Alberto Vázquez é o primeiro galego proposto para os premios do Salón de Barcelona logo de dez anos

Alberto Vázquez “vexo ben a BD galega, hai autores consagrados, noveles e moito movemento”

É o primeiro autor galego proposto para os premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona nunha década. Estudia Belas Artes en Valencia e só leva dous anos facendo banda deseñada. Alberto Vázquez, un dos talentos máis prometedores da banda deseñada galega, xa conta aos seus vintetrés anos cun álbum publicado e con máis de dúas ducias de premios gañados.

O teu nome destaca con forza... ¿cantos premios levas acadado?

Pois non sei. Ao longo destes dous anos, arredor de quince. Realmente non levo a conta. Os premios acostuman ser cartos, recoñecemento e anímante a seguir traballando, a seguir facendo cousas. Pero non lles dou tanta importancia.



¿E cales son os seguintes concursos aos que te vas presentar?


Non me vou presentar a case ningún máis porque non vou repetir nos que xa gañei. Pero non sei, ao mellor este ano preséntome ao de Ourense, porque xa entro na categoría dos maiores.



Entraches no mundo da banda deseñada cando estabas a estudiar Belas Artes...


Foi por casualidade. Cheguei a Pontevedra en primeiro de carreira e, como todos os estudiantes, non sabía o que me gustaba. No segundo curso empecei a vivir con Jano, que tamén é debuxante e foi quen me introduciu na lectura de banda deseñada. Eu antes lía pero non tiña unha afección clara. Desde entón empecei a ler cousas que tiña el e foi cando me comezou a interesar este mundo. Aínda que de pequeno lía e regalábanme moitas, pero na adolescencia non continuei con esa afección e desentendérame completamente dese mundo ata ese momento.




O MEU ESTILO É POUCO COMERCIAL PERO AO VER O QUE FAN OUTRAS EDITORIAIS PENSO QUE ME QUEDO CURTO







¿É por iso polo que o teu estilo é pouco comercial?

De feito penso que si. Podo considerarme así a respecto do que entendemos coma o tópico da banda deseñada. Pero mirándoo ben creo que ata son bastante comercial. Ademais, hai moitas bandas deseñadas de editoriais españolas coma De Ponent ou Sinsentido, así como en Francia, que son aínda máis experimentais, polo que eu penso que mesmo quedo curto moitas veces.



¿E desde que empezaches a hoxe notaches algunha evolución no teu estilo?

Penso que todo o que publiquei, mesmo para concurso, muda bastante de rexistro gráfico. Agora estou preparando unha historia longa, da que levo dez páxinas ou así, e non ten nada que ver, por exemplo, con “Freda”. Tampouco me gusta desenvolver un estilo moi recoñecible porque non teño moita madurez aínda como para dicir “así teño que debuxar”.



Sen embargo, si se poden apreciar fíos comúns. As túas historias caracterizáronse, ata o de agora, polo seu ton intimista

Si, o que pasa é que agora mesmo estou mudando un pouco iso. Estou tentando darlle esa liña intimista pero doutro xeito, a través de recursos narrativos distintos. Agora vexo o traballo anterior e véxolle bastantes erros. Tamén son consciente de que ten algúns acertos, pero é algo bastante novel. Caracterízome porque nunca estou contento e estou tentando sempre pulir todo.




NUNCA ESTOU CONTENTO CO RESULTADO FINAL E TENTO SEMPRE PULILO TODO








Ademais da banda deseñada ¿desenvolves outro tipo de expresión artística?

Si, claro, interésanme moitas máis cousas pero o que pasa é que está todo moi relacionado. Por exemplo, gústame moito a animación e o deseño gráfico. En xeral interésame calquera tipo de expresión artística, especialmente a gráfica. Por iso estou a facer un pouco de todo, aínda que o máis recoñecible meu son as bandas deseñadas. De feito, gracias á banda deseñada e ao tipo de narración podes meterte con máis claridade en campos coma a animación.



¿Como valoras a túa experiencia logo de publicar as túas primeiras historias longas como “Alter Ego” e “Freda”?

A experiencia de Alter Ego foi un pouco precipitada porque é moi complexo. Sacalo ti todo: o debuxo, o guión, a imprenta, a predixitalización, logo da comercialización, ir reclamar a todos os comercios para que paguen... é unha lectura. Aínda estamos agora tanto Jano coma eu tentando contactar coas distribuidoras; é moi difícil mover o material e é unha tolemia. Nnon merece a pena a non ser que saques unha tiraxe moi curta. Tanto Jano coma min sacamos mil exemplares e agora temos que “comelos” todos. Aínda temos para distribuír durante varios anos máis. En cambio no caso de “Freda”, vai cunha editorial bastante potente, De Ponent, que te move sen ningún problema, ten contactos no estranxeiro; ti entregas, páganche por adiantado e desenténdeste de todo. O trato coa editora foi estupendo.





