Tanxugueiras gaña o Premio MIN de disco en galego do 2018

O trío tamén é finalista en dúas categorías dos XVIII Premios La Opinión de Música de Raíz

O trío tamén é finalista en dúas categorías dos XVIII Premios La Opinión de Música de Raíz
Tanxugueiras na recollida do Premio MIN Foto: PlayPlan Cultural
Finalmente Tanxugueiras levou o Premio MIN da Música Independente de España ao mellor disco en galego do 2018 polo seu álbum homónimo co que debutaban. Finalmente as pandereteiras impuxéronse ás outras catro finalistas: Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezetaerre. Ras músicas recolleron o premio durante a gala celebrada este mércores no Teatro Circo Price de Madrid na gran festa da música independente española facendo un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. Tanxugueiras preparan un novo lanzamento discográfico a finais deste ano, que se verá potenciado por este recoñecemento dos Premios MIN, premios no que tamén chegaron a ser semifinalistas como mellor artista emerxente. Non houbo sorte para os outros cinco artistas galegos que se mantiñan finalistas noutras categorías dos galardóns. O disco homónimo das Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, La India, Suíza e no Festival Celtic Connections de Glasgow. Crecendo da man da banda escocesa Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West, chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando.



Finalistas dos Premios La Opinión
O disco de Tanxugueiras é tamén finalista este ano dos XVIII Premios La Opinión de Música de Raíz, cuxa lista se fixo pública este martes. Ademais o tema que abre o álbum, Aí, á ribeira, tamén é finalista nunha nova categoría deste galardóns que recoñecerá a mellor adaptación dunha peza tradicional galega. Xunto a Tanxugueira na final do premios La Opinión como mellores discos compite de novo o Déixaas de Mercedes Peón, Atlántico de Milladoiro e Beiralúa de Sondeseu. Na categoría da peza tradicional adaptada compiten con elas os temas Mar antigo, do disco de Milladoiro; Salvadora, de Habela Hainas e Moreniña, a carta de presentación do dúo Vudú. Os prestixiosos premios do xornal coruñés, tamén premiarán a un artista destacado do pasado ano que se elixirá entre o gaiteiro moañés Anxo Lorenzo, Mercedes Peón, Rodrigo Romaní e Belém Tajes. Finalmente o premio La Opinión ao mellor tema orixinal decidirase entre catro temas: Berobreo Blues, de Anxo Lorenzo; , de Mercedes Peón; O primeiro baile, de Susana Seivane; Ciclotimias, de Sondeseu. O anuncio dos gañadores realizarase na gala que se celebrará o próximo 8 de maio no Teatro Rosalía da Coruña.