Abel Caballero, o alcalde de Vigo, anunciou hoxe o nomeamento de Miguel Fernández-Cid como novo director do MARCO, logo da reunión do Padroado da Fundación, celebrada este luns. Miguel Fernández-Cid, foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago entre 1998 e 2005. É Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade Complutense de Madrid. Foi profesor de crítica, estética e arte do século XX nas facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra; é Académico da Real Academia Galega de Belas Artes desde 2009 (sección expertos nas Artes), foi Premio Cultura Galega de Artes Plásticas 2016 e, desde 2015, é membro do Consello da Cultura Galega na sección creación e artes visuais contemporáneas. Caballero explicou que se presentaron seis candidaturas ao concurso e a proposta da comisión técnica de valoración realizouse por unanimidade, coa inhibición do presidente do Padroado, Cayetano Rodríguez, "que preferiu non tomar parte na votación renunciando ao seu dereito a votar". O alcalde vigués destacou que é a "primeira vez" que se elixe ao director do MARCO a través dun concurso público con "expertos de recoñecido prestixio internacional e independentes". O alcalde de Vigo valorou como un "acerto" o nomeamento, "aínda que a miña opinión ao lado da dos técnicos non é significativa", quixo aclarar. Sinalou que os dous anteriores directores, Carlota Álvarez (2002-2005) e Iñaki Martínez (2005-2017) foron escollidos tamén por concurso público, pero cunha valoración realizada por representantes membros do Padroado, "sen restar ningún mérito a ningún dos dous", dixo.
O Padroado da Fundación Marco aprobou a proposta de nomeamento realizada pola Comisión Técnica de Valoración para o posto de director da Fundación que levaba máis dun ano sen ocupar desde a renuncia de Iñaki Martínez Antelo en novembro de 2017 tras varios desencontros co alcalde Abel Caballero. Tal e como expuxo o rexedor, este comité foi nomeado por tódalas institucións que integran o Padroado (Concello, Xunta e Ministerio de Cultura). A comisión de valoración estivo presidida polo concelleiro de Cultura, pero formada por catro expertos de recoñecido prestixio: Miguel Zugaza, director do Museo de Bellas Artes de Bilbao, que foi director do Museo do Prado entre 2002 e 2017; Juan Manuel Bonet, quen desde 1995 a 2000 foi director do Instituto Valenciano de Arte Contemporáneo e, posteriormente, director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, de Madrid. Entre 2012 e 2017 foi director do Instituto Cervantes de París e, en xaneiro de 2017, foi elixido director do Instituto Cervantes a nivel internacional. Amais, formaban parte do comité Antón Castro, profesor titular do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Vigo e Lucas García Guirao, subdirector adxunto de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte.