A Asociación de Directores de Escena recoñece a Xulio Lago co seu Premio de Honor

Eduardo Alonso, Manuel Lourenzo e Cándido Pazó recibirán tamén as medallas deste colectivo estatal

Xulio Lago. Fonte: ADE
Xulio Lago. Fonte: ADE
A nova edición dos premios da Asociación de Directores de Escena conta con importantes recoñecementos ao sector dramático galego. A entidade estatal acordou outorgarlle o seu Premio de Honra deste ano a Xulio Lago, en recoñecemento ao "relevante labor desenvolvido ao longo de toda a súa vida como director de escena e actor, así como na promoción e xestión dun proxecto teatral como Teatro do Atlántico, que se ten prolongado durante máis de trinta anos". Canda a este recoñecemento, Lago recibirá unha das medallas da asociación, un recoñecemento que tamén obterán Eduardo Alonso, Manuel Lourenzo e Cándido Pazó, o que fan catro profesionais galego entre os dez galardóns deste ano.



Entre os finalistas dos premios ADE figuran tamén Manuel F. Vieites como candidato ao galardón ao mellor estudo teatral pola súa obra El teatro vacío. Manual de política teatral. Pola súa banda, a tradución de O facedor de teatro de Thomas Bernhard que realizou Catuxa López Pato sitúa esta profesional entre as finalistas á mellor tradución teatral do ano. A entrega dos galardóns da asociación realizarase o vindeiro 4 de febreiro no Teatro da Comedia de Madrid.