O factor Mans

A Fundación Paideia Galiza, a través dos Estudios Mans, exerce un liderado crecente en apoio á profesionalización musical

A Fundación Paideia Galiza, a través dos Estudios Mans, exerce un liderado crecente en apoio á profesionalización musical
Foto: Estudios Mans
Partindo da base dunha iniciativa social a Fundación Paideia Galiza, sen deixar de lado esa labor, está a converterse arestora nun axente de primeira orde dentro do panorama da música profesional. Cos Estudios Mans como epicentro dese movemento a fundación coruñesa expándese tanto en profundidade de implicación como en alcance xeográfico. A posta en marcha do seu selo dicográfico no horizonte de 2020 e de xeito inmediato levar o seu plan formativo a outras comunidades coas que funcionar en rede. Os novos proxectos van por esa liña e consolidan a Paideia como unha referencia coa que contar no desenvolvemento dunha industria musical galega moderna.

Cando hai 15 anos a Fundación Paideia Galiza inaugurou as súas instalación do estudios Mans resultou tan estraño aos de fóra como aos propios, pero Rosdalía Mera, empresaria e co-fundadora de Inditex xunto co seu ex marido Amancio Ortega era unha muller que podía sorprender, unha "muller visionaria", asegura Guillermo Vergara, vicepresidente da institución que lembra a sorpresa de todos os traballadores cando a presidenta fundadora monta o estudo de gravación, "a nós sorpréndenos, porque é un espazo e unha ferramenta totalmente nova para nós e dunha industria que ata fai pouco non coñeciamos". Aquel proxecto nacía pensando na gravación de música sinfónica para películas. Vencellada á produción audiovisual a través das inversión que a súa sociedade ROSP Corunna tiña en empresas como como Continental o Milou Films, Mera observou a potencialidade dun estudio de gravación que non fixese necesario ás produtoras moverse a outros países do este de Europa para a sonorización dos seus filmes. A calidade e dimensión das instalacións inauguradas no Polígono de Pocomaco facían de Estudios Mans unha perfecta ferramenta para iso que pronto se comprobou que ademais podía conxugarse cos principios fundacionais de Paideia e cun dos seus cinco eixos de traballo: o emprendemento. Tras a desaparición, en 2013, de Rosalía Mera a súa filla Sandra Ortega colleu o relevo tamén nesta faceta como presidenta da fundación e seguiu o camiño antes iniciado consolidando pouco a pouco o seu papel de relevancia no panorama musical grazas a unha evolución orgánica dos seus servizos baseándose en dar unha resposta áxil ao que os músicos, creadores e emprendedores van demandando. "Sandra o que está facendo -asegura Vergara- é recoller esa visión da súa nai e apostar moi fortemente por un colectivo e un sector polo que cree que debe facelo" buscando dar oportunidades a queles que están decididos a traballar polo seu futuro e que arestora está inxustamente excluídos do sistema.

Sandra Ortega colleu o relevo de Rosalía Mera como presidenta da fundación e seguiu o camiño antes iniciado consolidando pouco a pouco o seu papel de relevancia no panorama musical grazas a unha evolución orgánica dos seus servizos


Nos estatutos da Fundación Paideia Galiza non atoparemos a palabra "música" ou "industria musical" por ningunha parte pero si "cultura", "desenvolvemento", "economía social" "formación" e "exclusión social". A posibilidade de intervir positivamente no desenvolvemento e crecemento dos talentos emerxentes, de apoiar proxectos desta industria cultural da música en particular entre as novas xeracións a partir desa clave que son os estudios Mans e o centro de iniciativas empresariais Mans revelouse na fundación como un camiño a seguir atendendo a demandas reais do seu entorno contribuíndo a unha mellora social e cultural efectiva. Actualmente, segundo as contas públicas da fundación dos anos 2015-2016-2017 o eixe de actividade de Emprendemento no que está incluído Mans consume case un 40% do orzamento de actividade anual da Fundación, levemente superior aos dous millóns de euros en 2017. Case unha cuarta parte dos seus ingresos procede da doazón do propio grupo ROSP Corunna de Sandra Ortega, maís do que recibe en total das administracións públicas en rexime de subvencións ou colaboracións.
pe de foto
Estudios Mans. Plató 2 Foto: Estudios Mans