VEXO ERROS NOS MEUS TRABALLOS E TAMÉN ACERTOS, PERO TODO ISTO É PORQUE SON AÍNDA NOVEL




¿E isto quere dicir que non podemos contar con novas experiencias túas en autoedición?

A autoedición é boa en tiraxes curtas, ata cincocentos exemplares. Pero tirar máis é moi arriscado. Se xa non hai público para editoriais coma Sinsentido ou De Ponent, que son empresas fortes en España, ¿como o vai haber para unha cousa autoeditada? Tes que ter outra planificación cando fas unha autoedición. Cando digo que me trabuquei refírome a que me equivoquei tirando mil exemplares.



No caso de “Freda” ¿Que tal foi a súa aceptación?

Pois moi ben. Acabo de estar seleccionado para a categoría de autor revelación no Saló de Barcelona, que é algo importante. Polo demais houbo moi boas críticas nas revistas, a xente por aquí felicítame bastante. Por suposto é un traballo interesante, pero hai que ter en conta que é un traballo novel. Eu quedei bastante contento, non porque sexa un grande álbum senón porque é unha banda deseñada decente, pero é o primeiro que fago.



¿Como te sentiches ao sabéreste proposto como autor revelación no Saló de Barcelona? Sobre todo logo de ser o primeiro autor galego proposto logo dunha década

Sentinme ben, pero tampouco foi a grande alegría da miña vida. Eu ía facer “Freda” estivese ou non seleccionado. Esa vía para darte a coñecer no medio está ben, pero tampouco importa tanto darse a coñecer porque non hai moito mercado. Non o fas por cartos, non o fas por prestixio... falo porque che sae de dentro. A todo o mundo lle gusta ser recoñecido no que fai, igual que che gusta ler banda deseñada, gústache que outra xente lea as túas. Foi unha alegría pero tampouco lle dei moita importancia.



¿Cales son as túas influencias en banda deseñada?

De todo tipo, sobre todo agora mesmo da banda deseñada franco-belga. Dupuy-Barberian, debuxantes de L’Association coma Banoli, Sfar... Tamén me gusta moito Daniel Clowes, Burns, Del Barrio, Max...moitísima xente, as influencias son moi variadas, e seguro que esquezo unha chea.




¿Como ves a situación da BD galega?

Moi ben. É unhas das rexións máis interesantes a nivel estatal. Eu estou a estudiar en Valencia e polo núcleo de ilustradores valencianos, que hai moitos e moi bos, penso que Galicia non ten nada que envexar. Ten autores consagrados coma Prado e Das Pastoras... Ten autores noveles. Ten movemento, o salón da Coruña, as Xornadas de Ourense e de Pontevedra, ten a revista “BD Banda”. Eu penso que está ben, dentro do ben que se pode estar en España; é unha rexión bastante forte e con debuxantes moi interesantes.




GUSTARÍAME VIVIR FACENDO BANDAS DESEÑADAS PERO TODOS SABEMOS QUE É BASTANTE DIFÍCIL






¿Veste traballando profesionalmente na banda deseñada?

Non o sei. Gustaríame vivir de algo relacionado con isto, se é facendo bandas deseñadas moitísimo mellor. Pero todos sabemos que está bastante difícil. Eu vou seguir facendo as miñas cousas, sacando as miñas cousas e, se algún día me fago profesional, estupendo, e se non haberá que traballar doutra cousa, pero se pode estar relacionado mellor. Sempre che dá algún ingreso, e se é o que che gusta realmente hai que facelo.



¿Cales son os teus vindeiros proxectos?

Agora mesmo estou preparando un novo álbum pero non quero que sexa precipitado. Teño xa dez páxinas pero como proxecto, non teño ningunha meta inmediata. Cando fixemos “Freda” tanto Kike Benlloch, o guionista, coma min tiñamos un problema inmediato, que era o tempo. Había que facelo en oito meses porque era para presentar no INJUVE (Instituto de la Juventud Española). E desta volta quero tomalo máis relaxadamente, non no sentido de que vaia máis lento, senón á hora de coidar máis o material. En “Freda” tiña aínda a escusa de que era a miña primeira obra; agora teño que facer algo con peso e como autor propio. Antes estaba apoiado por Kike Benlloch; penso que é o intre de facer algo eu só e facer un material forte.