente foi o de prescindir da cobertura da Televisión de Galicia para pasar a facer unha retransmisión en directo a través de Internet vía You Tube da gala. A empresa ourensá Aleuto Medios Dixitais foi a encargada pola Asociación de levar a cabo a cobertura técnica desta retransmisión a través dunha canle propia á que tamén se podía acceder desde a páxina web do Concello da Coruña. A decisión deste cambio implicou a ruptura entre os premios máis relevantes da escena galega coa compañía pública de televisión e fíxose motivada pola insatisfacción da AAAG coas coberturas de retransmisión que viña realizando a TVG destes galardóns que tamén relegaban o directo ás redes e non ás súas canles de televisión e a súa negativa a reunirse coa directiva da AAAG para tratar o asunto. Rivera reivindicaba o impropio deste comportamento da televisión pública galega toda vez que "Nós (actores e actices) somos os rostros e as voces do audiovisual do pais", recordou a vicepresidenta da AAAG.

Rivera, ademais, sinalou que "cando a televisión pública iniciou a súa actividade encontrounos preparadas para contribuír á normalización da lingua e da cultura do noso País dende a nosa profesión". "Pensamos que a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura desta contribución, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude. Pois ata aquí", concluíu taxante Mabel Rivera.

O cambio non tivo impacto efectivo durante a realización do evento, agás unha sucesión de comentarios e reivindicacións, tanto desde a posta en escena como desde o atril de premiados. Tamén se notou na ausencia de grandes furgóns, grupos electróxenos e cables dun lado ao outro que acompañan as retransmisións televisivas. Malia as grandes diferncias que poida ser compararse cunha canle como a TVG a empresa que fixo a cobertura por encargo da AAAG non escatimou en medios e con oito cámaras durante o acto e outras dúas na entrada do teatro previamente realizou unha cobertura de calidade que puido ser seguida a través da rede. A TVG fixo unha cobertura informativa do evento a través da presenza dun equipo de reporteiro e cámara que realizaba entrevistas a algúns dos premiados para a posterior emisión en programas informativos. O outro cambio que tivo visibilidade foi a decisión da directiva da AAAG de renunciar ás tradicionais xerras de Sargadelos coa cabeza de María casares que viñan representando á consecución do premio. O desacordo da AAAG co deterioro das relacións laborais no grupo Sargadelos e as represalias sufridas polos seus traballadores, motivou esta postura simbólica toda vez que a propia AAAG é un ente sindical tamén, e levou ao substituír as xerras por unhas novas figuras deseño da artista, ceramista e ilustradora Paula Pereira (Arcade, 1986) feitas como encargo e que este ano foron as que se ergueron nas mans de que acadaba o triunfo en cada categoría.

Repartido e espallado
Partía como favorita da noite Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións Teatro, unha obra dirixida por Cándido Pazó que volvía traela aos escenarios no 2018, 25 anos despois de terse estreado na MIT de Ribadavia. O espectáculo baseado nos parámetros da Commedia dell'Arte italiana do século XVI era finalista en doce das catorce categorías, nunha delas indiscutible gañadora xa que os tres finalistas ao premio de Mellor Actor Secundario pertencían todos a esta montaxe. Finalmente na entrega de galardóns, os membros da asociación equilibraron coas súas votacións este desequilibrio finalista e foron varias as producións que levaron os premios dun xeito moi repartido entre elas. Malia todo Commedia foi recoñecida como o Mellor espectáculo do pasado ano no teatro galego, Marcos Orsi impúxse aos seus dous compañeiros de produción no de Mellor Actor Secundario e o vestiario, unha das carácterísticas sempre sobresaíntes da Commedia dell'Arte, acadaron outro premio para o traballo de Suso Montero nesta produción.

Coa montaxe de Contraproducións foron sete os espectáculos que recibiron algún galardón onte, de outras tantas compañías. Invisibles, a obra sobre violéncia de xénero montada a partires da novela homónima de Montse Fajardo (Vilagarcía, 1973) sobre feitos reais, pola compañía Redrum Teatro en coprodución coa Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego acadou tres premios entre os que está o da mellor iluminación recollido por unha Laura Iturralde que celebraba a primeira vez que este recoñecemento recaía en mans femininas na historia dos galardóns. Ademais Marián Bañobre e Santiago Cortegoso recollían pola obra o premio á Mellor Adaptación, moi disputado cos outros finalistas Cándido Pazó por Commedia e Manuel Cortés e Xesus Ron por Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego. Bañobre volvía ao atril algo despois pola mesma obra a recoller tamén o galardón de Mellor dirección. Foi unha boa noite para ela e para o seu compañeiro Cortegoso, porque ademais dos premios acadados polo seu traballo coa produción de Redrum teatro, a obra Casa O’Rei da súa propia compañía Ibuprofeno Teatro recibiu dous recoñecmentos, o anteriormente mencionado de Miguel Borines a Mellor Actor protagonista, gañado en competición con dous veteranos nos María Casares como son "Morris", que seguirá sen poder poñer este premio xunto aos seus cinco Premios Mestre Mateo, e Victor Mosqueira, e o da Mellor Música Orixinal para o traballo feito por Caxade na montaxe.

