Memorias de un hombre en pijama suma un premio Gaudí ao seu Palmarés

O documental Desenterrando Sad Hill foi recoñecido coa medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos

A piques de resolverse a súa nominación aos Premios Goya, o filme Memorias de un hombre en pijama, dirixida por Carlos Fernández de Vigo, acaba de sumar un Premio Gaudí ao seu palmarés. A produción de Ézaro Films fíxose co galardón á Mellor Película de Animación na 11 edición dos premios que concede anualmente a Acadèmia del Cinema Català. O vindeiro sábado 2 de febreiro saberase se se impón na mesma categoría dos Premios Goya, que se fallarán en Madrid.

Canda a este traballo de animación, tamén o filme Desenterrando Sad Hill, do vigués Guillermo de Oliveira saberá se consegue o premio ao mellor documental nos Goya. Mentres, conseguiu o recoñecemento do Círculo de Escritores Cinematográficos, que lle outorgou a esta produción a súa medalla anual. A película percorre a tentativa dun grupo de afeccionados de recuperar o escenario final do filme O bo, o feo e o malo en Burgos.