Da busca do talento ao apoio da profesionalización
O apoio a artistas ou a xente inquieta que buscan iniciar un proxecto empresarial na industria musical, xa sexa na súa propia representación como na de terceiros, está a ter na Fundación Paideia ao seu maior expoñente actual, fundamentalmente a través dos programas de formación pero tamén en xornadas, convocatorias e outras accións. Cos estudios Mans como ferramenta fundamental desta actividade son numerosas as iniciativas que van cubrindo as necesidades que propón o sector musical. "Comezamos enfocalo facendo audicións e buscando talento para ver como estaba a escena de aqueles emprendedores e emprendedoras que querían ter unha carreira musical", lembra Vergara, "e foi a raíz de gravarlles os seus primeiros traballos no estudo que nos facían unha serie de preguntas que nós mesmos, ignorantes sobre a industria musical, descoñeciamos: ¿Cómo xestiono os meus dereitos? ¿Cómo monetizo o meu traballo? ¿Onde podo presentar o meu EP? ¿Cómo podo tocar nun festival? ¿Qué se fai cun produto musical a nivel xurídico, fiscal e tributario?". A raíz desas formulacións de cuestións para as que o persoal de Paideia non estaba preparado a contestar, pero que lles parecían interesantes para os seus fins efectivos de apoio ao emprendemento, comezaron a contactar coas fontes profesionais do sector para ir achegándose ao estado da cuestión. "Comezamos a chamar, sen coñecer a ninguén, a promotores de festivais, a xente que traballaba no márketing da industria dixital, a managers... Tódolos paos que podíamos imaxinar que había na industria musical e así fomos conformando esta serie de formacións dirixidas, xa non tanto a detectar o talento artístico senón a poder profesionalizar o emprendemento musical", lembra o vicepresidente da Fundación.

Apenas fai uns días presentábanse os proxectos que participaron na segunda edición do programa Go2Work, coworking en Enprendemento Musical organizado por Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Desta volta foron 19 os proxectos que presentaron, fundamentalmente nacidos da man de músicos e creadores que aspiran impulsar as súas apostas creativas nun panorama tan complicado como o actual da música, no que a porcentaxe de creación que se desenvolve polos tradicionais camiños das discográficas tradicionais, grandes ou pequenas, é cada vez menor e o creador vese na obriga de controlar todas as partes da cadea de valor que vai desde o seu momento creativo ata a recepción por parte do público e a obtención duns ingresos por iso que fagan viable a súa dedicación. Na anterior edición outros tantos proxectos acharon neste programa a base desde a que empezar a dar o seus pasos en forma de empresas de servizos de representación e promoción de músicos, organización de espectáculos, e mesmo unha axencia de turismo musical. A devir estritamente musical desta formación explícao Vergara como unha resposta á demanda real. "A primeira formación que comezamos hai tres ou catro anos non se chamaba "industrias musicais", chamábase "Industrias culturais" e nesa había alumnado de diferentes tipos dentro das artes escénicas, había xente do audiovisual, había xente que montaba unha produtora, había xestores culturais e había músicos, pero xa nas seguintes formacións houbo ese polo de atracción concreto que cada vez máis os alumnos eran máis músicos que outra cousa", asegura, "ao final foi en base a esta demanda real da sociedade civil que as formacións ían moito máis dirixidas ao sector específico que as demandaba."

"Estamos convencidos de que estes modelos despois terían que integrarse nos novos modelos de formación pública"


