A Fundación Seoane inicia unha nova etapa en que aspira a converterse no centro de cultura contemporánea da Coruña

Fundación Seoane: A Coruña Contemporánea

Desde o pasado nove de maio, a Coruña conta cun espacio dedicado á arte contemporánea. Despois de anos en proxecto e de sucesivos atrasos, a Fundación Seoane inauguraba a súa sede no rehabilitado cuartel de Macanaz. Un espacio de máis de catro mil metros cadrados nos que, a partir da figura e da obra de Luís Seoane, preténdese facer un espacio vivo para a arte contemporánea.



”Non imos ser a Fundación Granell ou a Laxeiro, estrictamente persoais”, advertía José Luís Méndez Romeu, concelleiro de Cultura pouco antes da apertura da sede da Fundación. “Tampouco imos ser un centro dedicado unicamente á arte contemporánea”, aclaraba. Un lugar intermedio entre fundacións coma as mencionadas e os grandes espacios para a arte máis innovadora que existen no noso país, “non ten sentido que repitamos o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) nin o MARCO (Museo de Arte Contemporáneo)”. Esa é a posición que busca a entidade coa posta en marcha da súa nova sede, segundo os seus promotores. Un lugar difícil de definir e de manter, e no cal se está traballando desde hai anos.



Un legado para organizar

Seoane morreu en Galicia en 1979, con sesenta e nove anos. Deixaba tras de si un legado inmenso de obra pictórica e gráfica, que comprende máis de trescentos óleos e cincocentos gravados. Ademais, quedaba un importantísimo fondo documental sobre Galicia e o exilio, así coma unha destacada biblioteca especializada en arte. “E con todo iso algo había que facer, e o natural era unha fundación”, apunta González Alegre. Así Maruxa Fernández, viúva do pintor, Xavier Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Xosé Díaz, entre outros amigos do pintor, tentan argallar un proxecto cultural que perpetúe a súa obra e a súa memoria. Finalmente, en 1996 constitúese a Fundación Seoane. Maruxa Fernández, pola súa banda, cedeu douscentos óleos e a totalidade da obra gráfica do seu marido para o proxecto. Desde a Real Academia achegaron a biblioteca do artista. O Concello da Coruña, cidade onde o artista desenvolveu boa parte da súa actividade antes da guerra e do exilio, amosouse interesado en apoiar este proxecto desde o primeiro momento e achegou a maior parte do financiamento.



Na busca dun lugar

Foi tamén o Concello da Coruña o organismo que lle cedeu á Fundación unha primeira sede na rúa Durán Loriga. Un espacio duns trescentos metros cadrados desde o que os encargados da fundación teimaban en manter o facho do legado de Seoane. Seis anos máis tarde, en xaneiro de 2002, púñase a primeira pedra do local definitivo da Fundación. O antigo cuartel de Macanaz da Coruña transformouse nun espacio moderno e coidado destinado a converterse nun centro para a arte contemporánea. Un ano e catro meses despois abría finalmente a sede da fundación Seoane. “Pódese considerar un milagre que chegasemos ata aquí”, apunta González Alegre. “Tardou porque pasabamos de trescentos metros cadrados a catro mil. Cando os patróns da Fundación e os testamenteiros de Seoane pensaron nunha sede digna nunca chegaron a imaxinar un edificio coma o que teñen agora”. Un edificio que Maruxa Fernández chegou a ver rematado, pero non cheo. “Viña cada quince días ver como avanzaban as obras, a última vez foi dez días antes de morrer”.



Un local de luxo

Máis de catro mil metros cadrados, dos que arredor do noventa por cento serán para a fundación. Compartindo espacio, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo, “o mellor veciño que poderíamos ter”, apunta o director da primeira entidade. Destes, unha área de seiscentos metros cadrados para a mostra permanente, outros douscentos cincuenta metros cadrados para exposicións temporais, unha sala de proxeccións e unha biblioteca con capacidade para quince mil volumes. Todo equipado coa última tecnoloxía.



Antes e agora

Durante os anos que a Fundación botou na sede da rúa Durán Loriga, foi traballando cun orzamento anual duns trinta e cinco millóns de pesetas, que daban para organizar catro mostras anuais, varias publicacións e algúns actos concretos. “A fundación cubriu un espacio moi bonito da arte contemporánea en Galicia”, sinala o director. A mudanza agora é pasar de facer catro exposicións anuais a facer doce, en espacios moito maiores e con maiores esixencias técnicas. Ademais de renovar periodicamente boa parte dos fondos que forman parte da mostra permanente. “Os orzamentos teñen que multiplicarse nesta nova fase” apunta González Alegre. “Este ano estamos traballando con orzamentos provisorios, con partidas que se suman á orixinal”, aclara, “tamén buscamos apoio externo e convenios específicos, coma o que asinamos con Repsol por tres anos e que nos achega uns vinte mil euros anuais. A Xunta, que ata o de agora estivera remisa, comeza a amosar interese, e agora estase a elaborar un convenio de colaboración anual”. A pesar do lanzamento que supón esta nova etapa, logo de cinco anos de traballo, o director do proxecto teno claro: “Agora a fundación expándese e ponse esplendorosa”, pero xa desde o comezo “puidemos estructurar un proxecto cultural longo que agora será moito maior e de máis alcance”.




Un lugar intermedio

“A relación institucional e persoal da Fundación co MARCO e co CGAC non pode ser mellor”, apunta González alegre, “isto non quere dicir que obrigatoriamente vaiamos ter prácticas idénticas”. A principal diferencia para el é que estes centros, igual cóTorrente Ballester de Ferrol, están especializados en artes visuais. “Nós temos un espectro maior”, sinala o director, “somos máis un centro de cultura contemporánea”. O Concelleiro de Cultura da Coruña apunta que a idea e artellar a través de Seoane unha dinámica de difusión e investigación sobre a arte contemporánea. Deste xeito, as exposicións irán desde os contemporáneos de Seoane ata autores actuais. “Seoane é unha figura clave no medio século e no intermedio entre xeracións, foi o pintor que máis conectou entre os renovadores e os artistas que están a realizar agora o seu traballo con corenta e cinco ou cincuenta anos”, apunta o director da Fundación, que advirte que, a pesar de que haxa plans de colaboración, non está previsto realizar proxectos conxuntos con outros centros.



Plans de futuro

A oferta inaugural é un bo exemplo do que vai supor a partir de agora o traballo da fundación. A mostra permanente; unha exposición inaugural sobre Seoane e a vangarda; outra, na biblioteca, de debuxos do pintor sobre a obra de Lorca e aínda outra máis que retrata o proceso de rehabilitación do cuartel de Macanaz. O ritmo promete ser intenso. “Estamos traballando desde hai moitos meses nas seguintes mostras”, sinala González Alegre. Para o dezaoito de xullo poderemos ver a primeira, “A construcción do espectador”, unha antoloxía dos fondos da Fundación La Caixa que amosa as diferentes modalidades de recepción da obra de arte desde os anos sesenta.