Carlos Blanco e Touriñan volven compartir comedia en 'Unha noite na praia'

O dúo iniciará unha xira con 13 datas por sete localidades entre maio e xuño

Xa están á venda as entradas para as representacións do novo espectáculo teatral que xunta a Carlos Blanco e Touriñan sobre un escenario en clave de comedia. Unha noite na praia é o novo en cartel deste dúo de intérpretes que o pasado ano rachou as marcas esgotando todas as entradas da súa xira co exitoso Somos criminais. O actor grovense Javier Veiga é autor e director desta nova comedia "con mar de fondo" levada ao escenario por Ainé Producións e coa que xirarán durante os meses de maio e xuño inicialmente. Os días 10 e 11 de maio en Vilalba comezarán o percorrido que posteriormente os levará por Santiago (25 e 26 de maio), Lugo (31 de maio), Pontevedra (7 e 8 de xuño), A Coruña (14 e 15 de xuño), Vigo (21 e 22 de xuño), e Ferrol (28 e 29 de xuño).

Unha noite na praia é unha comedia de dous personaxes. Dous tipos moi distintos que coinciden ao solpor nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, que se parecen o mesmo que o restaurante do Ikea a un furancho da aldea. Na praia non queda ninguén; só Manuel, que traballa no chiringuito, e Klaus, un turista que non quere levantar o cu da derradeira hamaca que queda por recoller. Así arranca o conflito destes dous tipos: un quere marchar para a casa a durmir, e o outro quere que lle poñan a última cervexa e un ombreiro para chorar as súas penas polo seu corazón roto. Segundo avanza a noite, ímonos enterando de que nesta praia non todo é o que aparenta ser. E polo menos un dos dous non é quen aparenta ser. E se cadra este encontro casual non foi tan casual como parecía ser. Klaus e Manuel comezan a falar, e comparten anécdotas e recordos. Pero pouco a pouco van saíndo tamén os medos, os soños, as inseguridades… E finalmente son segredos e confesións que se cadra tería sido mellor non ter confesado.