Un modelo para o ensino público
O programa completo desta iniciativa non meramente informativo e un ensino que aspira a servir de modelo para o ensino público. Dez bloques de formación en todas as facetas da profesión e da industria musical durante catro meses a cargo de profesionais convidados de empresas líderes do sector chegan de toda España a tratar cuestións como a produción técnica, a distribución, o plan de negocio, a promoción e os aspectos legais, rematando nunha titorización individualizada con prácticas reais e a posterior presentación de proxectos. Pouca broma para un plan de estudios que non se está cubrir dun xeito tan avanzado e pegado á realidade actual desde ningunha oferta pública de estudios regulados. "Estamos convencidos de que estes modelos despois terían que integrarse nos novos modelos de formación pública dirixidos para a sociedade", di Guillermo Vergara e lembra que no sistema público de educación actual, tanto na universidade coma nos ciclos de FP non se está a enfocar deste xeito transversal a formación desta xente interesada, tampouco desde as escolas propiamente artísticas de música ou conservatorios se cobren estas necesidades posteriores dos músicos no mercado de traballo, "teñen que coñecer cal é a realidade da empresa e cal é a realidade do negocio, da rúa e do mercado, sobre todo aqueles músicos que non van ter recursos para ter o seu representante, para ter un manager ou un selo", entende Guillermo, "tes que darlle uns recursos, aportarlle unhas ferramentas en distintas disciplinas que non son ás propias porque están sos no mercado, non tes esa xestoría, non tes ese mánager, non tes ese avogado, ten que xestionar só os seus dereitos e perseguilos, teño que monetizalos, que saber algo de redes, saber algo de márketing", engade.

O seguinte paso: a edición discográfica
Nesta andaina na que a Fundación Paideia Galiza vai aprendendo a medida que avanza e vai engadindo máis e máis coñecemento e seguridade á hora de moverse pola "xungla" da industria musical aparecen no horizonte dúas novidades. A primeira é a de aumentar a súa capacidade de servizo sumando aos de impulso, formación, apoio e ás posibilidades técnicas de gravación a posibilidade de editar como selo discográfico propio aqueles traballos xurdidos da súa canteira de emerxentes e dos seus programas de acción. Acompañar aos artistas no resto do seu percorrido unha vez recoñecido o talento, engadido o coñecemento, feita a gravación e a promoción. "Estamos aí agora mesmo e sería un obxectivo e un reto de aquí ao ano 2020", confirma Vergara ao tempo que asegura querer dar ese paso con prudencia ante o complicado dunha industria tan complexa e na que aínda lles quedan por coñecer algunhas das súas características,"senón sería moi atrevido pola nosa parte e unha falta de responsabilidade", di o vicepresidente da Fundación.

"Pasamos unha fronteira en canto a que cremos que a música ten que moverse e que institucións como a nosa ten que apoiar se queremos que grupos galegos vaian fora, temos que xerar sinerxias con outras comunidades autónomas e traballar en rede"


O alcance xeográfico, o radio de acción das súas accións formativase musicais, tamén aumenta e traspasa as propias fronteiras galegas. Nunha colaboración que manteñen con Radio 3 levan adiante unha acción de Residencias Sonoras pola que grupos e artistas coñecidos de toda España son convidados durante unha semana na Coruña nuns apartamentos situados no quinto andar da Fundación, asistindo cada día aos Estudos Mans a preparar un tema, que tras eses días se emite ne directo no progrma da cadea pública estatal. A acción ten un carácter promocional do propio esrudio e da atividade de implicación coa industria musical de Paideia. "Isto faise para que Estudios Mans sexa un espello no que mirarse e un polo de atracción para toda a escena musical, que vexa que este estudo está aberto a todos os estilos e sexa un medio de publicidade", di Vergara. Pero ademais hai un novo fito por diante para a Fundación Paideia Galiza que co seu seguinte programa de formación para o emprendemento musical xa moi próximo a comezar expandirase a dúas novas localizaciónsa sumar á da súa central coruñesa: Barcelona e Granada. Esto será posible grazas a acordos de colaboración co Festival Primavera Sound da cidade condal e ao concello da cidade andaluza e un acordo de patrocinio coa empresa cervexeira Mahou-San Miguel que inclúe xiras dos proxectos musicais seleccionados polas salas nas que a cervexera promove actuacións. Dese xeito os proxectos galegos poderán xirar por Cataluña e Andalucía e a mesma movilidade terán os desas comunidades. O programa ademais se impartirá de xeito itinerante polo mesmo equipo docente nos tres casos que buscarán impulsar 22 proxectos en cada un dos sitios. "Pasamos unha fronteira en canto a que cremos que a música ten que moverse e que institucións como a nosa ten que apoiar se queremos que grupos galegos vaian fora, temos que xerar sinerxias con outras comunidades autónomas e traballar en rede e facilitar que as nosas bandas se movan nelas e que bandas de outras comunidades poidan estar en espazos da nosa comunidade galega", conclúe Guillermo Vergara.