En feminino
Un ano máis, malia que sen tanta vehemencia como nos anos anteriores, a reivindicación da visibilidade feminina estivo presente na gala e nos propios galardóns. En total e fóra dos premios da interpretación, sete mulleres subiron a levantar o premio soas ou en compaña de outros. O recoñecemento a obras que tratan as problemáticas situacións de violencia de xénero, como Invisibles viuse reforzado tamén cos dous premios acadados pola obra Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro con produción de Chévere a través do seu programa de apoio a proxectos Berberecheira . Na súa obra, pola que a propia Pinheiro e María lado recolleron o galardón ao Mellor texto orixinal, trátase a violencia obstétrica. A obra de carácter autobiográfica e testemuñal é a metáfora dunha agresión agochada na intimidade de moitas mulleres despois de parir nun hospital. Unha testemuña escénica en primeira persoa sobre a violencia obstétrica sucedida no eido hospitalario que pretende abrir ao público un debate silenciado a través do relato autobiográfico verídico dunha muller que entrou no hospital para dar a luz sen saber exactamente a que se enfrontaba. Pinheiro acadou ademais o premio á Mellor Actriz protagonista por esta interpretación, que xa lle valera antes o XVIII Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, poñendo así un punto doce ao que ela mesma recoñeceu como "un ano especialmente duro" a nivel persoal e profesional polas circunstancias do seu enfrontamento xudicial cunha produtora por un caso de presuntos abusos sexuais no traballo. Unha enorme ovación acariñou desde as butacas á actriz e dramaturga.

Honras e manifestos
A entrega do Premio de honra Marisa Soto ás aulas teatrais universitarias de Ourense e Santiago tamén estivo cargada de emoción. Moitos son os actores e actrices que onte estaban nas butacas e tomar parte da vida profesional da interpretación que antes pasaron por elas. Roberto Salgueiro, pola USC, e Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, pola de Ourense recolleron o recoñecemento de mans de Iria Sobrado. Dacosta non quixo deixar escapar a ocasión para lembrar o importante papel destas aulas na defensa do idioma e normalización do galego e quixo agardar que este premio servise como estímulo para recuperar as aulas de teatro perdidas nos campus universitarios de Pontevedra, Ferrol e A Coruña.

Unha escena satírica dentro da montaxe romana, con Josito Porto facendo de "Claudillo" represor dun escravo condenado e torturado polas súas mofas saturnais sobre os deuses e as autoridades, levou dun xeito natural á lectura de Carlos Santiago do seu Manifesto galego do Día Mundial do teatro. O actor, que foi obxecto de persecución pola súa intervención humorística o pasado ano no entroido compostelán, fóra o pasado ano protagonista de numerosas defensas públicas nestes mesmos premios. Un texto sobre a liberdade de expresión e creación teatral contra os excesos do poder e as prohibicións (moi acaído no seu caso tan similar ao do escravo da representación) que non por ter sido coñecido o texto días antes o seu contido deixou de perder forza defendido por Santiago ante o atril. A escena levou a unha consulta popular "á romana" sobre o perdón ao escravo onde todos os dedos do auditorio sinalaron para arriba.

A entrega do premio a Commedia como mellor espectáculo do ano puxo o colofón á gala. Todos os romanos e romanas se reuniron nunha bacanal no escenario para pechar o acto entre os aplausos. A ausencia da fotografía final de todos os galardoados ao final da gala foi o outro elemento que diferenciou esta edición das anteriores. O peche do pano, incluído no deseño da escenografía motivou que non houbese ocasión para este posado tradicional de cada un destes premios que igualmente se celebraron ante o photocall e na festa posterior.


RELACIÓN DE PREMIADOS/AS NOS XXIII PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO GALEGO

MAQUILLAXE: Martina Cambeiro por O servidor de dous amos (Talía Teatro)

VESTIARIO: Suso Montero por Commedia (Contraproducións)

ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por Invisibles (Redrum Teatro)

ESCENOGRAFÍA: Suso Montero por Divinas Palabras Revolution (Centro Dramático Galego)

MÚSICA ORIXINAL: Caxade por Casa O'Rei, (Ibuprofeno Teatro)

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso por Invisibles (Redrum Teatro)

TEXTO ORIXINAL: Iria Pinheiro e María Lado por Anatomía dunha serea

ACTOR PROTAGONISTA: Miguel Borines por Casa O'Rei (Ibuprofeno Teatro)

ACTRIZ PROTAGONISTA: Iria Pinheiro por Anatomía dunha serea

ACTRIZ SECUNDARIA: Marta Lado por O servidor de dous amos (Talía Teatro)

ACTOR SECUNDARIO: Marcos Orsi por Commedia (Contraproducións)

DIRECCIÓN: Marián Bañobre por Invisibles (Redrum Teatro)

ESPECTÁCULO: Commedia, de Contraproducións.

ESPECTÁCULO INFANTIL: Patapatúm, de Elefante Elegante.