Andrea Maceiras gaña o Premio Lazarillo de Literatura infantil e xuvenil

A coruñesa presentou un relato de ciencia ficción de título 'Rusgalía'

Andrea Maceiras                                             Foto: Edicións Xerais de Galicia
Andrea Maceiras Foto: Edicións Xerais de Galicia
A escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) ven de alzarse co Premio Lazarillo de Creación Literaria pola obra titulada Rusgalía. Este galardón é o máis antigo na literatura infantil e xuvenil no Estado, foi convocado por vez primeira no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e mozos e actualmente convócao a Organización Internacional para el Libro Juvenil (OEPLI), en colaboración co Ministerio de Educación y Cultura. Da obra gañadora o xurado salientou que é "unha obra ben urdida e entramada cunha linguaxe poética con belísimas escenas que transpórtante a un mundo galáctico. Unha aposta á imaxinación desbordante e á ciencia ficción". Optaron ao premio desta categoría un total de 119 obras, das que 69 eran de narrativa, 36 de poesía e 14 de teatro. De todas elas, 108 estaban escritas en castelán, 9 en galego e 2 en catalán. O premio conta cunha dotación de 3.000 euros. En anteriores edicións recibírono escritores como Agustín Fernández Paz ou Marilar Aleixandre ou, máis recentemente Marcos S. Calveiro, María Solar ou Ledicia Costas.